A iniciativa do BNG de Ribeira, a deputada do BNG que leva temas da Barbanza, Ana Pontón, e o deputado, Bieito Lobeira, veñen de interésase, unha vez máis, no Parlamento Galego pola problemática do deslinde de costas dos Areeiros e Palmeira. Nese senso solicitaron a comparecencia do Director Xeral de Urbanismo para que informe publicamente dos pasos dados até o momento diante da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, que é quen ten a competencia vinculada ao dominio público marítimo-terrestre, “se ben Galiza conta con competencias exclusivas (e excluíntes) en materia de urbanismo que, evidentemente, hai que exercer”, apuntan.
Indican na súa iniciativa que se trata de “lle facer fronte ao informe da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos con data de 9 de setembro de 2002, sendo titular Henrique López Veiga, que foi elevado no seu día á Dirección Xeral de Costas sinalando que o núcleo dos Areeiros non se lle recoñecía a súa clasificación como “solo urbano de núcleo rural“, e condenando, xa que logo, a moitas vivendas, a unha situación de ilegalidade.”
Por último, lembran que “con data 22 de setembro de 2006 a Dirección Xeral de Urbanismo, da Consellaría de Política Territorial, comprometíase diante dunha representación veciñal dos Areeiros en adoptar unha fórmula de solución similar á posta en marcha nos núcleo do litoral de Marín.”
O certo é que até o momento a Dirección Xeral de Urbanismo, xestionada polo PSOE, aínda non dou ningunha resposta a este tema. Dende o BNG de Ribeira agardamos que o precedente de Marín serva para acadar unha solución tanto para os Areeiros como para Palmeira, longamente ansiada pola cidadanía afectada.
Solicitude de comparecencia do D.X. de Urbanismo:
2007-10-29-areeiros.pdf
Iniciativa parlamentar:
2006-11-27-areeiros.pdf
Moción presentada polo BNG no 2005 á que o PP votou en contra:
2005-04-15-deslinde-costas-areeiros.doc





