BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Decembro 28th, 2007:

O BNG insta a Educación a mellorar o transporte de Artes

Ana Pontón e Dominga Brión en rolda de prensa

O BNG INSTA A EDUCACIÓN A SEGUIR “PRESIONANDO” Á EMPRESA DE TRANSPORTE DO IES DE COROSO PARA QUE AMPLÍE O SERVIZO PARA OS ALUMNOS DE ARTES

A Consellaría asegura que está a negociar e que as razóns de que non se cumprise o compromiso de mellora no transporte son “de índole empresarial”

A deputada do BNG Ana Pontón formulou esta mañá na Comisión Cuarta do Parlamento unha pergunta sobre a situación que están a padecer os alumnos do IES de Coroso, en Ribeira, procedentes de parroquia de Artes.

A parlamentar lembrou que, no pasado mes de maio, xa formulou unha pergunta sobre este mesmo tema e obtivo como resposta o compromiso da Consellaría de mellorar o transporte, para que estes alumnos/as non teñan que percorrer distancias de até dous quilómetros até a parada.

Trataríase, pois, de modificar o percorrido do autobús de transporte escolar, ademais de respostar ás queixas de pais e nais sobre a “saturación do servizo”, polo que sería necesario incrementalo.

Mais, malia o compromiso adquirido e o anuncio de que a situación podería estar solucionada neste curso, non houbo cambio algún, feito polo que a asociación de pais e nais ten iniciado unha campaña de mobilizacións polo “crecente malestar da comunidade educativa”.

O director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, asegurou que “si se cumpríu o compromiso, aínda que non se teña satisfeito a demanda”.

Solución a medio prazo

Segundo explicou, o servizo de transporte escolar préstase con liñas regulares de transporte, o que “condiciona as posíbeis medidas de xestión”, polo que a Delegación Provincial da Consellaría dirixíuse á empresa instándolle a que se modificase a ruta regular para satisfacer esta demanda.

O problema veu ocasionado pola negativa da firma a atender este requerimento “por razóns empresariais”, mais Vázquez asegurou que seguen traballando e que neste mesmo mes houbo unha nova reunión entre a Consellaría e a empresa “que amosou a súa disposición a estudar a incidencia que podería ter a introdución de cambios dos horarios necesarios para modificar o intinerario”.

Vázquez tamén subliñou a existencia de “problemas no percorrido” polo que denominou como “entrada estreita e de difícil acceso” e dixo que están “á espera do informe da empresa”, polo que augurou unha “solución a medio prazo para este problema”.

As razóns empresariais non poden condicionar un servizo público

A deputada do Bloque lembrou no seu segundo turno de intervención que o percorrido que tería que facer a liña sería o mesmo que xa fai o transporte do CEIP, polo que asegurou non entender onde estaba o problema.

En calquer caso, a parlamentar dixo que “as razóns empresarias e económicas non deben ser un impedimento para prestar un servizo público” e instou á Consellaría a seguir “presionando” para obter unha pronta solución a esta situación.

Tamén lembrou que “a normativa que regula o transporte escolar debería ser modificada en algúns aspeitos”, xa que, tal e como lembrou o propio director xeral, a norma non marca a distancia máxima que poden percorrer os alumnos/as até a parada.

Artes pídelle aos Reis Magos o transporte escolar

artes.jpg

Nais e pais do alumnado de Artes, nun novo intento por chamar a atención da Consellería de Educación sobre o seu problema, acudiron aos Reis Magos para que lle concedan as súas peticións ó longo do presente curso.

Aproveitaron a presenza do paxe real no auditorio de Ribeira para facerlle entrega dunha carta na que lle piden aos Reis Magos a ampliación da ruta do autobus que actualmente leva ós seus fillos e fillas ata o instituto de Ribeira onde cursan estudos. Con este acto simbólico pretenden reclamar novamente a atención da Consellería de Educación sobre un problema que levan denunciando anos.

Este mesmo venres, a deputada do BNG, Ana Pontón, formulou unha pregunta parlamentaria sobre o estado das negociacións para dotar ao alumnado de Artes dun transporte en condicións. Polo momento, semella que os rapaces e rapazas terán que armarse de paciencia e afrontar a volta ás aulas, novamente, sen autobus escolar.

Nova no Canal Rías Baixas:
Os pais de Artes piden ós Reis Magos unha liña de transporte escolar

Informe sobre a Cobertura de TDT en Ribeira

Mapa de situación dos Centros Emisores e das parroquias

O BNG de Ribeira tivo acceso a un informe de RETEGAL, S.A. no que se analiza a cobertura do sinal de TDT nas parroquias de “Artes, Oleiros e Olveira, pertencentes ao Concello de Ribeira. Parroquias situadas na estribación oeste da Serra do Barbanza; zona de difícil orografía, cubertas dende o punto de vista radioeléctrico por diversos Centros Emisores.”

Según o informe, “estas zonas, dependendo da situación, reciben o servizo de TV dende os Centros Emisores de: Domaio; Muros; Porto do Son e Curota; ademais dun Micro-reemisor situado en Olveira.”

Para a realización deste informe, persoal de RETEGAL, S.A. realizou unha serie de medidas de cobertura o pasado día 12 de decembro deste ano nas devanditas parroquias. As consideracións e conclusións son as seguintes:

“As zonas obxecto de estudio teñen unha orografía moi complicada, ao que se une unha situación xeográfica que provoca a recepción de sinais interferentes de zonas afastadas.

O Concello de Ribeira, dentro do Plan de Transición á TDT, está incluído no Proxecto de Transición de Domaio, a data de “apagado” da cal é o 3 de Abril de 2010; data esta na que a actual TV analóxica debe ser substituída pola TDT.

Analizadas as diferentes medidas realizadas podemos dicir que o Multiplés Autonómico (TV.G.) é con diferenza o que mellor cobertura ten nas referidas parroquias, existindo unicamente zonas localizadas sen servizo. Esta cobertura verase incrementada co próximo inicio de emisións dende o Centro reemisor de A Curota, ao que se engadirá a posta en servizo do Centro Emisor de Porto do Son, previsto para xaneiro do 2009.

Non obstante o anterior, unha vez operativos a totalidade dos Centros planificados para a rede primaria polas diferentes cadeas de TV, é previsible que zonas como as de Oleiros e Campelo, polas súas especiais condicións orográficas, requiran a instalación de encheocos (“gap-fillers”).”

Precisamente, o Grupo Municipal do BNG, coñecedor destes problemas, ven de presentar novamente unha iniciacitiva pola que solicita do Goberno Municipal que, unha vez realizados os estudos técnicos pertinentes, xestione ou proceda á instalación por propia iniciativa dos equipamentos precisos que o estudo técnico determine para proporcionar cobertura da TDT a todos os núcleos do Concello.