BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Setembro 23rd, 2007:

Iniciativas do BNG ao Pleno ordinario de setembro

O vindeiro luns, día 24 de setembro, a partir das 20:00 horas, celebrarase o Pleno ordinario da Corporación Municipal. Na mesma debateranse un total de 17 iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e 12 solicitudes que aparecen relacionadas a continuación. Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información da mesma. Lembramos que o plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

As mocións son en relación cos seguintes temas:
1.- Situación do alumeado público e do das instalacións eventuais.
2.- Creación dunha comisión que elabore un regulamento de participación cidadá.
3.- Plans de prevención e defensa contra os incendios forestais.
4.- Situación dos centros de educación infantil e de primaria.
5.- Regulación do tráfico e demanda de beirarrúas desde Salmón á Gándara.
6.- Regulación do tráfico no cruce do Vilar.

As solicitudes son relativas a:
1.- Instalación de contedores de lixo e limpeza dos mesmos.
2.- Implantación do Noitebús polas parroquias e Ribeira-Padrón e Ribeira-Noia.
3.- Control da velocidade en O Vilar.
4.- Transporte público a O Vilar por Gude (Artes).
5.- Estado da motobomba contraincendios municipal.
6.- Mellora da limpeza no barrio de Bandourrío e arranxo da rúa Perú.
7.- Limpeza da estrada de Castiñeiras a Aguiño e do entorno dos Areeiros.
8.- Posta en funcionamento do novo vaso da piscina municipal e do campo de fútbol de herba artificial.
9.- Accidentes no Parque de inchables “Riveiralandia”.
10.-Saneamento e actuación integral no lugar da Graña.
11.-Estado da rede de pluviais e as beirarrúas no lugar do Vilar.
12.-Verquido na Ría da Arousa a carón da depuradora do Touro.

Prevención contra os incendios

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Anxeles González Cruxeiras, ven de demandar que se elabore o Plan de Prevención e Defensa contra incendios forestais.

O artigo 21 do Decreto 105/2006, co obxecto de protexer especialmente o espazo rural e os núcleos de poboación dos incendios, establece faixas de especial protección naqueles terreos adicados a monte e nas áreas lindeiras que abrangan unha franxa de 25 ou 50 metros ao redor de calquera edificación, urbanización, obras, instalacións industriais, eléctricas ou infraestructuras de transporte, ubicadas a menos de 400 metros do monte.

O concello de Ribeira foi o único de toda a Comarca que se negou a asinar o Convenio coa Consellería do Medio Rural, a pesares de ser un dos concellos que os técnicos da FEGAMP inclúen na relación de concellos que conteñen zonas de especial risco, o que levou consigo a perda dunha subvención de contía considerable ademais de que unha gran parte dos asentamentos deste Concello queden sen protección fronte ós incendios.

Tanto o decreto como a Lei 3/2007 recollen que lle corresponde ós concellos o elaborar e aprobar os Plans de Prevención e Defensa contra os incendios forestais, e integralos nos plans de emerxencia municipais. Así mesmo din que a elaboración, execución e actualización deste planeamento ten caracter obrigatorio.

Moción:
2007-07-01conveniomediorural.doc

Beirarrúas e regulación do tráfico en Oleiros

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Francisco Ayaso, ven de presentar unha iniciativa demandando a regulación do tráfico na estrada C-550 en Oleiros e que se rematen as beirarrúas por ámbolos dous lados.

Esta estrada ao seu paso pola parroquia de Oleiros, concretamente desde Salmón á Gándara, é unha vía moi concorrida onde os vehículos sobrepasan excesivamente os límites de velocidade. Debido a que atravesa estes núcleos de poboación o risco de accidentes por atropelo é moi alto.

Na Gándara hai unha asociación de discapacitados e un colexio que ten uns 300 alumnos, e principalmente en horas punta os transeúntes teñen que cruzar a calzada polos pasos de peóns que a maioría dos vehículos non respectan.

A falta de beirarrúas nalgúns tramos obriga ós viandantes a pasar pola calzada, tanto para levar ós nenos e nenas ao colexio, para ir ó Hospital da Barbanza ou mesmo para desprazarse pola parroquia.

Consideramos imprescindibles esta actuacións nesta vía pois, como todos sabemos, nestes últimos anos houbo múltiples accidentes mortais e atropelos.

Moción:
2007-09-14regulaciontraficobeirarruas.doc