BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Decembro, 2007:

25.000 FELICIDADES!!!

25.000 FELICIDADES!!

2007 remata brindándonos o mellor dos agasallos: a vosa presenza diaria neste espazo web, que se foi incrementando día a día, até chegar xa ás 25.000 visitas, dende a súa posta en funcionamento a mediados do mes de marzo.

Queremos, unha vez máis, agradecervos a todos e a todas a vosa participación, tanto se nos deixades as vosas opinións, como se preferides pasar por aquí dun xeito máis silencioso.

Dende este recuncho do ciberespacio seguiremos informándovos do noso traballo e das nosas iniciativas e agardamos seguir contando coa vosa confianza, coas vosas opinións e, sobre todo, coa vosa presenza no vindeiro ano.

Vintecinco mil grazas e o nosos mellores desexos para o 2008!!

A Executiva propón a Dominga Brión para o Congreso

A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego vén de aprobar, por unanimidade dos presentes, as propostas de listas completas ao Congreso dos Deputados e ao Senado. Así, de ser aprobada a proposta nas asembleas comarcais e ratificada no Consello Nacional, Dominga Brión ocuparía o cuarto lugar da lista pola circunscrición da Coruña.

A portavoz do BNG no Concello de Ribeira é a primeira militante nacionalista da Barbanza que é proposta para o número catro nas listas das Xerais. Até este momento o posto máis alto para un militante da comarca fora o quinto en 1989.

A Executiva tivo presentes varias cuestións á hora de elaborar as listas. En primeiro lugar o BNG optou por candidatos e candidatas con capacidade, preparación e experiencia, o cal explica a presenza de numerosos alcaldes e alcaldesas tenentes alcalde e concelleiros con responsabilidades de goberno. O BNG, dada a importancia das eleccións xerais de marzo do 2008 para que Galiza teña unha forza decisiva en Madrid, desexa implicar na campaña electoral aos seus máximos referentes institucionais.

En segundo lugar, tívose en conta a paridade. Así, o BNG terá 12 mulleres por 11 homes no conxunto das candidaturas ao Congreso. No tocante ao Senado, haberá 6 candidatos e 6 candidatas.

En terceiro lugar, as propostas efectuadas polas asembleas comarcais, nun proceso de consulta democrática e participativa á militancia sen comparación posíbel con outras forzas políticas; e en cuarto lugar, a representatividade das distintas comarcas dentro das candidaturas polas circunscricións electorais provinciais.

Esta proposta efectuada pola Executiva Nacional será sometida á consideración das asembleas comarcais entre os días 7 e 12 de xaneiro, para ser ratificada polo Consello Nacional – previsibelmente o día 19 do mesmo mes – se así o decide o máximo órgano entre asembleas da organización nacionalista.

Proposta de listas da Executiva Nacional:
propostalistasxerais.pdf

Nova na Voz:
O BNG propón a Dominga Brión para as listas ao Congreso

O BNG insta a Educación a mellorar o transporte de Artes

Ana Pontón e Dominga Brión en rolda de prensa

O BNG INSTA A EDUCACIÓN A SEGUIR “PRESIONANDO” Á EMPRESA DE TRANSPORTE DO IES DE COROSO PARA QUE AMPLÍE O SERVIZO PARA OS ALUMNOS DE ARTES

A Consellaría asegura que está a negociar e que as razóns de que non se cumprise o compromiso de mellora no transporte son “de índole empresarial”

A deputada do BNG Ana Pontón formulou esta mañá na Comisión Cuarta do Parlamento unha pergunta sobre a situación que están a padecer os alumnos do IES de Coroso, en Ribeira, procedentes de parroquia de Artes.

A parlamentar lembrou que, no pasado mes de maio, xa formulou unha pergunta sobre este mesmo tema e obtivo como resposta o compromiso da Consellaría de mellorar o transporte, para que estes alumnos/as non teñan que percorrer distancias de até dous quilómetros até a parada.

Trataríase, pois, de modificar o percorrido do autobús de transporte escolar, ademais de respostar ás queixas de pais e nais sobre a “saturación do servizo”, polo que sería necesario incrementalo.

Mais, malia o compromiso adquirido e o anuncio de que a situación podería estar solucionada neste curso, non houbo cambio algún, feito polo que a asociación de pais e nais ten iniciado unha campaña de mobilizacións polo “crecente malestar da comunidade educativa”.

O director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, asegurou que “si se cumpríu o compromiso, aínda que non se teña satisfeito a demanda”.

Solución a medio prazo

Segundo explicou, o servizo de transporte escolar préstase con liñas regulares de transporte, o que “condiciona as posíbeis medidas de xestión”, polo que a Delegación Provincial da Consellaría dirixíuse á empresa instándolle a que se modificase a ruta regular para satisfacer esta demanda.

O problema veu ocasionado pola negativa da firma a atender este requerimento “por razóns empresariais”, mais Vázquez asegurou que seguen traballando e que neste mesmo mes houbo unha nova reunión entre a Consellaría e a empresa “que amosou a súa disposición a estudar a incidencia que podería ter a introdución de cambios dos horarios necesarios para modificar o intinerario”.

Vázquez tamén subliñou a existencia de “problemas no percorrido” polo que denominou como “entrada estreita e de difícil acceso” e dixo que están “á espera do informe da empresa”, polo que augurou unha “solución a medio prazo para este problema”.

As razóns empresariais non poden condicionar un servizo público

A deputada do Bloque lembrou no seu segundo turno de intervención que o percorrido que tería que facer a liña sería o mesmo que xa fai o transporte do CEIP, polo que asegurou non entender onde estaba o problema.

En calquer caso, a parlamentar dixo que “as razóns empresarias e económicas non deben ser un impedimento para prestar un servizo público” e instou á Consellaría a seguir “presionando” para obter unha pronta solución a esta situación.

Tamén lembrou que “a normativa que regula o transporte escolar debería ser modificada en algúns aspeitos”, xa que, tal e como lembrou o propio director xeral, a norma non marca a distancia máxima que poden percorrer os alumnos/as até a parada.

Artes pídelle aos Reis Magos o transporte escolar

artes.jpg

Nais e pais do alumnado de Artes, nun novo intento por chamar a atención da Consellería de Educación sobre o seu problema, acudiron aos Reis Magos para que lle concedan as súas peticións ó longo do presente curso.

Aproveitaron a presenza do paxe real no auditorio de Ribeira para facerlle entrega dunha carta na que lle piden aos Reis Magos a ampliación da ruta do autobus que actualmente leva ós seus fillos e fillas ata o instituto de Ribeira onde cursan estudos. Con este acto simbólico pretenden reclamar novamente a atención da Consellería de Educación sobre un problema que levan denunciando anos.

Este mesmo venres, a deputada do BNG, Ana Pontón, formulou unha pregunta parlamentaria sobre o estado das negociacións para dotar ao alumnado de Artes dun transporte en condicións. Polo momento, semella que os rapaces e rapazas terán que armarse de paciencia e afrontar a volta ás aulas, novamente, sen autobus escolar.

Nova no Canal Rías Baixas:
Os pais de Artes piden ós Reis Magos unha liña de transporte escolar

Informe sobre a Cobertura de TDT en Ribeira

Mapa de situación dos Centros Emisores e das parroquias

O BNG de Ribeira tivo acceso a un informe de RETEGAL, S.A. no que se analiza a cobertura do sinal de TDT nas parroquias de “Artes, Oleiros e Olveira, pertencentes ao Concello de Ribeira. Parroquias situadas na estribación oeste da Serra do Barbanza; zona de difícil orografía, cubertas dende o punto de vista radioeléctrico por diversos Centros Emisores.”

Según o informe, “estas zonas, dependendo da situación, reciben o servizo de TV dende os Centros Emisores de: Domaio; Muros; Porto do Son e Curota; ademais dun Micro-reemisor situado en Olveira.”

Para a realización deste informe, persoal de RETEGAL, S.A. realizou unha serie de medidas de cobertura o pasado día 12 de decembro deste ano nas devanditas parroquias. As consideracións e conclusións son as seguintes:

“As zonas obxecto de estudio teñen unha orografía moi complicada, ao que se une unha situación xeográfica que provoca a recepción de sinais interferentes de zonas afastadas.

O Concello de Ribeira, dentro do Plan de Transición á TDT, está incluído no Proxecto de Transición de Domaio, a data de “apagado” da cal é o 3 de Abril de 2010; data esta na que a actual TV analóxica debe ser substituída pola TDT.

Analizadas as diferentes medidas realizadas podemos dicir que o Multiplés Autonómico (TV.G.) é con diferenza o que mellor cobertura ten nas referidas parroquias, existindo unicamente zonas localizadas sen servizo. Esta cobertura verase incrementada co próximo inicio de emisións dende o Centro reemisor de A Curota, ao que se engadirá a posta en servizo do Centro Emisor de Porto do Son, previsto para xaneiro do 2009.

Non obstante o anterior, unha vez operativos a totalidade dos Centros planificados para a rede primaria polas diferentes cadeas de TV, é previsible que zonas como as de Oleiros e Campelo, polas súas especiais condicións orográficas, requiran a instalación de encheocos (“gap-fillers”).”

Precisamente, o Grupo Municipal do BNG, coñecedor destes problemas, ven de presentar novamente unha iniciacitiva pola que solicita do Goberno Municipal que, unha vez realizados os estudos técnicos pertinentes, xestione ou proceda á instalación por propia iniciativa dos equipamentos precisos que o estudo técnico determine para proporcionar cobertura da TDT a todos os núcleos do Concello.

Historia de Carreira

Historia de Carreira

Despois do intenso traballo de investigación que Javier Crugeiras realizou ao longo de catro anos, sae a luz o libro “Historia de Carreira”.

O seu autor recolle en 140 páxinas a historia e a realidade actual da súa parroquia natal.

Máis información:
Historia de Carreira

Solicitamos que se mellore a cobertura da TDT

Parte do Grupo Municipal do BNG

O Grupo Municipal do BNG, por medio do Concelleiro Xosé Luís Groveiro, presentou unha iniciacitiva pola que solicita que o Goberno Municipal realice un estudo técnico de cobertura da TDT no Concello de Ribeira polo que se determinen as necesidades de equipamentos para proporcionar cobertura a todos os núcleos de poboación do noso concello.

Tamén reclamamos do Goberno Municipal que xestione ou proceda á instalación por propia iniciativa dos equipamentos precisos que o estudo técnico determine para proporcionar cobertura a todos os núcleos do concello.

O Plan técnico da Televisión Dixital Terrestre (establecido polo RD 944/2005 do Ministerio de Industria) considera a TDT como un servizo público esencial para a cidadanía. Este Plan, que prevé unha cobertura final (sinalada inicialmente para o ano 2010) próxima ó 95/98% da poboación, promove a utilización das actuais infraestructuras da TV analóxica para a instalación dos novos emisores dixitais e contempla tamén (adicional 12ª) a participación local na extensión da cobertura.

Son coñecidas as deficiencias na recepción da TV analóxica que diversas zonas do concello de Ribeira padecen desde hai moitos anos, nomeadamente amplas zonas das Parroquias de Oleiros, Artes, Olveira e mesmo do centro urbano. O BNG ten reclamado diante do Goberno Municipal a corrección destas deficiencias mediante diferentes iniciativas como a presentada en Marzo de 2005 que fora aprobada por unanimidade. Co paso do tempo mantense a cobertura das TV practicamente na mesma situación de deficiencia.

Como administración máis próxima á cidadanía o Concello de Ribeira, e concretamente o seu Goberno Municipal, ten a responsabilidade de realizar as xestións e tomar as medidas necesarias para garantir á súa poboación a máxima cobertura deste servizo básico esencial que será nun futuro inmediato a TDT. A tecnoloxía actual dispoñible e a colaboración institucional permítenos perseguir unha cobertura do 100% dos núcleos de poboación do noso concello co obxectivo de acadar a cobertura universal das redes públicas de radiodifusión e rematando así ca discriminación por motivos xeográficos.

Iniciativa Municipal:
2007-12-26-tdt.pdf

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG esixe un estudo para a implantación da TDT en Ribeira

Nova na Voz:
O BNG insta a mellora do sinal televisivo en Ribeira

Nova no Diario de Arousa:
Instan ao Concello a que solvente as carencias na cobertura do sinal de TV

Bo Nadal e venturoso ano 2008

Bo Nadal e venturoso ano 2008

En nome do BNG de Ribeira e no meu propio, quero felicitarlle o Nadal a todas as persoas que día a día nos agasallan coa súa presenza e coa súa participación neste espazo web. Vaian dende aquí os nosos mellores desexos para o vindeiro ano 2008 a todos e a todas.

Que nestes proxectos de futuro común chamados Ribeira, Barbanza e Galiza, a estrela que nos guía alumee sendeiros de fartura e benestar para toda a cidadanía.

Bo Nadal e venturoso ano 2008.

Unha forte aperta.

Felicitación de Nadal:
nadal07.pdf

Xogos para a igualdade

VICEPRESIDENCIA PON EN MARCHA A CAMPAÑA HAI MOITO EN XOGO PARA CONCIENCIAR SOBRE A UTILIDADE DOS XOGUETES NA PROMOCIÓN DA IGUALDADE

 A iniciativa da Secretaría Xeral da Igualdade quere fomentar un xuízo crítico fronte á utilización sexista dos enredos

Santiago, 19 de decembro de 2007.- A Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia vén de poñer en marcha a campaña Hai moito en xogo. Xogando construímos a igualdade, coa que o departamento autonómico pretende concienciar sobre o uso e consumo dos xoguetes de forma racional e sobre a importancia dos mesmos na promoción de valores. Os materiais desta campaña distribuiranse durante o Nadal en comercios e centros de atención á primeira infancia.

O xogo é unha actividade que vai conformando a personalidade de nenos e nenas, posto que xogando desenvolven as súas capacidades psicomotoras, cognitivas, afectivas e sociais, e adquírense esquemas de conduta práctica que desenvolven actitudes e permiten aprender a vivir imitando modelos e pautas de comportamento. Por iso, o xoguete ten un papel fundamental como instrumento educativo neste desenvolvemento, e nesta etapa de socialización é fundamental que non se utilicen para reproducir roles e estereotipos sexistas, axudando no camiño da construción dunha sociedade máis igualitaria.

Neste senso, a Vicepresidencia quere destacar con esta campaña a importancia de ofrecer modelos para unha educación na igualdade, ao tempo que se aposta por fomentar o xuízo crítico fronte á utilización sexista dos xogos. Con esta iniciativa tamén se pretende contrarrestar a presión que exercen sobre os nenos e nenas e os seus pais e nais as campañas publicitarias en todos os medios de comunicación, especialmente cando se achegan as festas do Nadal.

Materiais

No marco desta campaña, que por terceiro ano pon en marcha a Vicepresidencia, vanse distribuír 50.000 carteis, 18.000 calendarios de peto, e 5.000 unidades didácticas dirixidas ás escolas infantís e ao persoal de atención á infancia. Todos estes materiais son moi gráficos e atractivos para os cativos e acompáñanse con mensaxes respecto do uso dos xoguetes, dirixidas fundamentalmente ás persoas adultas.

Demandamos a separación de pluviais e fecais en Aguiño

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Ánxeles González Cruxeiras, solicitou ao Goberno Municipal que leve a cabo de maneira urxente a separación de pluviais e fecais en varias rúas de Aguiño, nomeadamente nas Rúa Castelao e Carreiro.

Son xa innumerables as ocasións en que diversas rúas de Aguiño sofren problemas de asolagamentos e cheiros por mor das choivas. Entre outras, especialmente as rúas do Carreiro e a de Castelao, son unhas das máis prexudicadas.

A veciñanza demandou en numerosas ocasións que se lle dea solución ó problema que xera nesta zona a non separación de pluviais e residuais.

Con pequenas choivas as arquetas das augas fecais levantanse, vertendo os residuos por toda a estrada, chegando en moitos casos ás portas das casas da veciñanza, orixinando un cheiro pestilente. Ás molestias que isto ocasiona hai que engadirlle que teñen que ser estes/as veciños/as os que logo teñen que proceder á limpeza das rúas.

Coas enchentes de auga circulan os residuos que, como sempre, van parar ó receptor universal dos residuos, o mar, concretamente, á praia do Rebalo. É moi usual cando se da esta condición, ver unha mancha escura de grandes dimensións, sobre as verdosas augas do Rebalo, isto non é outra cousa que os residuos arrastrados polas enchentes.

Tendo xa constancia este Goberno Municipal dos múltiples atrancos que a non separación de pluviais e residuais está a causar no Concello, e concretamente nestas dúas rúas da parroquia de Aguiño, non é de recibo que aínda non se tomaran medidas para dar solución a este problema.

Dende o BNG consideramos que a separación de pluviais e fecais en todo o noso Concello, así como o saneamento integral, teñen que ser unha prioridade do Goberno Municipal. Polo menos así o é para un Goberno Municipal do BNG.

Iniciativa Municipal:
2007-10-26separacionpluviaisaguinho.pdf

Nova na Voz:
O BNG reclama que se acometa a separación de augas pluviais e fecais en Aguiño

Nova no Correo:
O BNG esixe poñer fin en Aguiño a verquidos de augas fecales

Nova no Diario de Arousa:
Solicitan la separación de aguas pluviales y fecales en las calles de Aguiño

Novas relacionadas:
Os integrantes do colectivo Sagres indican que hai núcleos de Aguiño que carecen de rede de saneamento