BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Decembro, 2007:

Artes leva a protesta a diante do Concello

A propiedade do autobús foi cedida á Conselleira de Educación

O pasado sábado, día 15 de decembro, acompañamos aos pais e nais do alumnado de ESO de Artes, que se concentraron diante do Concello de Ribeira, para facerlle chegar a propiedade do seu autobús á Conselleira de Educación.

Agardan que a Consellaría corresponda con agarimo ao seu agasallo, poñendolle un con motor que leve ao alumnado de Artes ao instituto, como ten prometido en sede parlamentar o Director Xeral de Ensinanzas Especiais.

Xosé Luís Groveiro, voceiro das persoas afectadas, informou que se seguiran manifestando ata que se lles dea unha solución ao problema do trasporte de Artes.

Nova na Voz:
As protestas en Artes seguirán se non se amplía a liña de bus

Denunciamos o perigo dun muro agretado

parede.jpg gretas.jpg

O BNG de Ribeira ven de solicitar que por parte do Goberno Municipal se tomen, de inmediato, as medidas oportunas para que un muro da Rúa da Barreira a piques de caer, sexa apuntalado, en tanto non se proceda ao seu derrubo controlado.

Na Rúa da Barreira, no lugar de Fondevila, á altura do número 31, hai unha parede dunha edificación a piques de derrubarse. O devandito muro presenta gretas e un aspecto alombado, ameazando con virse abaixo en calquera momento.

Consideramos que o Goberno Municipal debe actuar de inmediato polo risco que o estado deste muro implica para todas as persoas e vehículos que a diario pasan polo seu carón.

Iniciativa Municipal:
2007-12-12muroruabarreira.pdf

III Xornada Micolóxica de Altofalante

A Asociación Cultural Altofalante celebrou o sábado, día 15 de decembro, a III Xornada Micolóxica. O Programa foi o seguinte:

- Ás 10:00 horas, presentación da Guía “Os cogomelos máis Comúns” no salón de actos do CIELGA do Parque Natural en Carreira pola súa autora, Anxeles González Cruxeiras, Vicepresidenta de Altofalante.

- De seguido fíxose unha recollida de cogomelos polo entorno do Parque Natural, guiada con monitoras/es.

- Finalmente tivo lugar a tradicional degustación gastronómica nos muíños de Amendo. Como todos os anos, Altofalante puxo as “viandas”, bebidas e demais… pero os participantes tamén levaron algo, como xa é costume. O prato forte, como non podería ser doutro xeito, foron os cogomelos. As persoas asistentes poidamos degustar este exquisito e apreciado manxar preparado de formas diversas.

O bo tempo contribuíu a unha xornada micolóxica moi agradábel, que sempre deixa bo sabor de boca e que fai que moitas persoas non faltemos a esta xa tradicional cita a que, cada ano, nos convida Altofalante. Como ben di Ánxeles na súa guía: “A multitude de formas, aromas, cores, a espontaneidade dese apaixonante mundo, a simpleza e ao mesmo tempo a complexidade fan deste mundo algo único, que “chega a enganchar”..., xa hai persoas adictas ás recolleitas, ás degustacións, ás exposicións.” Vaian dende aquí os nosos parabéns para Altofalante por un traballo ben feito.

Xestionamos a posta en marcha do campo da Fieiteira

Campo de herba artificial da Fieiteira

O BNG fixo as xestións necesarias diante da Deputación de A Coruña e da Consellería de Industria para que a posta en marcha do campo de futbol de herba artificial da Fieiteira sexa unha realidade en breve.

Congratulámonos pois de que as nosas xestións acadaran os seus froitos. Nestes días a empresa constructora entregará o campo de fútbol á Deputación para que esta o entregue posteriormente ao Concello.

O BNG fixo todas estas xestións, que máis adiante se detallan, ante o evidente abandono de funcións por parte do Goberno Municipal e a demanda lóxica e insistente dos clubs de fútbol.

Dende o BNG temos a responsabilidade de tentar resolver esta situación e así o estamos a facer. Nós nunca xogamos a poñer trabas para dificultar que obras ou servizos se poñan en marcha no noso concello. Quen tal afirma só esconde as súas carencias como xestor, porque o que fixo o BNG de Ribeira tiña a obriga de facelo o propio goberno local.

Pola nosa banda, seguiremos traballando para que tanto o campo de herba artificial como a piscina da Fieiteira estean en marcha canto antes e á disposición da cidadanía que é a quen nos debemos.

Antecedentes e xestións feitas:

En 2003 iniciáronse os trámites na Deputación para que en Ribeira houbese un novo vaso da piscina e un novo campo de herba artificial. Unha obra orzamentada en preto de 900.000 euros e que ata estas datas, case rematado o 2007, non está, de xeito completo, a disposición dos usuarios/as do noso concello. Son moitos/as os deportistas que queren usar estas instalacións deportivas e cando menos son 3 clubs de fútbol, cun numerosas categorías base, os que queren facer uso do campo.

Dende o BNG xa levamos tempo interesándonos pola tardanza na posta en marcha destas instalacións, reunímonos cos clubs para oír as súas demandas, fixemos solicitudes instando ao goberno municipal a que tomara o asunto en serio e o resolvera. Exemplos recentes poden ser a solicitude feita o 28 de agosto demandando melloras no complexo deportivo da Fieiteira ou a solicitude de Novembro reclamando o arranxo das luces dos campos de futbol da Fieiteira.

Xa antes de rematar a temporada 2006-07 os clubs de fútbol nos fixeron saber que precisaban a legalización deste campo que á vista de todos/as estaba rematado, xa que sen esta legalización non poderían disputar partidos oficiais no mesmo.

A finais de agosto os técnicos municipais informáronnos que en poucos días todo estaría amañado e os clubs poderian usar o campo. Pasou o tempo e ante esta deixadez de funcións do goberno de Ribeira, iniciamos unha serie de xestións informativas para saber de primeira man como estaba a situación administrativa destas instalacións e ver, na medida das nosas posibilidades, de desbloquear a situación coa finalidade de poñer a disposición da cidadanía estas instalacións. Traballamos a dous niveis: na Deputación de A Coruña e na Delegación da Consellería de Industria.

Na Deputación informóusenos que hai certos problemas do acabado da obra do novo vaso que impiden que a Deputación a recepcione, paso previo para que esta poida ser recepcionada posteriormente polo concello. Tamén se nos informou que a parte da obra correspondente ao campo de fútbol estaba rematada. Plantexámoslle entón á Deputación, a través da nosa deputada Rosana Pérez, a posibilidade dunha entrega parcial da obra na que se recepcionaría o campo de fútbol nun primeiro momento e logo a piscina. Dende o ente provincial autorizouse facer esta entrega parcial.

Solicitamos, como representantes públicos, información á Delegación de Industria sobre o estado do expediente destas instalacións deportivas. Se nos remite documentación na que se indica que a vella piscina de Ribeira aínda está pendente de legalizar xa que falta documentación que debería ter enviado o noso Concello dende 1989. Ademais hai requirimentos para subsanar deficiencias relacionadas cos paneis solares, instalación de climatización, etc. Todas estas deficiencias estaban moi relacionadas coa piscina. Ao estar na mesma instalación a vella piscina e novo vaso, Industria non podería autorizar a legalización desta última se antes non se resolven as incidencias do vello vaso.

Todas estes requirimentos foron informados en tempo e forma ao noso Concello por escrito e incluso un técnico municipal foi en novembro de 2006 á propia Delegación de Industria onde se lle explicou de primeira man que cuestións non eran correctas e como subsanar esas deficiencias. Dicir que dende aquela ata o 12 de decembro de 2007 (vai alá máis dun ano) o Concello de Ribeira non enviou ningunha documentación á Delegación de Industria para resolver estes requirimentos.

Ante esta situación o BNG de Ribeira preguntou aos técnicos da Delegación de Industria se sería posible a legalización parcial do campo de herba artificial. A resposta foi afirmativa, indicando que só habería que facer a correspondente solicitude e unha serie de obras menores para separar as instalacións eléctricas da piscina e do campo de herba. Cuestión esta que debe facer formalmente o equipo de goberno, unha vez que, en poucos días, sexa entregado o campo de fútbol ao Concello. Agardamos máis dilixencia a partir de agora. Se Ribeira ten un alcalde, que se note que vai sendo hora.

Requerimentos da Consellería de Industria ao Concello:
2007-12-13documentos_industria_fieiteira.pdf

Demandamos o soterramento do cableado

Un Poste no medio da rúa

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Francisco Ayaso Bretal, ten presentada unha moción diante da Corporación Municipal pola que reclamamos que en todas as obras que se realicen no casco urbano e nos núcleos de poboación, que impliquen o levantamento da calzada ou beirarrúas, se deixen as canalizacións necesarias para poder soterrar estes servizos.

Tamén demandamos que se negocie con FENOSA e TELEFÓNICA para soterrar as liñas nos núcleos de poboación e no casco urbano, así como a retirada dos postes que están invadindo a calzada en diferentes lugares do concello.

No casco urbano de Ribeira levamos anos padecendo unha situación de obra inacabada por falta de previsión e planificación do Grupo de Goberno do PP. As obras inícianse simultaneamente en distintas rúas sen rematar en ningunha, pese a ter sobradamente esgotado o prazo de execución. A todo isto súmase a falla de sinalización dos constantes cortes de tráfico, e o inexistente deseño de itinerarios alternativos, que ocasiona infinidade de problemas a toda a cidadanía.

A falla de previsión, planificación e control na realización da obra pública faise tamén patente en outras actuacións. Así, na maioría dos casos, o acondicionamento de rúas e beirarrúas non ten previsto o soterramento do cableado para as liñas eléctricas, telefónicas, nin sequera o do alumeado público.

Un bo exemplo é a Rúa Mariño de Rivera. Nesta rúa preténdese grapear o cableado e colocar as farois ó longo das fachadas das vivendas, co trastorno que eso supón para os propietarios e para a estética dos edificios.

Para o grupo municipal do BNG, o Concello deberá facer as obras dando o mellor servizo posible para os nosos veciños/as e tamén pensando na modernización da nosa cidade, deixando previstas todas as canalizacións necesarias para poder soterrar os cableados que pasan ó longo das fachadas das edificacións.

Iniciativa Municipal:
2007-10-19soterramentocableado.pdf

Nova na Voz:
Os nacionalistas ribeirenses reclaman que se aproveiten as obras para enterrar o cableado

Demandamos unha actuación integral en Fondevila

Unha representación veciñal amosounos as deficiencias de FondevilaRúa da HabanaA veciñanza a carón do poste da vergoñaO poste da vergoña

O Grupo Municipal do BNG ven de solicitarlle ao Goberno Municipal que inclúa no orzamento do vindeiro ano unha partida para levar a cabo unha actuación integral no lugar de Fondevila que supoña:

• O arranxo e mellora da rúa da Habana.

• A mellora das canalizacións de todo o barrio e do pavimentado de todas as rúas, dotando tamén dos contedores necesarios para a recollida selectiva do lixo.

• Acondicionar un espacio de lecer no barrio e regular a circulación dun xeito máis acaído.

• O arranxo da fonte pública que alí existe e, en xeral, de todo o seu entorno, levando a cabo as actuacións necesarias para a recuperación do seu caudal.

O lugar de Fondevila e o seu entorno presenta un aspecto moi deteriorado, polos escasos investimentos que se fixeron nos últimos anos en todo o barrio, a pesar das promesas feitas en Pleno polo Grupo de Goberno do PP. A parte superior da rúa da Habana, que dá servicio directo a catro vivendas, resulta intransitable debido ao precario estado do seu firme. Algunhas persoas mesmo estacionan os seu vehículos diante obstruíndo o paso por semellar un camiño a ningunha parte. A carón desta rúa existe unha finca particular en lamentable estado, pese as labores feitas polos propios veciños e veciñas, sobre a que o concello debera actuar.

Ademais son varias as rúas que presentan roturas en tubarias e todas elas necesitan unha mellora no firme. O barrio precisa tamén dunha dotación adecuada de contedores para a recollida selectiva de lixo.

A emblemática fonte e o lavadoiro de Fondevila e o seu entorno, aínda moi utilizados pola veciñanza, precisan unha actuación cara a mellorar o seu estado de limpeza e conservación. Tamén habería que valorar as causas da alarmante diminución de caudal producida nos últimos anos e actuar na súa recuperación.

Fondevila é un barrio vivo. Hai, polo tanto, abundante circulación de vehículos que compre regular. É preciso establecer os sentidos idóneos de circulación e os lugares de aparcamento máis acaídos.

Consideramos tamén moi importante a dotación ao barrio dun espacio de lecer ao que poida ter acceso toda a veciñanza.

Iniciativa Municipal:
2007-11-08actuacionintegralfondevila.pdf

Transporte en Artes: recta final

Xosé Luís Groveiro“Aínda que poida parecer un caso de importancia menor desde unha perspectiva xeral, o caso do transporte de alumnado de ESO en Artes, do que se está a falar estes días nos medios de comunicación da comarca, é relevante e non só por agachar unha situación de discriminación e desigualdade de trato senón tamén porque, pese a ser a máis coñecida, non é única. Volveremos falar do transporte no ensino público.

Que despois de catro anos de demandas, con apoio unánime de toda a sociedade ribeirense, co recoñecemento da propia administración educativa, primeiro na Delegación Provincial de Educación e logo no Parlamento Galego, con anuncio mesmo de solución para inicio do presente curso, aínda hoxe non estea resolto o problema non pode máis que cualificarse de esperpéntico. Por non entrar a falar da desconfianza que situacións deste tipo xeran na cidadanía cara os seus administradores.

No caso que nos ocupa non hai ningún tipo de problema de tipo técnico que impida dar unha solución satisfactoria. A empresa de transporte cifra en pouco máis de 100€ o custo diario do servizo: un prezo ridículo para a administración dar un servizo que evitaría que máis de vinte alumnos e alumnas percorreran varias veces ó día máis dun quilómetro ou que viaxaran de pé no autobús.

Pero non hai mal que cen anos dure sobre todo se quen o padece está disposto a evitalo. As recentes mobilizacións dos veciños de Artes, escasos en número pero sobrados de razón, están a piques de conseguir por si mesmos algo que vai moito máis alá das súas simples pretensións iniciais. Sendo a solución ó seu problema de transporte escolar unha cuestión máis de horas que de días, os veciños de Artes están a piques de dar unha lección de cidadanía que, de paso, vai poñer a uns cantos no seu sitio.”

Xosé Luís Groveiro é concelleiro do BNG de Ribeira

Nova relacionada en Canal Rias Baixas:
Os pais de Artes instan á coporación a respalda-las súas demandas

Aforro enerxético no alumeado de Nadal

O BNG de Ribeira, por medio do seu concelleiro Xosé Luís Groveiro, ven de reclamar diante do Goberno Municipal que teña en conta criterios de aforro enerxético á hora da instalación do alumeado de Nadal coa contratación de sistemas que utilicen tecnoloxías eficientes e de baixo consumo.

Directivas europeas e as súas aplicacións normativas estatais e autonómicas veñen de-mandando a implantación progresiva de medidas de promoción do aforro enerxético tanto no ámbito privado como nos diferentes servizos públicos.

O alumeado público, con ser un servizo esencial, supón non só un importante gasto para as arcas municipais senón tamén unha importante contribución á contaminación atmosférica que algúns estudos calculan no equivalente ó xerado pola metade do tráfico rodado dunha cidade como puidera ser o caso de Ribeira.

No tempo de Nadal é xa habitual que os Concellos contraten a instalación de alumeado público ornamental. É pois unha boa ocasión para, en aplicación das normativas referidas, se proceda, no momento da contratación, a seleccionar modelos de alumeado que apliquen tecnoloxías eficientes que supoñan un importante aforro enerxético. O Concello contribuiría tamén, con esta medida, a difundir na poboación o exemplo de que o aforro enerxético é cousa de todos e todas. Existen no mercado modelos que aplican lámpadas con tecnoloxía LED que, sen menoscabo da calidade estética, supoñen un importante aforro no gasto enerxético e no impacto ambiental conseguinte. Un hipotético maior custo de aluguer podería perfectamente ser compensado cunha máis racional distribución do tempo de uso e conexión.

Iniciativa Municipal:
2007-11-26aforro_enerx_nadal.pdf

Reclamamos o arranxo dun valado de obra

O BNG de Ribeira, por medio do seu concelleiro Luís Teira, presentou unha iniciativa por medio da cal demanda que o Goberno Municipal inste á empresa promotora dunha obra en Insuela-Palmeira para que, de xeito inmediato, arranxe o valado protector e acondicione o camiño tal como estaba.

No lugar de Insuela en Palmeira hai unha obra na que se están construíndo vivendas xusto en frente do porto.

Coa chuvia e vento dos pasados días corréronse as terras dun camiño lindante coa obra o que provocou o derrube de parte do valado metálico que rodea a nomeada construcción. Como dende a obra se excavou con profundiade, o camiño quedou elevado, xerándose un desnivel de varios metros de altura xusto pegado ao camiño público, co risco que pode supor para os viandantes que transiten por ese lugar.

A situación ten especial gravidade xa que é un camiño moi preto de casas e dun establecemento hoteleiro.

Iniciativa Municipal
2007-11-24arranxo_vallado_obra_insuela.pdf

Nova na Voz:
Protección de obras

Reclamamos parques infantís de lei

parques-infantis.jpg

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Ana Álvarez, ven de presentar unha iniciativa municipal pola cal solicita que se realice a obrigatoria inspección e revisión por técnicos competentes e con formación acreditada e que se adecuen tódolos parques do noso concello á normativa vixente.

Ao mesmo tempo tamen demandamos que se adecuen circuítos independentes para xogos de velocidade (bicicletas, patinetes e similares) e pistas multideportivas (baloncesto, fútbol,...).

A Poboación de Ribeira conta con 4.272 nenas e nenos de 0 a 15 anos (fonte INE). A Convención dos Dereitos dos nenos e nenas, do ano 1989, ratificada polo Estado español, dispón no seu artigo 30.1º o dereito dos nenos/as ao descanso e ao esparexemento, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade. Pola súa parte a resolución do Parlamento Europeo sobre a Carta Europea dos Dereitos do Neno/a refírese a estes mesmos dereitos.

A Lei Orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor sinala que as administracións públicas deberán exerce-las súas competencias en materia de control e adecuada regulación e supervisión dos espacios nas condicións físico-ambientais e hixiénico-sanitarias. As recomendacións técnicas relativas á seguridade nos equipamentos e instalacións das áreas de xogo desenvolvéronse polo Comité Europeo de Normalización nas diferentes normas UNE-EN (1176 e 1177). Esta lexislación ten o seu correlato en Galicia no Decreto 245/2003, de 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade dos parques infantís.

Existen tamén informes encargados pola Xunta de Galicia que demostran que a maioría dos parques infantís teñen importantes deficiencias.

Se botamos unha ollada aos parques infantís do noso municipio, advertimos que moitas destas deficiencias detectadas pola Xunta se reflicten nas nosas instalacións: risco de ficar atrapados, enferruxamento de elementos metálicos, arestas e saíntes afiados, ancoraxes deficientes… A máis disto, na maioría das instalacións, as superficies de amortecemento de impactos, que deberán protexer aos nenos no caso de caídas non existen na meirande parte dos parques existentes.

O Decreto mencionado establece a obrigatoriedade dos concellos a adaptar a normativa nun prazo máximo de cinco anos mellorando o deseño dos distintos elementos e a súa protección contra caídas, substituíndo a area do chan por superficies flotantes de cortiza ou outro material amortiguante, incorporando unha serie de indicacións e sinalizacións para previr accidentes e facilitando o acceso de menores e persoas con discapacidade e integrando xogos adaptados para estes menores.

Iniciativa Municipal:
2007-12-07solicitudeparquesinfantis.pdf

Nova na Voz:
O BNG reclama melloras no mantemento e seguridade dos parques infantís de Ribeira

Nova no Diario de Arousa:
O BNG de Riveira esixe ao Concello que efectúe as inspeccións obrigatorias