BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Outubro 14th, 2007:

Demandamos que se faga valer o acordo plenario

A respecto das declaracións feitas pola Consellería de Medio Ambiente relativas a EDAR de Ribeira, que tanto a mesma como o Goberno Municipal pretenden instalar en Aguiño, queremos facer valer o acordo acadado por unanimidade de toda a Corporación Municipal de Ribeira o día 30 de xullo.

Cabe lembrar que todos os Grupos políticos, incluído o PSOE, votaron a favor dunha iniciativa do BNG que recolle as demandas veciñais e que nos comprometemos a presentar o pasado 19 de xullo, nunha xuntanza organizada pola Comisión Veciñal de Aguiño, hoxe Asociación Sagres, na que participamos xunto coas Voceiras do PP e IPdeR e co Voceiro do PSOE.

O acordo adoptado por unanimidade foi o seguinte:

1. Que o proxecto da EDAR de Ribeira se someta aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.

2. Que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o polígono industrial de Xarás.

3. Que, en todo caso, o emisario se prolongue ata augas profundas, augas oceánicas, e fóra da enseada en augas con correntes oceánicas, onde se asegure o mínimo impacto e unha rápida dilución e difusión no medio receptor.

4. Que o incremento na intensidade de uso do espazo destinado á planta depuradora vaia acompañado das preceptivas medidas compensatorias.

Se tanto a veciñanza como todos os Grupos Municipais foron capaces de chegar a este acordo de mínimos, non se entenden agora posturas de enfrontamento e mesmo ameazantes, na prensa, que só poden traer problemas para toda a sociedade ribeirense. Máxime cando o propio Conselleiro de Medio Ambiente se comprometeu a estudiar o tema e dar unha resposta nunha reunión que se ía celebrar na primeira quincena de setembro.

Queremos, pois, facer un chamamento para que o Goberno Municipal e Consellería cheguen a un entendemento e Ribeira poida contar canto antes coa mellor depuración posíbel para as súas augas residuais.

Declaracións da Consellería de Medio Ambiente:
Ribeira verte á ría diariamente 15 millóns de litros de auga sen depurar
O terreo que propón Ribeira para a depuradora está incluído na Rede Natura

A Asociación Sagres respondelle a Medio Ambiente

A Asociación Sagres quixo saír ao paso das afirmacións feitas pola Consellería de Medio Ambiente:

“A Asociación Sagres, en Defensa do Litoral quere manifestar o seu descontento e desconcerto ante as últimas declaracións realizadas polo Conselleiro de Medio Ambiente sobre a macrodepuradora proxectada para o Concello de Ribeira.

Non entendemos como unha instancia superior, dotadas de máis e mellores medios que un concello está a amezar coa non depuración.

Depurar si, pero non así, é o que nos lle volvemos a reiterar.

Recordámoslle as numerosas deficiencias e o incumprimento da legalidade, a sabendas, de levar a cabo este proxecto. Porque dos 4 emprazamentos propostos: 3 en Aguiño, están ao lado das casas e na beira do Parque Nacional das Illas Atlánticas e do LIC Corrubedo-Couso. Ademais de ser este un dos lugares máis ricos en pesca e marisqueo de Galicia.

O emisario proxectado en Pinisqueira ou Couso tería que atravesar 3,5 km de pedras, e traballando o mar como traballa aí con maruxía, a meirande parte do ano, sería moi difícil de levar a cabo.

A macrodepuradora instalaríase no punto estremeiro do concello, tería que atraer todo o concello, a distintos niveis orográficos e con numerosos bombeos que non daría abasto e aumentarían os custos deste servizo para a poboación repercutida.

Queremos depurar, non só que se constrúa, neste caso unha depuradora. Non queremos que nos ameacen cando estamos a falar de protexer e salvagadar o noso entorno e protexer o noso medio de vida. Esiximos o mellor sistema de depuración posible, e non queremos converternos en outro Lagares.

Por iso pedimos e esiximos que se busque un emprazamento adecuado.”

Nova na Voz:
Os mariscadores de Aguiño din que Couso está libre de verteduras

Nova no Diario de Arousa:
Sagres cree que si la EDAR se emplaza en Pinisqueira se prohibiría el marisqueo

Declaracións da Consellería de Medio Ambiente:
Ribeira verte á ría diariamente 15 millóns de litros de auga sen depurar
O terreo que propón Ribeira para a depuradora está incluído na Rede Natura