BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Novembro, 2007:

O PP desmantela o salón de actos da casa de cultura de Carreira

O BNG quere denunciar a irregular actuación do goberno do PP na dotación dun bar na Casa da Cultura de Carreira, desmantelando, ademais, con esta actuación o salón de actos.

Por esta razón, demandamos que o Goberno Municipal proceda a regularizar a situación do bar, e que, a maiores, dote a Casa de Cultura de Carreira dun salón de actos.

Fai arredor de dous meses comentábase por Carreira a apertura do Bar da Casa da Cultura de Carreira, ó pouco tempo comezaron as obras. A veciñanza da parroquia estaba encantada pois era unha forma de achegamento da xente a un espacio que estaba sendo infrautilizado.

Os problemas xorden cando nos decatamos de que desaparecía o salón de actos do local. O bar que se pretendía abrir ía ocupar este salón, polo que as ANPAS da parroquia, as Asociacións, a Comunidade de Montes e outros entes quedábanse sen un espacio onde facer as súas reunións, asembleas, festivais, etc.

E aínda xorden máis inquedanzas cando se puido comprobar que a concesión do bar se facía dun xeito absolutamente irregular: non existía ningún tipo de procedemento de contratación aberto, para garantir os principios de publicidade, transparencia e concorrencia que debe presidir en toda contratación administrativa. Pero o máis escandaloso aínda era que as obras as estivese costeando o “posible” beneficiario da concesión, sen que se iniciara sequera este proceso; ademais, tampouco existía un proxecto de obra sobre as reformas que se estaban a levar a cabo neste local público de equipamento cultural.

Uns días despois de que o BNG empezara a facer xestións a respecto deste tema, a raíz das denuncias veciñais, sae publicado na prensa un anuncio de concesión da cafetería, concretamente o día 25/10/2007, no que se daba un prazo de 6 días hábiles, ou sexa o prazo da remataría o día 1 de novembro. A estas alturas as obras que se estaban a levar a cabo estaban case rematadas.

O BNG considera positivo que a Casa de Cultura de Carreira conte cunha cafetería, pero facendo as cousas ao amparo da normativa vixente, con publicidade, transparencia e permitindo a libre concorrencia de todas as persoas interesadas na xestión destas instalacións, non dun xeito tan irregular e a costa de eliminar, ademais, un espazo público como é o salón de actos. Este edificio dispón doutros locais nos que se puido instalar a cafetería. Xa que non foi así, consideramos que deben acondicionarse agora para que a Casa de Cultura de Carreira conte con un salón de actos.

Iniciativa municipal:
2007-10-26casaculturacarreira.pdf

Demandamos unha Escola Oficial de Idiomas

Escola Oficial de Idiomas de Compostela

O BNG demanda, por medio do concelleiro Luís Teira, que Ribeira conte con unha Escola Oficial de Idiomas, de ámbito comarcal.

Dende o inicio deste curso escolar, o concello de Ribeira deixou de ter unha oferta formativa no ámbito das linguas. Trátase do ciclo inicial da Escola Oficial de Idiomas que se impartía no IES Nº1 de Ribeira. Esta formación estaba adscrita á escola oficial de idiomas de A Coruña, e grazas a ela os/as mozos/as do noso concello podían asistir aos 3 cursos do ciclo inicial de inglés e ter a correspondente certificación oficial da escola de idiomas.

Dende este curso a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dictou as indicacións pertinentes para que o nomeado IES Nº1 deixe de ofertar o primeiro curso desta formación de cara a unha eliminación progresiva destas ensinanzas do noso concello.

Ao BNG parécelle que esta formación complementaria é de vital importancia para a formación da nosa mocidade e deberíase ampliar esta formación cara: a posibilidade de participación de adultos neste tipo de formación, o aumento dos idiomas a impartir, onde debería estar o galego, etc. de cara a constituír en Ribeira unha Escola Oficial de Idiomas, de ámbito comarcal, onde se impartan todos os ciclos de linguas.

Iniciativa plenaria:
2007-11-16solicitudeescolaidiomas.pdf

Diario de Arousa:
O BNG propón solicitar unha Escola Oficial de Idiomas para Ribeira

Homenaxe ao nosos heroes

Homenaxe en Boiro

Quintana asegura en Boiro que a transferencia do salvamento marítimo é a única solución estrutural para evitar catástrofes como a do Prestige

O portavoz nacional do BNG participou nun acto en homenaxe aos bateeiros e mariñeiros que defenderon as rías galegas hai cinco anos

Boiro, 17 Novembro 07. O portavoz nacional do BNG asegurou hoxe en Boiro que Galiza debe autorresponsabilizarse dos seus problemas, e asegurou que o problema do Prestige non se debeu unicamente á incompetencia dos gobernantes senón sobre todo á falta de competencias do goberno autonómico en salvamento marítimo.

Quintana participou nun acto organizado polo BNG en Boiro, co lema “Galiza, dona da súa costa”, así como nunha homenaxe aos bateeiros de Cabo de Cruz que defenderon a ría de Arousa da entrada do fuel do Prestige. Asegurou “ter o convencemento de que as xentes do mar saíron hai cinco anos a defender o seu traballo, pero tamén para defender a Galiza” e comprometeuse a tomar nota das súas ensinanzas para que non se repita.

“Madrid sempre di que non a transferir competencias, pero logo non as executa; a xente non quere que os gobernos miren para outro lado, quere que se responsabilicen do problema, como fixeron hai cinco anos os mariñeiros de Cabo de Cruz”, afirmou.

O vicepresidente do goberno galego destacou a importancia da mar para a nosa economía, con 44.000 persoas traballando no mar e 150.000 no complexo mar-industria. “Para nós é algo estratéxico, pero para o Estado non é prioritario”, asegurou.

“En Galiza, cando falamos de mar, pensamos en lonxas e mexilloeiros, pero en Madrid, cando falan de mar pensan nunha sombrilla na praia. Cando o BNG fala de que as competencias residan en Galiza non só o fai por nacionalismo, que tamén, senón por eficacia e benestar para os cidadáns”, dixo.

No acto, que tivo lugar na Casa da Cultura da Cachada, interviron tamén Francisco Jorquera, senador e candidato ao Congreso pola provincia da Coruña para as próximas eleccións xerais, o alcalde nacionalista de Boiro, Xosé Deira, e a portavoz do BNG en Ribeira, Dominga Brión.

Máis información…

A Galega:
O BNG homenaxea os mariñeiros que loitaron contra a marea negra na ría de Arousa

Diario de Arousa:
Quintana y Deira recuerdan en Cabo de Cruz a los marineros que combatieron el chapapote

A Voz de Galicia:
Cabo foi escenario dun «acto de xustiza» coas xentes do mar

Solicitamos o arranxo dunha rúa en Parte ao Río

Rúa Parte ao Río, Carreira

O BNG, por medio da concelleira Anxeles Glez. Cruxeiras, ven de solicitar o arranxo dunha rúa no lugar de Parte ao Río, na parroquia de Carreira. Alí hai un tramo de rúa duns 300 metros de lonxitude, que da acceso a cinco vivendas, nunha das cales reside un veciño con dependencia que ten que desprazarse en cadeira de rodas porque logo de sufrir un accidente padece unha tetraplexía.

Fai xa máis de un ano que ocorreu o lamentable suceso, e dende aquela a rúa faise intransitable para a cadeira de rodas. En múltiples ocasións os familiares e veciños demandaron ante este Concello o arranxo da mesma recibindo sempre por resposta o asentimento, pero a día de hoxe o problema sigue sen solucionarse.

Son os familiares do veciño os que a diario teñen que facer un sobreesforzo, véndose obrigados a trasladar a cadeira de rodas ata un tramo accesible e ó mesmo tempo estar pendentes das saídas e chegadas do mozo porque é necesario que alguén o axude, coartándolle así a súa liberdade. O esforzo que esta familia ten que facer é insostíbel e podería aliviarse en certo xeito arranxando esa parte da rúa e facéndoa transitable, ó mesmo tempo que se daría paso ó cumprimento dunha obrigada normativa de Accesibilidade e Supresión de Barreiras Arquitectónicas e do desenvolvemento da mesma Lei de Dependencia.

Solicitude:
2007-10-26arranxoruaparteaorio.pdf

Demandamos novamente o arranxo da Rúa Revaleiras

Rúa Revaleiras, Palmeira

O BNG, por medio do concelleiro Luís Teira, ven de demandar novamente o arranxo dunha rúa en pleno casco urbano de Palmeira, a Rúa Revaleiras, que máis que rúa é unha corredoira sen asfaltar.

O estado que presenta a rúa é lamentable, unha parte revestida con cemento e outra sen nada coa terra á vista, onde medra a herba. Onde por suposto en épocas de choiva son numerosas as pozas que se forman.

Este camiño da acceso a varias vivendas familiares. Nunha delas ao final da mesma, viven sete persoas entre as que hai: un neno e unha nena que en días de chuvia deben sortear as pozas para non ir cos pes mollados ao cole; dúas persoas maiores, con problemas de saúde e unha delas, ademais, con mobilidade moi reducida que deben ir a miúdo a revisións médicas, o que significa que para chegar á ambulancia ou a un vehículo que as traslade a un centro médico é preciso recorrer un bo tramo a pé; hai que sumarlle ademais unha persoa con discapacidade psíquica.

Non é de recibo que rúas como esta sigan tendo un estado tan lamentable nunha cidade centenaria como a nosa.

O BNG de Ribeira xa levou esta iniciativa a pleno en xuño de 2005. A pesares de que daquela o alcalde se comprometeu en Pleno a facer as xestións oportunas para o acondicionamento integral da Rúas das Revaleiras, a súa situación segue sendo a mesma: a dun camiño de terra máis parecido a unha corredoira que a unha rúa. Un ano despois, en maio de 2006 lembrámoslle o seu compromiso pero fixo oídos xordos. Agardamos que desta sexa a vencida e se acondicione debidamente esa rúa de Palmeira.

Iniciativa Plenaria:
2007-11-16arranxoruarevaleiras.pdf

Concentración en Artes demandando melloras no transporte

Concentración Artes

Nais, pais e alumnado de Artes iniciaron o pasado venres as súas mobilizacións para esixir o cumprimento das promesas de Educación no sentido de ampliar o transporte ao alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos desta parroquia.

O voceiro dos afectados, Xosé Luís Groveiro, logo de detallar as pésimas condicións nas que se leva a cabo o transporte (alumnado que dista máis dun quilómetro da parada e mesmo que ten que ir de pé no autobús), deu lectura a un manifesto no que se lembraron os pasos dados desde hai máis de catro anos para reivindicar unha liña que recolla ao alumnado de Gude, Goda, Queimadoiros, Viñas e Sego. Falamos dun grupo de 30 alumnos e alumnas afectadas.

Groveiro lembrou que xa o Delegado Provincial de Educación instou por escrito á empresa de transporte a ampliar o servizo en outubro de 2006. Tal ampliación nunca se levou a cabo. Posteriormente, o 11 de maio de 2007, o Director Xeral de Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, afirmou no Parlamento Galego, en resposta a unha pregunta da deputada do BNG Ana Pontón, que “comprendemos a demanda, estamos a estudiar a ampliación e esperamos que estea en funcionamento a principios do curso 2007/2008”.

É o incumprimento da Consellería de Educación, pasados case tres meses do tempo prometido, o que desencadeou esta serie de protestas.

O voceiro dos afectados anunciou que o BNG xa volvera presentar unha pregunta na Comisión de Educación do Parlamento Galego (con data 9 de novembro pasado) pola falla de seriedade da Consellería á hora de cumprir as súas propias promesas. Tamén anunciou que o BNG presentará unha iniciativa de apoio no Concello.

Pais e nais de alumnos de Artes afirmaron na concentración deste venres que teñen pensado continuar coas mobilizacións en datas próximas se non se lles da unha solución ás, por outra parte, xa “concedidas” demandas, é dicir: transporte escolar para o alumnado de secundaria de Gude, Goda, Queimadoiros, Viñas e Sego, tal e como se leva a cabo co mesmo alumnado na etapa de primaria.

OS HEROES DA AROUSA

2002123185934.jpg

Sempre é bo lembrar o pasado para aprender e non cometer os mesmos erros. Cinco anos despois aínda doe lembrar esta data do 13 de novembro na que nin nos nosos peores pesadelos podíamos imaxinar o que se nos viña enriba. Aqueles “hilillos de plastilina” convertéronse nunha marea negra que asolou a nosa costa. Daquela, a dor inicial transformouse en desesperación, impotencia e logo en indignación ante o abandono e a indefensión que sufrimos por parte dos nosos gobernantes, tras unha nefasta xestión que converteu un accidente nunha tremenda catástrofe.

Din que a grandes males, grandes remedios e que a necesidade agudiza o inxenio; así foi, neste caso o mal e a necesidade foron tales que mesmo quitaron o mellor de nós. Este país ergueuse e fixo gala dunha valentía e dunha dignidade nunca vista. Naqueles días desapareceu o Estado e o pobo galego púxose en pé.

O porto de Aguiño dou a volta ao mundo. Lembro que aquel 2 de decembro estiven alí co noso deputado Carlos Aymerich. Impresionounos ver os tanques dun mexilloeiro cheos de chapapote. Saíran a probar se era efectivo o sistema de recollida que idearan. Como resultou exitoso, na mañá do día 3 dende o porto de Aguiño saíron planeadoras e mexilloeiros de toda a Arousa que se achegaran alí durante a noite para impedir a entrada da marea negra na Ría. Coas súas embarcacións e ás súas propias mans ou medios ideados por eles mesmos fixéronlle fronte ao manto negro que ameazaba con cubrir á ría máis rica do mundo, acabando co medio de vida de milleiros de familias.

Ese día volvín a ser testemuña, xunto con outros compañeiros e compañeiras do BNG, entre os que estaban, Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, como a pesar da tensión inicial porque non había onde descargar o chapapote, o dispositivo que puxeran en marcha estaba funcionando e a nova estendeuse por toda a ría. Conseguiran facer eles máis nunhas horas que os barcos anticontaminación en varios días. Aguiño converteuse, así, no porto que lle dou dignidade a este país e a xente do mar da Arousa nos nosos heroes.

Cundio o exemplo e o resto dos portos e a sociedade civil no seu conxunto sumouse a unha mobilización sen precedentes cun obxectivo común: salvar o noso mar, a nosa costa, a nosa riqueza pesqueira e marisqueira.

Unha marea branca foi a resposta solidaria chegada dende todos os puntos da península e mesmo de Europa e doutras partes do mundo; a eses milleiros de persoas debémoslle gratitude eterna.

Mentres, o BNG reclamaba medios e axudas para combater a catástrofe que tiñamos encima. Os patróns maiores de Pobra e o Grove e o Xerente da confraría de Cangas puxéronse en folga de fame para reclamar o mesmo. E a sociedade galega organizouse e, a ao berro de “Nunca Máis”, esixiu respecto e dignidade en Compostela, que acolleu a manifestación máis multitudinaria de toda a súa historia. Un berro que logo se repetiu en moitas localidades, incluída Ribeira, e que máis tarde chegaría tamén á capital do Estado español.

Cinco anos despois, aínda quedan moitas zonas que recuperar. De feito, no vindeiro ano contaremos, gracias a intervención do BNG, con unha partida orzamentaria de 300.000 €, nos orzamentos do Estado, destinados á recuperación do borde natural de Couso a Corrubedo e a Illa de Sálvora, aínda moi danados dende aquela.

A Barbanza ten no mar a súa principal industria. É, sen dubida, o motor da nosa economía. Por iso, necesitamos que esa riqueza estea protexida ante o serio perigo que corre pola cantidade de “Prestige” que a diario pasan por diante de nós.

Ademais, os vertidos contaminantes, fundamentalmente hidrocarburos, son unha constante fronte as nosas costas. Segun dados oficiais, no período comprendido entre os anos 2003 e 2006 (inclusive), sinalan a Ribeira e ao seu porto como o lugar de todo o litoral galego máis afectado por verteduras contaminantes mar-terra, en moitos casos directamente sobre bancos marisqueiros, con 44 episodios de contaminación mariña detectados, ao que lle hai que sumar 20 máis no resto dos portos da Ría. Iso sen contar os vertidos terra-mar, producto da deficiente ou inexistente depuración das augas residuais.

Non se pode asumir como normal esta situación. Os medios existentes na Barbanza para detección, control e combate da contaminación mariña son practicamente inexistentes. Ben é certo que en Ribeira acábase de crear unha base de salvamento, que conta cunha embarcación de intervención rápida, a Salvamar Sargadelos. Sempre é positivo ir dando pasos, pero, despois dos datos expostos, este equipamento resulta a todas luces claramente insuficiente.

O balance, cinco anos despois é que hai moito que facer. Que convén lembrar o pasado para que ninguén nos arrebate o noso futuro. E para iso, é importante ter competencias en salvamento marítimo para poder artellar medidas preventivas acaídas. Xa demostramos que o facemos mellor que dende Madrid.

A sociedade galega e o BNG, sempre ao seu carón, non deben consentir máis desastres nas nosas costas. Polo tanto, mareas de chapapote, de cemento armado, de fábricas de peixe ou calquera outras que poñan en perigo o noso mar, a nosa costa, a nosa riqueza pesqueira e marisqueira, NUNCA MÁIS.

Acto nacional de aniversario da catastrofe do Prestige

Cartel 5º aniversario Prestige

O BNG vai celebrar un acto nacional o próximo sábado 17 ás 6 da tarde no salón de actos da casa da cultura da Cachada en Boiro, para recordar o 5º aniversario da catástrofe do Prestige. Preténdese lembrar o acontecido nesta comarca fai 5 anos, recoñecer o papel fundamental que bateeiros, mariñeiros, mariscadores e mariscadoras desempeñaron naquelas datas.

Queremos, tamén, reclamar o traspaso das competencias sobre a defensa das nosas costas á Galiza, como mellor xeito de preparar un futuro onde catástrofes como a do Prestige non volvan a ocorrer.

Intervirán neste acto Xosé Deira, alcalde de Boiro, Dominga Brión, portavoz do BNG en Ribeira, Francisco Jorquera, coordinador da Executiva Nacional e senador, e Anxo Quintana, portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta de Galiza.

Lembranza dunha catrástrofe que asolou a nosa costa

Cinco anos despois aínda doe lembrar esta data na que nin nos nosos peores pesadelos podíamos imaxinar o que se nos viña enriba. Os “hilillos de plastilina” convertéronse nun manto negro que asolou a nosa costa. Esa dor inicial transformouse en desesperación, impotencia e logo mesmo en indignación ante o abandono que sufrimos por parte das administracións.

Din que a necesidade agudiza o inxenio; así foi, a necesidade foi tal que mesmo quitou o mellor de nós. Este país ergueuse e fixo gala dunha valentía e dunha dignidade nunca vista.

ALGUNHAS DATAS PARA A HISTORIA:

:: 13/11/2002

O petroleiro ‘Prestige’ lanza un SOS fronte a costa galega. Está a punto de afundirse a 28 millas ao oeste de Fisterra con unas 70.000 toneladas de fuel-oil no seu interior. O buque, que ten una vía de auga no casco, presenta una escora de 45 grados a estribor con grave risco de afundirse e de partirse en dous.

:: 19/11/2002

O Prestige afundiuse despois de ser paseado durante varios días por diante da nosa costa cun rumbo errático. Tres tanques quebraron cando o buque se foi a pique na mañá de hoxe a 234 kilómetros da costa. Galiza está ante a ameaza da maior catástrofe ecolóxica, económica e social da súa historia. Ventos do sudoeste e olas de seis metros empuxan cara o litoral do noso país 10.000 toneladas de fuel que saíron á superficie minutos despois de que o Prestige se fora a pique ao partirse en dous.

:: 21/11/2002

Créase a Plataforma Nunca Máis. Esta organización aglutinou desde entón a resposta cidadá ao desastre ecolóxico e á xestión levada a cabo polos diferentes gobernos responsables.

:: 01/12/2002

Unha marea humana reclamou na capital galega solucións contra a marea negra. Máis de 200 mil persoas berraron en Santiago «Nunca Máis».

:: 02/12/2002

A Arousa mobilizase ante a chegada da marea negra. Unhas 150 planeadoras e 15 barcos mexilloeiros recollerán o fuel do mar con unas espumadeiras ideadas polos bateeiros. Portugal di que, se nada cambia, as manchas chegarán ás Rías Baixas.

:: 03/12/2002

Os homes e mulleres da Arousa pelexan coas mans espidas. Mariñeiros, mariscadores/as e mexilloeiros toman a iniciativa ante a falta de medios e dunha resposta coordinada desde as diferentes administracións. Convertéronse así nos nosos heroes e Aguiño no porto base de operacións.

:: 04/12/2002

A xente da Arousa frea a marea e a loita estendese a Vigo e Pontevedra. Máis de 7.000 persoas recolleron o chapapote do mar polos seus propios medios nas Rías Baixas. Oitocentos barcos lograron frear a entrada da marea negra na Arousa. A sociedade civil no seu conxunto sumouse a unha mobilización sen precedentes.

:: 22/01/2003

Arredor de 42.000 estudiantes de ensino secundario, transportados por máis de 850 autobuses, participaron na mobilización da Coordinadora de Ensino Area Negra para constituír unha cadea humana na Costa da Morte, desde Laxe e Muxía. O acto tiña un carácter eminentemente docente e pretendía dar ao coñecer ao alumnado a situación provocada pola catástrofe do Prestige e inculcar nos rapaces e rapazas conceptos como solidariedade, participación democrática ou dereito a esixir responsabilidades políticas. Outros 12.000 tiveron que quedar nas súas localidades e tomar partido en actividades alternativas.

:: 23/02/2003

A marea de dignidade chega a Madrid. “Nunca Máis” convoca alí a máis de 300 mil persoas que chegaron dende todas as partes do mundo.

A Galega:
Hai cinco anos o ‘Prestige’ pedía axuda fronte as costas galegas
Muxía, cinco anos despois do Prestige
A marea negra fixo xurdir unha mobilización sen precedentes
Ata 18.000 buques pasan pola costa con mercadorías perigosas
Hoxe fanse cinco anos do afundimento do ‘Prestige’

Galicia-Hoxe:
O BNG cre que Galicia non está preparada para outro “Prestige”
O veleno do ‘Prestige’ segue vivo baixo a area
Douscentos millóns de toneladas perigosas sucan mares de Europa
13-N: “Bo día da dignidade a todas e a todos”

Vieiros:
Cinco anos de loito, algunhas loitas pendentes

A Voz de Galicia:
Así o contou A Voz de Galicia
O último técnico que pisou o «Prestige» antes do accidente nunca vira un barco peor
A MAIOR CATÁSTROFE ECOLÓXICA DE EUROPA
A Salvamar Sargadelos trasládase a Ribeira, onde se crea unha base de salvamento

O País:
CINCO ANOS DO ‘PRESTIGE’
“Yo estaba en misa pidiendo otro puerto”

Correo Gallego:
Alaban o papel dos mariñeiros contra o fuel en zonas difíciles
Sólo hai dous barcos e un avión máis para combater outro ‘Prestige’
Gráfico: Medios para a seguridade marítima de Galiza

Xornal.com:
As costas galegas siguen contaminadas cinco anos despois do Prestige

Adxudicada a redacción do proxecto do Polígono da Barbanza

Localización Polígono da BarbanzaProposta de Ordenación Polígono da Barbanza

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO ADXUDICA POR 524.000 € A REDACCIÓN DOS PROXECTOS SECTORIAL E DE URBANIZACIÓN DO PARQUE EMPRESARIAL DO BARBANZA

 Ambos documentos deberán estar rematados antes do 15 de decembro deste ano para a continuación iniciar a súa tramitación administrativa

 Este parque contará cunha superficie de 1 millón de metros cadrados, nos concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal, e o investimento total previsto é de 32 M. €

Santiago de Compostela, 10 novembro 2007.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, adxudicou por 524.000 € a redacción do Proxecto Sectorial e Proxecto de Urbanización do Parque Empresarial do Barbanza, situado entre os Concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal. A empresa que resultou adxudicataria, Técnicas Territoriales Urbanas S.L., deberá entregar á Consellería ambos documentos antes do 15 de decembro deste ano, para a continuación iniciar a súa tramitación administrativa.

Ademais da redacción dos proxectos Sectorial e de Urbanización, esta empresa farase cargo da redacción do Estudo de Impacto Ambiental, Estudo de Prospección e Informe Arqueolóxico, Estudo de Seguridade e Saúde e o Plan de Calidade.

A Consellería de Vivenda e Solo reserva unha partida de 560.000 € para a adquisición de terreos, que acaba de iniciar. A previsión é que a tramitación administrativa se desenvolva durante o 2008 e a licitación das obras se produza no primeiro semestre do 2009. O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que máis de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

O Parque Empresarial do Barbanza está situado nos municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. A localización desta infraestrutura é produto dun estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 10 millóns de metros cadrados de terreo antes de optar pola área de actuación concreta que albergará o futuro parque.

O Parque Empresarial do Barbanza contará cunha superficie total de un millón de metros cadrados, dos que 500 mil metros cadrados serán de uso empresarial e industrial, 311 mil metros cadrados para espazos libres, 124 mil metros cadrados para a rede viaria e 31 mil metros cadrados para equipamentos.

Este parque incluirá naves modulares para os pequenos empresarios que queiran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial do Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial do Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Nova na Voz:
A Xunta adxudica a redacción dos proxectos de urbanización do macropolígono barbancés