BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Outubro, 2007:

Demandamos a retirada de refugallos e o arranxo do Esteirón

refugallos-no-esteiron2.jpg

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Luís Teira, ven de solicitar que o Goberno de Ribeira investigue a orixe duns cascallos de obras depositados no Esteiron, en Palmeira, que se tomen as medidas oportunas para que se retiren de xeito inmediato e se restaure o entorno onde foron depositados.

Do mesmo xeito demandamos novamente que o concello de Ribeira efectue unha actuación integral na zona do Esteirón para que a veciñanza da zona poida ter unhas infraestrucutras axeitadas.

Iniciativa Municipal:
20007-10-16retiradaescombroesteiron-palmeira.pdf

Nova na Voz:
Os nacionalistas ribeirenses demandan a retirada duns cascallos de obras en Palmeira

Interesámonos no Parlamento polo Hospital da Barbanza

Son moitas as iniciativas presentadas tanto no concello de Ribeira como nos de toda a comarca, e mesmo no Parlamento, demandando melloras para o Hospital da Barbanza. Unha vez máis, a deputada que leva temas da Barbanza no Parlamento Galego, Ana Pontón, presentou unha iniciativa para interesarse polo funcionamento do servizo de citas, xa que na actualidade non todas as solicitudes de citas de especialistas se poden pedir telefonicamente.

Así en especialidades como oftalmoloxía ou xinecoloxía é requisito para solicitar cita acudir presencialmente ao hospital. Non parece moi lóxico, que nun momento en expansión da utilización das novas tecnoloxías, non se xeralice a cita telefónica.

Hai que ter en conta que isto provoca dificultades para aquelas persoas que traballan ou para a xente maior, con evidentes problemas para poder desprazarse ao Hospital da Barbanza.

Iniciativa parlamentar:
2007-10-03-hospital-da-barbanza.pdf

«Nazón de Breogan» en Ribeira

nazonbroganmini.JPG

A delegada de Vicepresidencia, a nacionalista Tereixa Novo, estivo en Ribeira para inaugurar no Auditorio Municipal a exposición “Nazón de Breogan, un xeito de soñar Galiza“, que poderá ser visitada ata o día 30 de outubro.

O acto asistiu a deputada provincial do BNG, Rosana Pérez, o Grupo Municipal do BNG de Ribeira ao completo, concelleiros e concelleiras da comarca, Miguel Anxo Seixas Seoane, documentalista desta exposición itinerante, representantes de asociacións así como do Goberno Municipal.

Esta exposición pretende explicar dunha maneira moi gráfica e didáctica os fitos máis importantes que se produciron no noso país ao longo da súa historia, así como alentar a curiosidade polo descubrimento do noso pasado. É un xeito de poñer en valor o noso: a nosa historia, a nosa cultura, a nosa lingua, o noso modo de vida…

Convídovos a visitala e agardo que vos guste!!

Pulsa na imaxe para ver o catálogo da exposición “Nazón de Breogan”
nazon.jpg

Nova na Voz:
Doses de historia en Ribeira

Ribeira contará con locais de ensaio

Parte do Grupo Municipal en rolda de prensa

Por fin pode ser unha realidade unha vella reivindicación dos grupos musicais de Ribeira, da que xa nos fixemos eco en xullo do 2005 presentando unha moción diante da Corporación Municipal. Ante a pasividade do executivo, o BNG xestionou coa Dirección Xeral de Xuventude de Vicepresidencia a posibilidade de que Ribeira conte con locais de ensaio.

O Director Xeral, o nacionalista Ruben Cela, confirmounos que Ribeira pode contar con esa infraestructura, sempre que o concello ceda un local para integrar na REDE GALEGA DE LOCAIS DE ENSAIO.

Trátase dunha rede pública e gratuíta para todos os/as usuarios/as. É unha iniciativa pioneira no Estado español. Polo tanto, é a primeira vez que se mira ao noso país en política de xuventude. Isto significa, ademais, que contaremos, se o concello así o quer, con unhas instalacións de alto nivel.

Tamén favorece a convivencia veciñal porque os grupos terán locais acondicionados e insonorizados, evitando así molestias á cidadanía. É, así mesmo, un modelo de participación, xa que antes de facer nada consensúase cos grupos as necesidades que hai.

A integración na Rede Galega de Locais de Ensaio conleva o acceso a unha serie de beneficios:

 Páxina web. Todos os locais adheridos poderán utilizar para a súa difusión e a publicitación dos grupos que ensaian neles, unha páxina web de nova creación onde os locais/grupos colgarán as actividades que programen, os concertos que vaian tendo os grupos, cortes da música que vaian gravando, e que tamén servirá para que os diferentes locais vexan o que se fai noutros lugares e se comuniquen entre si.

 Acceso a unha liña de subvencións anuais. Ademais os locais integrados na Rede poderán solicitar axudas para a mellora das instalacións ou dotación dentro dunha liña de subvencións que se publicará cada ano dirixida exclusivamente aos locais que se sumen á Rede.

 Programa da Radio Galega Música. Estamos estudiando tamén a posibilidade que en coordinación co IGAEM e en relación co programa de Música ó vivo se realice un programa de música na Radio Galega Música.

Para que Ribeira conte con estas instalacións, o BNG, por medio do concelleiro Luís Teira, presentou unha moción na que solicita o seguinte:

1º Que dende o Concello de Ribeira se fagan as xestións oportunas ante Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galiza para que se instalen en Ribeira locais de ensaio dentro da Rede do locais de ensaio: “Nsaio”.

2º Que o concello de Ribeira poña a disposición da Dirección Xeral de Xuventude, espazos precisos para poder facer realidade, canto antes, estes locais ensaio.

Moción:
2007-10-15mocionlocaisensaio.pdf

Moción xullo, 2005:
2005-07-15-locais-de-ensaio.pdf

Nova na Voz:
O BNG de Ribeira pide ao executivo que achegue un local a Xuventude para o ensaio de grupos musicais

Nova no Diario de Arousa:
O BNG pide ao Concello un inmoble para habilitar un locais de ensaio

Igualdade pon en marcha o Mediagal

Igualdade pon en marcha o Mediagal, un programa de axudas para achegar a mediación familiar a parellas en proceso de separación ou divorcio ou en conflito

As parellas beneficiarias recibirán ata un máximo de 240 euros para cubrir o custo das sesións de mediación familiar Carme Adán presentou un programa que pretende axudar á parella a resolver por si mesma discrepancias xurdidas dun conflito familiar As solicitudes para beneficiarse desta iniciativa poden presentarse ata o vindeiro día 10 de decembro

Máis información

Os concellos poden limitar a venda de bebidas alcohólicas

INNOVACION E INDUSTRIA LÉMBRALLE AOS CONCELLOS QUE PODEN LIMITAR A VENDA DE BEBIDAS ALCOHÓLICAS EN ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS

 A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, explica que a nova Lei de Horarios Comerciais, en vigor desde o 29 de decembro de 2006, faculta aos concellos a prohibir a venda entre as 22:00 horas e 9:00 horas por razóns de orde pública

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2007. Perante as novas aparecidas nos últimos días e relacionadas co denominado fenómeno do botellón, a directora xeral de Comercio, da Consellaría de Innovación e Industria, Ana Rúa, desexa realizar as seguintes puntualizacións: “Sen entrar no fondo desta cuestión, que posúe un calado social amplo e no que atinxe ás cuestións estritamente comerciais compre lembrar que a nova Lei de Horarios Comerciais faculta no seu artigo 10 aos concellos para que no ámbito do seu termo municipal poidan acordar de maneira singularizada e por razóns de orde pública a prohibición de expender bebidas alcohólicas desde as 22:00 horas ate as 9:00 horas do día seguinte”, sinala.

Ana Rúa, explica que esta prerrogativa que recolle a nova Lei de Horarios Comerciais, en vigor desde o 29 de decembro de 2006, pode aplicárselle aos establecementos comerciais con independencia do réxime de apertura que lles fose aplicábel. A imposición desta prohibición corresponderá polo tanto aos concellos, únicos lexitimados para tomar esta medida por razóns de orde pública, e unicamente deberá ser comunicada posteriormente á dirección xeral competente, é dicir, á Dirección Xeral de Comercio. A medida afectará aos establecementos comerciais que inclúan na súa oferta a venda de bebida alcohólicas.

“Consciente da situación social xerada polo chamado botellón –engade a directora xeral de Comercio, Ana Rúa- a Consellaría de Innovación e Industria o que fixo a través desta lei é facultar aos concellos para que tomen as medidas competentes. Os concellos dispoñen, polo tanto, de todos os instrumentos legais para actuar no momento en que o consideren necesario por razóns de orde pública”, engade.

Entrevista ao Conselleiro de Medio Ambiente

O conselleiro de Medio Ambiente, o socialista Manuel Pachi Vázquez, nunha entrevista no País, fala, entre outras cuestións, da Rede Natura e do Plan Galego de Acuicultura. Agardamos que a mesma sensibilidade que amosa con cabo Touriñán a teña tamén o Conselleiro con un dos espazos mellor protexidos de toda a costa galega, como é o LIC de Corrubedo. Doutro xeito non se entendería:

O anterior plan metía en Rede Natura prácticamente todas as plantas. Este goberno gañou un símbolo sangrando políticamente ao salvar cabo Touriñán da piscifactoría que alí se pretendía construir. Algún día recordarase como un dos emblemas deste país, porque este goberno antepuso a política medioambiental frente a Pescanova, unha das principais empresas, que fixo deste tema unha bandeira. Hubo un goberno que dixo que non e aguantou.”

Ainda que logo, un pouco máis abaixo, sentencia: A Rede Natura non ten que ser toda ela un espacio intocable.

Lembramos que o Plan Galego de Acuicultura esténdese por toda a costa galega, dende a fronteira con Asturias ata o límite con Portugal, incidindo especialmente e de forma desproporcionada no entorno dun dos máis valiosos espazos naturais da nosa costa: o “Complexo Húmido de Corrubedo”, incluído na proposta galega para a Rede Natura 2000, e que abarca os termos municipais de Ribeira polo Sur e Porto do Son polo Norte. Segundo se deduce do exposto na revisión do Plan, o tramo costeiro deste espazo será o máis afectado polo desenvolvemento e execución deste, xa que nel se inclúen case medio millón de metros cadrados de superficie dos municipios de Ribeira (363.000 m2) e de Porto do Son (115.000 m2) como parques de tecnoloxía alimentaria, o que supón o 15,05% da superficie total prevista.

A área afectada polo desenvolvemento do Plan é lindeira con algúns dos mellores espazos protexidos da costa galega e de todo o noroeste peninsular, que ostentan as máis importantes figuras de protección existentes: Parque Natural “Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán”, Parque Nacional das “Illas Atlánticas de Galicia”, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Complexo Húmido de Corrubedo”, Humidal Protexido (HP) “Complexo das Praias, Lagoa e Duna de Corrubedo”, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) “Complexo Húmido de Corrubedo”, Humidal de Importancia Internacional (Ramsar) “Complexo das Praias, Lagoa e Duna de Corrubedo”, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Complexo Litoral de Corrubedo”, etc.

O País. ENTREVISTA: MANUEL VÁZQUEZ Conselleiro de Medio Ambiente

Demandamos que se faga valer o acordo plenario

A respecto das declaracións feitas pola Consellería de Medio Ambiente relativas a EDAR de Ribeira, que tanto a mesma como o Goberno Municipal pretenden instalar en Aguiño, queremos facer valer o acordo acadado por unanimidade de toda a Corporación Municipal de Ribeira o día 30 de xullo.

Cabe lembrar que todos os Grupos políticos, incluído o PSOE, votaron a favor dunha iniciativa do BNG que recolle as demandas veciñais e que nos comprometemos a presentar o pasado 19 de xullo, nunha xuntanza organizada pola Comisión Veciñal de Aguiño, hoxe Asociación Sagres, na que participamos xunto coas Voceiras do PP e IPdeR e co Voceiro do PSOE.

O acordo adoptado por unanimidade foi o seguinte:

1. Que o proxecto da EDAR de Ribeira se someta aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.

2. Que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o polígono industrial de Xarás.

3. Que, en todo caso, o emisario se prolongue ata augas profundas, augas oceánicas, e fóra da enseada en augas con correntes oceánicas, onde se asegure o mínimo impacto e unha rápida dilución e difusión no medio receptor.

4. Que o incremento na intensidade de uso do espazo destinado á planta depuradora vaia acompañado das preceptivas medidas compensatorias.

Se tanto a veciñanza como todos os Grupos Municipais foron capaces de chegar a este acordo de mínimos, non se entenden agora posturas de enfrontamento e mesmo ameazantes, na prensa, que só poden traer problemas para toda a sociedade ribeirense. Máxime cando o propio Conselleiro de Medio Ambiente se comprometeu a estudiar o tema e dar unha resposta nunha reunión que se ía celebrar na primeira quincena de setembro.

Queremos, pois, facer un chamamento para que o Goberno Municipal e Consellería cheguen a un entendemento e Ribeira poida contar canto antes coa mellor depuración posíbel para as súas augas residuais.

Declaracións da Consellería de Medio Ambiente:
Ribeira verte á ría diariamente 15 millóns de litros de auga sen depurar
O terreo que propón Ribeira para a depuradora está incluído na Rede Natura

A Asociación Sagres respondelle a Medio Ambiente

A Asociación Sagres quixo saír ao paso das afirmacións feitas pola Consellería de Medio Ambiente:

“A Asociación Sagres, en Defensa do Litoral quere manifestar o seu descontento e desconcerto ante as últimas declaracións realizadas polo Conselleiro de Medio Ambiente sobre a macrodepuradora proxectada para o Concello de Ribeira.

Non entendemos como unha instancia superior, dotadas de máis e mellores medios que un concello está a amezar coa non depuración.

Depurar si, pero non así, é o que nos lle volvemos a reiterar.

Recordámoslle as numerosas deficiencias e o incumprimento da legalidade, a sabendas, de levar a cabo este proxecto. Porque dos 4 emprazamentos propostos: 3 en Aguiño, están ao lado das casas e na beira do Parque Nacional das Illas Atlánticas e do LIC Corrubedo-Couso. Ademais de ser este un dos lugares máis ricos en pesca e marisqueo de Galicia.

O emisario proxectado en Pinisqueira ou Couso tería que atravesar 3,5 km de pedras, e traballando o mar como traballa aí con maruxía, a meirande parte do ano, sería moi difícil de levar a cabo.

A macrodepuradora instalaríase no punto estremeiro do concello, tería que atraer todo o concello, a distintos niveis orográficos e con numerosos bombeos que non daría abasto e aumentarían os custos deste servizo para a poboación repercutida.

Queremos depurar, non só que se constrúa, neste caso unha depuradora. Non queremos que nos ameacen cando estamos a falar de protexer e salvagadar o noso entorno e protexer o noso medio de vida. Esiximos o mellor sistema de depuración posible, e non queremos converternos en outro Lagares.

Por iso pedimos e esiximos que se busque un emprazamento adecuado.”

Nova na Voz:
Os mariscadores de Aguiño din que Couso está libre de verteduras

Nova no Diario de Arousa:
Sagres cree que si la EDAR se emplaza en Pinisqueira se prohibiría el marisqueo

Declaracións da Consellería de Medio Ambiente:
Ribeira verte á ría diariamente 15 millóns de litros de auga sen depurar
O terreo que propón Ribeira para a depuradora está incluído na Rede Natura

Galiza Nova quer que Ribeira conte con locais de ensaio

Concerto de Galiza Nova de Ribeira

Galiza Nova de Ribeira cualifica de rotundo éxito o concerto organizado con motivo da presentación da nova dirección local.

Tutos e Penli Krew amenizaron unha agradable velada durante a cal, a nova Responsábel Local, Antía Pérez Brión e a Vicerresponsábel, María Sevilla, xunto con Manuel Martínez Mariño, Laura Paz Pérez e Xurxo Pról, membros da agrupación local, aproveitaron para anunciar que, gracias as xestións feitas polo BNG, a Dirección Xeral de Xuventude de Vicepresidencia, acondicionarán un local de ensaio en Ribeira, sempre que o Concello aporte un local para integralo na REDE GALEGA DE LOCAIS DE ENSAIO.

O obxectivo desta iniciativa e fomentar a nosa cultura e a posta en práctica de actividades de ocio alternativo entre mozos e mozas. A integración deste local na Rede Galega terá beneficios importantes. A posibilidade de utilizar unha páxina web para a publicitación dos grupos, o acceso a unha liña de subvencións anuais para mellorar as instalacións ou a dotación e a participación nun programa da Radio Galega, son algúns deles.

A Responsábel Local de Galiza Nova agradeceu a asistencia a todos e todas as presentes, amosou o compromiso da organización a traballar pola xente nova de Ribeira e animounos a participar nas actividades que seguirán ralizando este grupo de mozas e mozos que comezan unha nova andaina cargados de ilusión.

Nova na Voz:
Galiza Nova elixe a Antía Pérez para tomar as rendas da agrupación xuvenil ribeirense