BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Outubro, 2007:

MARCHA NACIONAL POLA DEFENSA DO LITORAL

CORRUBEDO, 4 DE NOVEMBRO DE 2007, 12 horas

Reserva de 55.000 m. terreo para unha piscifactoría en Couso Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo Reserva de 115.000 m. terreo para ampliar piscifactoría Seráns

O catedrático Xosé Manuel Beiras, a actriz Patricia Vázquez, o actor Luís Tosar e mailo director e músico Antón Reixa, lerán o Manifesto de Corrubedo o vindeiro domingo como colofón á Marcha Nacional pola Defensa do Litoral en Corrubedo.

As organizacións convocantes da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral, colectivos de veciños, veciñas e ecoloxistas, teñen todo preparado para a manifestación unitaria contra o Plan Acuícola que terá lugar o domingo 4 de novembro, ás 12 da mañá, no Porto de Corrubedo e á que se teñen adherido decenas de colectivos de todo o país. Para isto contarán coa inestimábel axuda de persoeiros da cultura e doutras disciplinas que se unen á cidadanía para reclamar “liberdade para o litoral galego”.

O percorrido da manifestación comezará á beira do peirao corrubedense baixo o lema “Pola túa costa, polo teu mar: Non ao Plan Acuícola” e discorrerá até o faro da localidade, lugar emblemático da costa galega, co que as organizacións queren chamar a atención sobre un problema que afecta ao litoral de todo o país, dende Ribadeo á Guarda.

Con esta mobilización os movementos sociais galegos queren esixir ao goberno da Xunta que paralice o Plan Acuícola actual, por consideralo inxusto socialmente, medioambientalmente e economicamente. O plan prevé 26 piscifactorías, ou fábricas de peixe, que os veciños e veciñas do país, xunto ás organizacións ecoloxistas, confrarías de pescadores e mariscadores e varias agrupacións sindicais e políticas consideran un grave erro que se fixo de costas á cidadanía.

CONVOCAN: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª.

COLECTIVOS QUE APOIAN (a 20 de outubro): Greenpeace, Salvemos Monteferro, SOS Courel, Colectivo Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Colectivo Arraianos, Asociación Sagres de Aguiño, Asociación Cultural Choiva Azeda (As Pontes), Asociación Natura Celtica (Cangas), BNG de Ribeira, Frente Popular Galega, CUT (Central Unitaria de Traballadores), Colectivo Nacionalista de Marín, Asociación Altofalante (Ribeira), Colectivo Ecoloxista Verduxo, Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes, Asociación Amigos de Corrubedo, Plataforma Veciñal contra a piscifactoría de Baroña, Asociación Cultural “Fuco Buxán” de Ferrol, BNG do Barbanza, Asociación Pau da Luz (Corrubedo), Asociación Cultural Barcas do Minho (Chantada), CNT-Compostela, Amigos da Terra, Plataforma Ártabra21, Quercus (Portugal), PP de Ribeira, BNG de Porto do Son, Comité de defensa das Rías Altas, Asociación profesional XORNAGA (Xestión e Organización de Recursos Naturais de Galicia), Rede Litoral Vivo, Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, Veciños das Mariñas (Oia), IPdR (Iniciativa Progresista de Ribeira), Foro Social Temos Dereito a Saber, ‘O Ribeiro’, Bouzas Móvete, Confraría de Pescadores de Corcubión.

Nova relacionada en GZnacion.com:
Manoel Santos: “Os partidos do goberno poden acabar pagando a súa posición sobre o plano acuícola”

Interesámonos no Parlamento polo deslinde de Costas

A iniciativa do BNG de Ribeira, a deputada do BNG que leva temas da Barbanza, Ana Pontón, e o deputado, Bieito Lobeira, veñen de interésase, unha vez máis, no Parlamento Galego pola problemática do deslinde de costas dos Areeiros e Palmeira. Nese senso solicitaron a comparecencia do Director Xeral de Urbanismo para que informe publicamente dos pasos dados até o momento diante da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, que é quen ten a competencia vinculada ao dominio público marítimo-terrestre, “se ben Galiza conta con competencias exclusivas (e excluíntes) en materia de urbanismo que, evidentemente, hai que exercer”, apuntan.

Indican na súa iniciativa que se trata de “lle facer fronte ao informe da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos con data de 9 de setembro de 2002, sendo titular Henrique López Veiga, que foi elevado no seu día á Dirección Xeral de Costas sinalando que o núcleo dos Areeiros non se lle recoñecía a súa clasificación como “solo urbano de núcleo rural“, e condenando, xa que logo, a moitas vivendas, a unha situación de ilegalidade.”

Por último, lembran que “con data 22 de setembro de 2006 a Dirección Xeral de Urbanismo, da Consellaría de Política Territorial, comprometíase diante dunha representación veciñal dos Areeiros en adoptar unha fórmula de solución similar á posta en marcha nos núcleo do litoral de Marín.”

O certo é que até o momento a Dirección Xeral de Urbanismo, xestionada polo PSOE, aínda non dou ningunha resposta a este tema. Dende o BNG de Ribeira agardamos que o precedente de Marín serva para acadar unha solución tanto para os Areeiros como para Palmeira, longamente ansiada pola cidadanía afectada.

Solicitude de comparecencia do D.X. de Urbanismo:
2007-10-29-areeiros.pdf

Iniciativa parlamentar:
2006-11-27-areeiros.pdf

Moción presentada polo BNG no 2005 á que o PP votou en contra:
2005-04-15-deslinde-costas-areeiros.doc

Orzamentos de Industria para A Barbanza

A Consellería de Innovación e Industria, que dirixe o nacionalista Fernando Banco, vai a investir na nosa comarca máis de de tres millóns catrocentos mil euros (3.402.280€) no 2008. Por localidades as cantidades serán as seguintes:

Boiro: 196.269€

 Plan de estensión da banda larga: 89.970€

 Liñas eléctricas e centro de transformación de Boimazán-Hermide e Seán: 106.299

Pobra do Caramiñal: 267.038€

 Plan de estensión da banda larga: 141.086€

 Liñas eléctricas e centro de transformación de Río Morto-Tomada: 125.952€

Rianxo: 170.358€

 Plan de estensión da banda larga: 93.474€

 Liñas eléctricas e centros de transformación de Paradela e Foxacos: 76.884€

Ribeira: 2.768.615€

 Plan de estensión da banda larga: 218.380€

 Construción do mercado municipal de Palmeira: 120.000€

 Gasificación (convenio III fase) Polígono Ind. Xaras: 1.149.000€

 Plataforma Tecnolóxica de Acuicultura: 200.000€

 Centro Tecnolóxico de Acuicultura: 1.000.000€

 Liñas eléctricas e centro de transformación de Coroso: 81.235€

NOTA: A estas cantidades hai que engadirlle o Plano de Dinamización Turística Arousa Norte (Boiro, A Pobra, Rianxo, Ribeira): 300.000€

Iniciativas do BNG ao Pleno ordinario de outubro

Grupo Municipal do BNG na toma de posesión

O vindeiro luns, día 29 de outubro, a partir das 20:00 horas, celebrarase o Pleno ordinario da Corporación Municipal. Na mesma debateranse un total de 10 iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e 4 solicitudes que aparecen relacionadas a continuación, as que hai que engadirlle as 12 solicitudes pendentes do Pleno ordinario de setembro que non se trataron por falta de tempo. Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que o plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

As mocións son en relación cos seguintes temas:
1.- Dotación dun local de ensaio para os grupos de música de Ribeira.
2.- Integración no Consorcio e dotación de terreos para unha galescola.
3.- Reclamando solucións ao persistentes cheiros de todo o concello.
4.- Saneamento e actuación integral na Graña.
5.- Animais domésticos e canceira municipal.
6.- Obras en Mariño de Rivera.

Ás solicitudes son as seguintes:
1.- Marquesiña na Capela, Carreira.
2.- Actuación integral en Toxeira de Antromatos e Barrosas, Carreira.
3.- Intento de usurpación dun camiño público nos Paramos.
4.- Retirada de refugallos do Esteirón, Palmeira, e mellora integral da zona.

Solicitudes pendentes do Pleno ordinario de setembro:
1.- Instalación de contedores de lixo e limpeza dos mesmos.
2.- Implantación do Noitebús polas parroquias e Ribeira-Padrón e Ribeira-Noia.
3.- Control da velocidade en O Vilar.
4.- Transporte público a O Vilar por Gude (Artes).
5.- Estado da motobomba contraincendios municipal.
6.- Mellora da limpeza no barrio de Bandourrío e arranxo da rúa Perú.
7.- Limpeza da estrada de Castiñeiras a Aguiño e do entorno dos Areeiros.
8.- Posta en funcionamento do novo vaso da piscina municipal e do campo de fútbol de herba artificial.
9.- Accidentes no Parque de inchables “Riveiralandia”.
10.-Saneamento e actuación integral no lugar da Graña.
11.-Estado da rede de pluviais e as beirarrúas no lugar do Vilar.
12.-Verquido na Ría da Arousa a carón da depuradora do Touro.

Apostamos por unha depuradora para o polígono de Xarás

2007-10-25 2ª entrevista co Conselleiro Medio Ambiente

O pasado xoves, día 25 de outubro, recibiunos o Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, á portavoz do BNG, Dominga Brión, ó alcalde e ás distintas voceiras municipais, agás ó voceiro do PSOE, que non asistiu. Na xuntanza tamén estiveron presentes os directores xerais de Augas de Galiza, e Conservación da Natureza, así como o delegado provincial de Medio Ambiente na Coruña.

Na anterior reunión que mantivemos co Conselleiro o 13 de xullo, comprometérase a reunirse de novo coa delegación ribeirense na primeira quincena de setembro, despois de estudar o cambio de ubicación da depuradora, de Pinisqueira a carón de Conresa, en Couso, así como o resto de alegacións presentadas. A este retraso no cumprimento do seu compromiso hai que engadirlle que esta reunión veu precedida de distintas declaracións na prensa que xa nos facían albiscar a falta de compromiso político do PSOE cun saneamento racional do noso Concello.

Durante a reunión, que se prolongou por máis dunha hora, a portavoz do BNG, Dominga Brión, fixo referencia ao acordo plenario unánime da Corporación Municipal de 30 de xullo, insistindo na necesidade dunha depuradora específica para a depuración das augas residuais do polígono de Xarás, lembrando que no anteproxecto da EDAR que elaborou a Consellaría, a carga residual industrial representa o 50% da carga contaminante que a depuradora terá que tratar.

A pesar de que tanto a veciñanza como todos os Grupos Municipais fomos capaces de chegar a este acordo plenario de mínimos, ao único ao que se comprometeu o Conselleiro de Medio Ambiente é a estudar outra posíbel ubicación para a EDAR, antes de chegar a Conresa á dereita, ao non considerar idónea a proposta feita na anterior reunión.

Cabe lembrar que aínda que a Consellaría di que non contemplan a construción dunha depuradora para o Polígono de Xarás, na práctica si lla vai a facer en Couso, xa que ten que facer unha depuradora o dobre de grande; a isto haberá que engadirlle os problemas que vai a traer o traslado desta carga contaminante até alí e mesmo a súa depuración conxunta coas augas residuais urbanas. Para máis, a cidadanía no seu conxunto teremos que financiar os custos da depuración dunha contaminación procedente da actividade empresarial, en contra do principio de “quen contamina paga”, que hoxe está a guiar toda a política de responsabilidade ambiental.

Dende o BNG de Ribeira consideramos que despois de tantos anos demandando o saneamento integral do noso Concello, os e as ribeirenses no seu conxunto temos dereito ao mellor saneamento posíbel. Aínda tendo en conta o esforzo económico que vai a facer a Consellería de Medio Ambiente (23 millóns de € só na construción da EDAR), consideramos que o anteproxecto que presenta, a proposta do Goberno do PP de Ribeira, é mellorábel. Agardamos, pois, que dende esta Consellaría de responsabilidade do PSOE teñan en consideración tanto as alegacións presentadas, como a mobilización social que este anteproxecto está a xerar, así como o acordo plenario de mínimos acadado pola Corporación Municipal do 30 de xullo, a iniciativa do BNG de Ribeira, recollendo a proposta veciñal.

Máis información:
Reunión co Conselleiro de Medio Ambiente o 13 de xullo
Acordo Plenario da Corporación Municipal de 30 de xullo
No apartado “Temas” en “EDAR Ribeira” atoparás máis información

Nova na Voz:
Medio Ambiente descarta construír unha depuradora para o polígono de Xarás

Artigo en Vieiros:
Aguiño: Contra Goliath

Solución para os eternos e persistentes cheiros

Luís, Ana, Domi e Xosé Luís

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Xosé Luís Groveiro, ven de presentar unha iniciativa relativa a problemática ocasionada polos eternos e persistentes cheiros, demandando solucións a que ten a competencia, que é o Goberno Municipal.

Non por habitual ou repetida unha situación molesta deixa de ser seria ou mesmo grave. Os problemas de cheiros en Ribeira veñen de moi atrás no tempo sen que o Goberno do Concello dera solución. Veciños e veciñas da zona de Aguiño, Couso, Graña, así como do entorno do polígono industrial de Xarás, Outeiro (Artes) e mesmo o do centro urbano de Ribeira como o parque da Concordia ou o cruce de Rosalía de Castro con Xeneral Franco, sofren moi de preto este problema.

O mantemento e/ou mellora da rede de sumidoiros é competencia municipal. Tamén o é o control dos vertidos e emisións que producen as empresas que operan no ámbito do concello. O Goberno Municipal conta tamén cun Regulamento de Vertidos que, xunto ca lexislación vixente aplicable, é a principal baza para poñer remedio a esta situación que, por outra parte, este Goberno coñece moi ben tanto polas queixas veciñais como por anteriores demandas do BNG e mesmo por informes dos propios técnicos municipais.

Moción:
2007-10-19-mocion_cheiros.pdf

Nova na Voz:
O BNG reclama a localización da orixe dos malos cheiros e a súa erradicación en Ribeira

Nova no Diario de Arousa:
El BNG solicita un estudio para conocer el origen de los malos olores en Riveira

O BNG da Barbanza rexeita as piscifactorías no LIC de Corrubedo

Reserva de 55.000 m. terreo para unha piscifactoría en Couso Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo Reserva de 115.000 m. terreo para ampliar piscifactoría Seráns

A Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza aprobou por unanimidade unha resolución pola que quere mostrar o seu rexeitamento aos proxectos que o Plan Acuícola Galego ten previsto para a nosa comarca e amosar o seu apoio e sumarse á convocatoria de manifestación que se celebrará o vindeiro domingo, día 4 de novembro, ás 12 horas, no porto de Corrubedo.

Ao mesmo tempo animamos á cidadanía da comarca a participar na manifestación, convocada por diversos colectivos medioambientais.

Máis información sobre a manifestación:
Marcha nacional contra o Plano Acuícola. Corrubedo 4-N, 12h

Resolución da Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza

A asemblea comarcal do BNG da Barbanza, reunida o pasado sábado 20 de outubro do 2007 no concello de Boiro, acordou tomar a seguinte resolución:

O BNG da Barbanza quere mostrar o seu apoio, e sumarse, á convocatoria de manifestación prevista para o vindeiro día 4 de novembro no porto de Corrubedo, mostrando o seu rexeitamento aos proxectos que o Plan Acuícola Galego ten previsto para a nosa comarca. Non é de recibo que se poda por en perigo a fonte de riqueza que durante moito tempo foi quen de sustentar a economía de moitas familias, e base primordial da productividade da comarca.

Calquera nova actividade ten que ser respectuosa coas que, tradicionalmente, permitiron o sustento da nosa comarca, nomeadamente a pesca, o marisqueo e o sector mexilloeiro. Ao mesmo tempo, dende unha perspectiva medio ambiental non son nin os lugares máis adecuados para a colocación destas plantas, nin as dimensións máis acaídas para os entornos dos que falamos. Por todo isto, animamos á cidadanía da comarca a participar na manifestación que diversos colectivos medioambientais teñen convocado para o domingo 4 de novembro no porto de Corrubedo, agardando que serva para que a Consellería de Pesca reflexione e se sente a negociar cos sectores implicados o deseño do Plan Acuícola Galego.

A Barbanza a 20 de outubro do 2007.

Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza.

Unha galescola para Ribeira

Carmen Adán, Dominga Brión e Ana Álvarez

Así nolo confirmou a Secretaria Xeral de Igualdade, a nacionalista Camen Adan. Ribeira poderá contar con unha galescola, sempre que o Concello se integre no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, poña a disposición o terreo e aporte o 20% da financiación. Vicepresidencia encargase do 80% restante.

A devandita confirmación produciuse o pasado venres, día 19 de outubro, durante unha entrevista que mantiven coa propia Carmen Adán, a que tamén asistiu a concelleira Ana Álvarez. Isto é froito das importantes xestións feitas polo BNG de Ribeira diante da Vicepresidencia da Xunta de Galiza. Despois de varias reunións de traballo coa Delegada Tereixa Novoa, a Secretaria Xeral ratificounos que a cidadanía do noso concello poderá dispor dun servizo social moi importante.

Cabe lembrar que Ribeira conta con un censo poboacional de preto de 1.000 nenos e nenas de 0 a 3 anos. Neste momento só dispón dunha Escola Infantil Municipal de arredor de 100 prazas de 0 a 3 anos, os preto de 900 restantes teñen que estar ao coidado das súas familias, por falla de oferta pública.

Falta, pois, que o Goberno Municipal cumpra coa súa parte, para que Ribeira conte cun servizo moi necesario para o noso concello. O Goberno do PP de Ribeira, ata o momento, non fixo nada para integrarse no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, algo imprescindíbel que xa fixeron 209 concellos a día de hoxe. Por esa razón o BNG, por medio da concelleira Ana Álvarez, presentou unha iniciativa na que se pretende acadar os seguintes acordos:

1. Solicitar a adhesión do Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

2. Facultar á Alcaldía para formalizar a adhesión do Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para o que, previamente, deberá aprobarse nunha próxima sesión plenaria os Estatutos de adhesión ao Consorcio e o nomeamento do/a representante do Concello no citado Consorcio.

3. Poñer a disposición da Vicepresidencia da Xunta de Galicia terreos para a construcción dunha Escola Infantil.

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é unha entidade de dereito público, integrado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia e, a día de hoxe, por 209 concellos galegos. É esta a fórmula xurídica escollida para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais.

Constitúese así no ente que vai dar cobertura para que, tanto a Vicepresidencia da Xunta coma os concellos integrados, acheguen o financiamento preciso e acordado. Deste xeito garántese que cada proxecto conte cun orzamento plurianual e asegúrase a súa sostibilidade financeira.

Algunha das vantaxes deste modelo xurídico é a de que se poida garantir a prestación de servizos de calidade con niveis suficientes de cobertura, a flexibilización do acceso e do uso dos recursos sociais e a mellora dos dispositivos de coordinación. Igualmente, redundará en beneficio da eficiencia e da eficacia no desenvolvemento das competencias propias da Xunta, tanto na planificación coma na programación, na ordenación e na coordinación do Sistema Galego de Servizos Sociais.

As dúas áreas en que traballa o Consorcio son, polo tanto, a de Igualdade e a de Benestar. Na primeira delas trabállase pola conciliación da vida laboral e persoal, para o que se crea a Rede Galega de Escolas Infantís (Galescolas) e púlase pola igualdade e a protección das mulleres vítimas de malos tratos. No terreo do Benestar o principal proxecto é a creación da Rede Pública de Atención á Terceira Idade e á Dependencia, na busca, entre outros aspectos, de mudar neste eido a relación de dependencia dos concellos respecto da Xunta de Galicia. Outros dos ámbitos de actuación focalizados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar será a loita contra a pobreza e a exclusión social, estratexia que se desenvolverá sobre a base do II Plan Galego de Inclusión Social.

Moción:
2007-10-17consorcio.doc

Nova na Voz:
O BNG solicita ao goberno de Ribeira que habilite terreos para construír unha galescola

Nova no Diario de Arousa:
Ribeira terá unha nueva galescola se se adhiere ao Consorcio de Igualdade

Demandamos a mellora da oferta de ensinanzas nautico pesqueiras

O BNG, por medio da deputada Ana Pontón e do deputado Bieito Lobeira, interésanse no Parlamento Galego pola mellora da oferta de ensinanzas náutico pesqueiras na Barbanza.

Na iniciativa que apresentaron indican que “a actividade pesqueira-marisqueira é un dos motores económicos da economía galega, que ocupa a máis de 120.000 persoas.” Nese senso, tamén afirman que “unha das rías máis ricas e produtivas, non só da Galiza, senón de todo Europa, é a de Arousa, da que viven aproximadamente 26.000 persoas.”

Por iso consideran que “mellorar a formación e capacitación profesional das persoas que viven das actividades do mar é un obxectivo que debe perseguir o Goberno Galego, dada a relevancia que esta actividade ten no noso país.”

Nese senso, interésanse polas medidas que se van adoptar para mellorar a formación náutico pesqueira na Barbanza, en que prazos e cal é a colaboración que se ten establecido entre as Consellerías de Pesca e Educación a fin de incrementar a oferta de ensinanzas náutico pesqueiras.

Iniciativa Parlamentar:
2007-10-18melloraensinanzasmaritimopesqueiras.pdf

Nova na Voz:
O BNG demanda que se mellore en Barbanza a oferta de ensinos náutico-pesqueiras

Intento de usurpación dun camiño nos Paramos

caminodosparamos.jpg

Ante o que parece a todas luces un intento de usurpación dun camiño de carro por un particular nos Paramos, Castiñeiras, a veciñanza do lugar demandou o apoio do BNG de Ribeira.

Unha vez que chegamos ao lugar, comprobamos que o devandito camiño que da servicio a varias fincas esta sinalizado con un muro por un lado e marcos polo outro. Ademais, aparece recolleito tamén en escrituras de propiedade dos lindeiros e mesmo nun plano de levantamento topográfico visado.

Non se entende, pois, a pasividade que está adoptando o goberno ante o que parece unha clara usurpación dun camiño público por parte dun particular. Razón pola cal presentamos unha iniciativa ante o Goberno e ante a Corporación Municipal solicitando que se adopte as medidas oportunas para que se proceda ao marcado dos deslindes e dos retranqueos pertinentes, unha vez analizada a documentación necesaria. Do mesmo xeito, tamén demandamos que se proceda ao arranxo do devandito camiño, xa reclamado polos usuarios do mesmo.

Iniciativa Municipal:
2007-10-17-camino-paramos.doc

Nova na Voz:
A ocupación dun camiño suscita protestas veciñais en Castiñeiras