BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Novembro, 2007:

Solicitamos que se comprobe unha urbanización de Mondelo

mondelo.JPG

O BNG de Ribeira, por medio da súa Portavoz Dominga Brión, ven de solicitar que o Goberno Municipal dea as ordes oportunas ao obxecto de comprobar que a urbanización de 30 vivendas, en 5 bloques, que se está a construír en Mondelo, Palmeira, se axustan á licencia 74/07 concedida polo Grupo de Goberno acorde co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira.

Dende o grupo municipal do BNG temos denunciado en multitude de ocasións a nefasta xestión do Goberno Municipal en materia de urbanismo. Temos, tamén, reclamado reiteradamente a dotación de suficientes medios materiais e humanos para que o Departamento de Urbanismo puidese realizar as súas tarefas ao nivel que o noso Concello necesita.

Ribeira conta hoxe cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que, pese ás súas deficiencias, e as reiteradas demandas do BNG, segue sen adaptar á Lei do Solo tendo xa rematado o prazo establecido para facelo en xaneiro do 2006.

Pero, ademais, o PXOM, aínda que non contara con erros, que lamentablemente si ten, nunca será un instrumento eficaz por si só se o equipo de goberno non pon en práctica as necesarias medidas de control que verifiquen, por exemplo, que as obras realizadas se axusten ás licencias outorgadas. De non ser así produciranse graves incumprimentos e agravios comparativos. Son múltiples as queixas da cidadanía de Ribeira neste sentido.

Este é o caso da obra de construcción de varios bloques de vivendas en Mondelo, Palmeira, da que o BNG ten recibido queixas da veciñanza no senso de denunciar alturas, retranqueos, edificabilidade, etc.

Iniciativa Plenaria:
2007-11-16-obra-en-mondelo-palmeira.doc

O BNG e o «Plano de Acuicultura». Aclaracións necesarias

Solpor no Corgo

“Vivimos tempos de balbordo e confusión, tamén propiciados e inducidos por un poder –o real- que constrúe discursos, ben funcionais aos seus intereses, a través das súas correas de transmisión, oportunamente controladas e magnificamente presentadas. É evidente que nese contexto, o nacionalismo galego, as súas propostas e alternativas políticas, as súas posicións, foron historicamente silenciadas, cando non manipuladas. Ás veces de xeito burdo, evidente. Outras, “intelixentemente” caricaturizadas ou distorsionadas. Este é o caso que nos ocupa: a posición política do BNG perante o denominado “Plano Galego de Acuicultura”. Cumpre aclarar as teses que se defenden a este respecto, aínda que, por certo, foron profusa e reiteradamente explicitadas no Parlamento de Galiza durante os últimos meses, tal e como testemuñan diversos Diarios de Sesións.

Vexamos. Lembraremos que o goberno agónico do PP –xa en funcións- aprobou en Consello da Xunta (30 de Xuño de 2005, coas eleccións xa perdidas) o alcumado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria”, proxecto aberrante elaborado e aprobado en función dos intereses económicos dun grupo empresarial –que gozou, por certo, dun hiperbólico volume de subvencións públicas para os seus negocios en todo o planeta durante os últimos quince anos-, e que tiña en Cabo Touriñán a mellor mostra do que non se pode permitir no noso litoral.

Xa co novo Goberno de Galiza, o BNG fixo todo o posíbel para anular este enxendro, acadando cando menos o acordo de proceder á súa revisión, salvando Touriñán e eliminando outros espazos que invadían a tan raquítica como cacarexada Rede Natura 2000. A partires dese momento, abríase outro proceso para a elaboración do actual Plano. Con todo, é importante sinalar aspectos que son absolutamente relevantes á hora de analisar e interpretar a evolución dos feitos, as previsións de remate do proceso, e o papel –o real, non o inventado- do BNG nese contexto.

En primeiro lugar: Non é menor a evidencia de que os departamentos administrativos directamente implicados na elaboración e desenvolvemento do Plano son responsabilidade dunha forza política –o PSOE- que historicamente mantivo posicións antagónicas co BNG, en concreto en materia de política pesqueira, marisqueira e acuícola. Consellaría de Pesca (protagonista na elaboración do Plano), Dirección Xeral de Urbanismo, Consellaría de Medio Ambiente, mais tamén a Dirección Xeral de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente (non podemos esquecer que a titularidade do Dominio Público Marítimo-Terrestre, lamentabelmente, segue residenciada en Madrid), son departamentos dirixidos polo PSOE. Pode gostar ou non, mais é unha realidade. E cando falamos de decisións políticas o pior é refuxiarnos na fantasía.

En segundo lugar: O BNG non nasceu con vocación de axente comercial de ningún grupo empresarial. Nin tampouco cun modelo industrial terceiromundista, no que calquera empresa se instala onde e como queira. A súa razón de ser é a de pór en valor toda a potencialidade da nación e dos seus recursos naturais –obviamente baixo criterios sustentábeis- ao servizo dos intereses do pobo galego. E é evidente que o noso litoral ten unhas características naturais extraordinarias para construir un modelo de desenvolvemento baseado na pesca, no marisqueo e na acuicultura. A acuicultura non é só a produción de peixes planos en piscifactorías. No caso galego é fundamentalmente a produción de mexillón en bateas (3ª potencia mundial en produción, 15.000 postos de traballo directos, riqueza inducida inserida en boa parte do tecido económico galego), aínda sendo conscientes de que as 3.500 bateas fondeadas nas nosas rías provocan un certo impacto ambiental, que asumimos, mais que convén minimizar. Porén, sería de inxenuos non aproveitar a nosa imensa potencialidade natural na cría e engorde de peixes –planos ou non- e noutras especies, comezando polo polbo e outros mariscos. Daquela, o BNG non considera por definición á acuicultura (toda ela) incompatíbel con outras actividades produtivas ou co equilibrio medioambiental da nosa costa. Iso si, non de xeito anárquico, senón con planificación, ordenación e cunha regulación que harmonice os diversos intereses (produtivos, ambientais, sociais) en xogo.

Finalmente: En coherencia cos principios antes expostos, e á vista da oposición social –mesmo institucional- que xeraron algúns dos proxectos previstos, o BNG trasladoulle formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:

a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.

b) Esixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.

c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, almacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.

d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.

e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.

f) Impulso á investigación para a cría de novas especies –evitar “monocultivos”- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.

g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.

Estamos precisamente nesta fase. E por certo, advertimos vontade de diálogo. Até onde se pode chegar, non o sei. O que si é evidente é que calquera mellora deste “Plano de Acuicultura” pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos –reitero- baixo responsabilidade do PSOE. Recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado. Que cadaquén tire as súas conclusións. Lexitimamente pódese ou non estar dacordo con estas posicións, oficialmente explicitadas desde hai meses. Mais o que non é honesto é silencialas ou manipulalas de xeito deliberado, e cunha intencionalidade política descarada.”

Bieito Lobeira
Deputado do BNG no Parlamento Galego

Iniciativas do BNG debatidas no Pleno ordinario de Novembro

O pasado luns, día 26 de novembro, celebrouse o Pleno ordinario da Corporación Municipal. Na mesma debatéronse tan so 4 mocións, das 6 presentadas polo BNG, por falla de tempo. A continuación relaciónanse as mocións que se trataron. Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6.

As mocións que se debateron son en relación cos seguintes temas:

Esta moción foi votada en contra polo PP. Deste xeito o goberno do PP rexeita ceder un local á Dirección Xeral de Xuventude de Vicepresidencia para acondicionalo con locais de ensaio, dotalo de instrumentos musicais e estudio de gravación e integralo na REDE GALEGA DE LOCAIS DE ENSAIO. Renuncia así a unha infraestructura moi demandada polos grupos musicais de Ribeira, o que supón rexeitar un investimento de máis de 100.000€, e as vantaxes de estar na REDE.

Esta xestión foi feita polo BNG diante de Vicepresidencia. O Director Xeral de Xuventude, o nacionalista Ruben Cela, confirmounos que Ribeira pode contar con esa infraestructura, sempre que o concello cedera un local, algo ao que o goberno do PP non parece estar disposto.

O PP tamén votou en contra desta iniciativa do BNG. Rexeita deste xeito que o noso Concello entre a formar parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, integrado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia e por 222 concellos galegos, a día de hoxe. O Consorcio é a fórmula xurídica escollida para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais.

Isto supón que a cidadanía de Ribeira non vai a poder disfrutar dunha serie de servizos, entre eles unha galescola, que o BNG xestionou diante da Secretaria Xeral de Igualdade, a nacionalista Carme Adan. A Secretaria Xeral confirmounos que Ribeira poderia contar con unha galescola, sempre que o Concello se integre no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, poña a disposición o terreo e aporte o 20% da financiación. Vicepresidencia encargase do 80% restante.

Cabe lembrar que Ribeira conta con un censo poboacional de preto de 1.000 nenos e nenas de 0 a 3 anos. Neste momento só dispón dunha Escola Infantil Municipal de arredor de 100 prazas de 0 a 3 anos, os preto de 900 restantes teñen que estar ao coidado das súas familias, por falla de oferta pública. A pesar disto, o PP votou en contra da nosa iniciativa, argumentando que Ribeira non necesita unha galescola.

O PP votou a favor do primeiro punto desta iniciativa que se aprobou por unanimidade e en contra do segundo alegando o argumento de sempre: ” Xa estamos niso”. Lamentábelmente os problemas continuan. Nova na Voz: A emisión dun gas irritante obrigou a Ambar a desaloxar o seu centro de Xarás

O mesmo argumento anterior tamén lle sirveu ao goberno do PP para rexeitar esta iniciativa do BNG.

Levamos ao Pleno a mellora do transporte de Artes

O BNG, por medio do concelleiro Xosé Luís Groveiro, ven de presentar unha iniciativa municipal solicitanto o respaldo da corporación para que o Concello inste á Consellería de Educación da Xunta de Galiza a dar cumprimento ao afirmado polo Director Xeral de Ensinazas Especiais na Comisión 4ª de Educación do Parlamento Galego o día 11 de maio do 2007, de acceder ás necesidades do alumnado do IES Coroso da parroquia de Artes, en resposta a unha iniciativa da nosa deputada Ana Pontón.

Desde hai máis de catro anos, pais e nais de alumnos da parroquia de Artes veñen demandando da consellería de Educación que a prestación do servizo de transporte escolar nesta parroquia se leve a cabo, para o alumnado de secundaria, nas mesmas condicións nas que se realiza o transporte de primaria, é dicir, dando servizo tamén polos lugares de Gude, Goda e Sego. A situación do alumnado destes lugares, que teñen que percorrer nalgúns casos máis de un quilómetro ata a parada, é sobradamente coñecida pola Consellería sen que ata o momento adoptara ningunha solución.

Iniciativa Municipal:
2007-11-22transp_eso_artes.DOC

Reclamamos o arranxo das luces dos campos de futbol da Fieiteira

O BNG, por medio do concelleiro Luís Teira, ven de solicitar o inmediato arranxo das luces, tanto do campo de futbol de céspede natural como do de céspede artificial, da Fieiteira.

O campo de fútbol de A Fieiteira é unha instalación deportiva municipal que ten moito uso e demanda por parte dos equipos de fútbol da nosa localidade. Esta instalación non está sendo o suficientemente coidada, xa que entre as deficiencias que presenta está o mal funcionamento das luces do campo o que provoca moitas dificultades para que os equipos poidan adestrar de xeito adecuado. Situación especialmente grave xa que hai preto de 150 rapaces/zas, moitos de curta idade, que adestran nesas instalacións.

Coa chegada do inverno, tamén se dificulta o correcto desenvolvemento dos partidos oficiais xa que a ausencia de luz dificulta tanto xogar o partido como a axeitada visualización do mesmo por parte do público. Correndo o risco de que os árbitros dos partidos teñan que suspender os encontros pola ausencia de luz.

Iniciativa Municipal:
2007-11-22arranxolucesfieiteira.pdf

Máis de 20.000 visitas

Dende mediados do mes de marzo, que se puxo en funcionamento, ata hoxe, este blog foi agasallado con máis de 20.000 visitas. Queremos, pois, agradecervos a todos e a todas a vosa participación, tanto se nos deixades as vosas opinións, como se preferides pasar por aquí dun xeito máis silencioso.

Dende esta fiestra seguiremos informándovos do noso traballo e das nosas iniciativas e agardamos seguir contando coa vosa confianza, coas vosas opinións e, sobre todo, coa vosa presenza. Graciñas mil.

Pleno de Novembro

Grupo Municipal do BNG na toma de posesión

O vindeiro luns, día 26 de novembro, a partir das 20:00 horas, celebrarase o Pleno ordinario da Corporación Municipal. Na mesma debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e un importante número de solicitudes, as que hai que engadirlle as 16 solicitudes pendentes de Plenos anteriores que non se trataron por falta de tempo. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que o plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

O BNG solicita a creación dun fondo de emerxencia

O BNG solicita, diante da Corporación Municipal, que se cree un fondo de emerxencia, contemplando no orzamento unha partida específica para tal fin, que sirva para atender os casos de mulleres en situación de violencia de xénero do concello que de maneira urxente necesiten recursos.

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é unha data para a denuncia, para a concienciación social, e para avaliar os avances que se teñan dado e anticipar novas liñas de actuación.

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero son pasos necesarios para loitar contra este fenómeno. A Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero é un instrumento para unha nova abordaxe da violencia de xénero no ámbito galego co fin de conseguir unha verdadeira realización do principio de igualdade entre mulleres e homes, porque un dos obxectivos prioritarios de toda sociedade democrática é a igualdade entre os homes e as mulleres e unha clara expresión da desigualdade é a violencia de xénero.

A sociedade galega non debería aceptar ningunha forma de violencia de xénero, e as institucións locais teñen que tomar consciencia e responsabilizarse na tarefa de eliminación da violencia exercida contra as mulleres. Tomar consciencia é un paso que hai que dar de modo colectivo, desde o mundo laboral, as institucións, os medios de comunicación, o ensino, etc, máis tamén é un paso que se debe dar de modo persoal e individual.

Para construír unha sociedade baseada nos valores democráticos de igualdade entre mulleres e homes, necesitamos de medidas lexislativas ou contributos desde as administracións públicas, que o BNG leva poñendo en marcha onde ten responsabilidades de goberno, mais aínda é necesario o compromiso social. Este compromiso social constrúese desde a solidariedade persoal á hora de condenar sen paliativos as accións de violencia contra as mulleres, de denuncialas e facer visíbeis as nosas denuncias.

Por iso o BNG desta volta quere chamar tamén á responsabilización e ao compromiso persoal de cadaquén. Os agresores non deben achar respaldo para continuar con “normalidade” a súa vida mentres as mulleres agredidas pasan auténticas dificultades para recuperar as súas vidas. Estas dificultades son moitas e teñen que ver co aspecto económico, laboral, familiar e social.

No momento en que vivimos, onde as mulleres seguen a ser obxecto de maos tratos e moitas perden a vida a mans da súa parella ou ex-parella, non cabe ollar para outro lado, debemos dar a cara todos e todas, e asumir homes e mulleres que coa violencia de xénero non caben medias tintas. Contra a violencia machista debemos actuar todos e todas. Todas e todos somos testemuñas, e podemos escoller entre ser cómplices ou ser persoas solidarias que non imos consentir co noso silencio que se lexitimen condutas violentas contra as mulleres que perpetúan concepcións machistas asentadas en valores patriarcais.

O papel que teñen os concellos nesta loita común é fundamental, xa que poden actuar como ponte de conexión entre as políticas deseñadas a nivel nacional polo goberno galego e a cidadanía, e poden constituírse nun modelo de repulsa para todos os veciños e veciñas dos actos de violencia contra as mulleres, manifestando a súa total condena e proclamando a súa corresponsabilidade na prevención, persecución e denuncia dos casos de violencia machista, así como a atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

As cifras de denuncias e de mulleres asasinadas que se repiten ano tras ano, poñen de manifesto dunha maneira brutal, que aínda non podemos baixar a garda, e que se fai imprescindíbel a implicación de todas as institucións, asociacións e persoas. Sabemos que nos enfrontamos a un problema estrutural, pero este feito non pode converterse nunha escusa para non actuar.

Cómpre pois unha implicación real de todas as administracións no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. Unha das medidas fundamentais é apoiar as mulleres para que poidan iniciar unha nova vida en liberdade e protexida dos agresores. A creación dun fondo de emerxencia, que sirva para atender os casos de mulleres en situación de violencia de xénero do concello que de maneira urxente necesiten recursos, parécenos un bo comezo.

Iniciativa Plenaria:
solicitude_25_novembro.pdf

Galiza Nova e o BNG reclaman un COF na Barbanza

Con motivo da celebración do día internacional contra a violencia de xénero, Galiza Nova e o BNG promoven unha recollida de sinaturas para que a Barbanza conte cun Centro de Orientación Familiar (COF).

Centos de persoas se achegaron a mesa informativa instalada no mercadillo de Ribeira, na que se repartiron uns 400 folletos e se recolleron preto doutras tantas sinaturas a prol de que esta comarca conte cun COF.

Os Centros de Orientación Familiar facilitan asesoramento e asistencia médica en materia de sexualidade e anticoncepción. Este é un servizo longamente demandado pola comunidade educativa da Barbanza, pola Asociación Antidroga Renacer e que conta tamén co respaldo das Corporacións Municipais dos catro concellos da comarca.

Solicitamos taboleiros de anuncios informativos

O BNG, por medio do concelleiro Luís Teira, ven de solicitar a colocación de paneis-taboleiros de anuncios para que se poidan pegar carteis das actividade de interese para a cidadanía.

Tamén demandamos que estes taboleiros de anuncios se sitúen en lugares preferentes e ben visibles á cidadanía, en todas as parroquias do noso concello.

Son moitos os colectivos, asociacións, particulares e institucións públicas de todo tipo que precisan transmitir á cidadanía as súas actividades. Para iso, entre outros medios, é habitual que se utilicen carteis informativos que se colocan en lugares visibles do noso concello.

Lamentablemente non se conta con espacios acaídos para pegar estes carteis e moitas destas institucións, entre as que moitas veces se atopa o propio concello de Ribeira, teñen que recorrer a pegar en lugares non habilitados para ese fin.

Dende o BNG consideramos que hai que darlle solución á preocupante falta de espazos de comunicación social que impiden unha maior fluidez informativa entre as institucións e a veciñanza do noso concello.

Iniciativa Municipal:
2007-11-20paneis_informativos.pdf