BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Setembro, 2007:

25 aniversario do BNG

Luís Teira, Dominga Brión, Ana Álvarez, Xosé Luís Groveiro e Francisco Ayaso no 25 aniversario do BNG25 aniversario do BNG

Onte, día 29 de setembro, unha ampla representación do BNG de Ribeira, encabezada polo seu Grupo Municipal, achegámonos ata o Frontón de Riazor, na Coruña, para participar no acto de conmemoración do 25 aniversario do BNG, que se fundou en 1982, coa intención de ser a casa común do nacionalismo galego. A completa unificación das forzas políticas nacionalistas produciuse en 1994.

Anxo Quintana, Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, Encarna Otero e Henrique Tello interviron no acto, que foi presentado por Iria Aboi. Unha multitude nacionalista fixo que este emblemático lugar se quedara pequeno.

As actuacións de Miro Casabella, un dos máis relevantes cantautores de Voces Ceibes, que interpretou O meu país, Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Lizgairo, o Mago Antón e Pepe Vaamonde co seu grupo, puxeron a nota lúdica.

Máis información:
Quintana no 25 aniversario do BNG: “Mentres uns falan de España e utilizan a Constitución como martelo, nós dicimos democracia, democracia e democracia”

‘O BNG é a forza chamada a liderar a sociedade galega’, di Anxo Quintana na apresentación do acto do Frontón de Riazor

Nova na Voz:
O BNG aproveita o seu 25 aniversario para lanzar unha mensaxe de unidade

Nova no Correo:
O BNG propon unha vía tranquila para lograr a autodeterminación

Nova no País:
Quintana: “Uns din España, España e nos respondemos democracia, democracia”

O BNG de Ribeira na festa do Dolmen de Ouro

O BNG de Ribeira no Dolmen Douro 2007

O día 28 de setembro acudín, acompañada de Xosé Luís Groveiro e Luís Teira, á entrega dos Dolmen de Ouro, que este ano chega a súa XIX edición. Con este galardón a Federación de Empresarios da Barbanza distingue ao empresariado máis sobresaínte das comarcas da Barbanza, Sar, Muros e Noia.

A velada celebrouse nun marco incomparábel, o Pazo do Tambre, en Outes, e para nós transcorreu en agradable compañía, compartindo mesa e mantel, entre outras persoas, co vicepresidente da CECB, Jaime López Sánchez, a súa dona, Esperanza e o xerente de Ferrallas Calo, agasallado con un Dolmen de Ouro.

A Federación de Empresarios do Barbanza outorgou dezaseis distincións a outras tantas empresas do seu ámbito de actuación. Ademais dos premiados en cada municipio, en Ribeira foi Bodegas A Parra, recoñeceu á academia de perrucaría Yara, polo uso da lingua galega; a Estivada Ecuestre, pola iniciativa empresarial; a Dermofarmacia Deolinda, por toda unha vida de dedicación; a Ferralla Calo’s, e a Salustiano Piñeiro. Piñeiro, emigrante retornado, que recibiu a quinta medalla de ouro da FEB, expresou coas súas palabras o sentir dos distinguidos: «O futuro desta terra será tan brillante como nós podamos imaxinalo, sempre que se afronte con traballo, honestidade e ilusión».

A esta cita anual asistiu unha ampla representación do BNG encabezada pola Directora Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar, que destacaron a importancia da coordinación entre entidades públicas e privadas para mellorar as condicións de vida e traballo, resaltando o labor da empresa privada no desenvolvemento socioeconómico de Galiza.

Tamén asistiron o delegado da Consellería de Innovación e Industria, Lois Barcia, o delegado da Consellería de Vivenda e Solo, Xoán Carlos Bascuas, a deputada provincial da comarca, Rosana Pérez, e o tamén deputado provincial, Xoán Cabo. Alcaldes do BNG, como Xosé Deira de Boiro, Voceiros e Voceiras municipais, Concelleiros e Concelleiras nacionalistas de toda a comarca tampouco quixeron faltar a esta celebración.

Estado da rede de pluviais e beirarrúas do Vilar

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Anxeles González Cruxeiras, ven de denunciar que preto dunha década despois de que se remataran as obras das beirarrúas do Vilar aínda os postes eléctricos están ou ben no medio delas ou no medio da estrada, constituíndo un grave perigo para o transito.

Así mesmo, na iniciativa tamén se fai patente o mal estado no que se atopa o rede de pluviais da zona, coas tubarias rotas e rebordando e provocando asolagamentos nas propiedades dos veciños e veciñas.

O BNG demanda solucións para estes problemas do Vilar en Carreira.

Iniciativa
2007-09-10estadobeirarruasarranxopluviais-vilar.pdf

Iniciativas do BNG ao Pleno ordinario de setembro

O vindeiro luns, día 24 de setembro, a partir das 20:00 horas, celebrarase o Pleno ordinario da Corporación Municipal. Na mesma debateranse un total de 17 iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e 12 solicitudes que aparecen relacionadas a continuación. Pulsa enriba da iniciativa para obter máis información da mesma. Lembramos que o plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

As mocións son en relación cos seguintes temas:
1.- Situación do alumeado público e do das instalacións eventuais.
2.- Creación dunha comisión que elabore un regulamento de participación cidadá.
3.- Plans de prevención e defensa contra os incendios forestais.
4.- Situación dos centros de educación infantil e de primaria.
5.- Regulación do tráfico e demanda de beirarrúas desde Salmón á Gándara.
6.- Regulación do tráfico no cruce do Vilar.

As solicitudes son relativas a:
1.- Instalación de contedores de lixo e limpeza dos mesmos.
2.- Implantación do Noitebús polas parroquias e Ribeira-Padrón e Ribeira-Noia.
3.- Control da velocidade en O Vilar.
4.- Transporte público a O Vilar por Gude (Artes).
5.- Estado da motobomba contraincendios municipal.
6.- Mellora da limpeza no barrio de Bandourrío e arranxo da rúa Perú.
7.- Limpeza da estrada de Castiñeiras a Aguiño e do entorno dos Areeiros.
8.- Posta en funcionamento do novo vaso da piscina municipal e do campo de fútbol de herba artificial.
9.- Accidentes no Parque de inchables “Riveiralandia”.
10.-Saneamento e actuación integral no lugar da Graña.
11.-Estado da rede de pluviais e as beirarrúas no lugar do Vilar.
12.-Verquido na Ría da Arousa a carón da depuradora do Touro.

Prevención contra os incendios

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Anxeles González Cruxeiras, ven de demandar que se elabore o Plan de Prevención e Defensa contra incendios forestais.

O artigo 21 do Decreto 105/2006, co obxecto de protexer especialmente o espazo rural e os núcleos de poboación dos incendios, establece faixas de especial protección naqueles terreos adicados a monte e nas áreas lindeiras que abrangan unha franxa de 25 ou 50 metros ao redor de calquera edificación, urbanización, obras, instalacións industriais, eléctricas ou infraestructuras de transporte, ubicadas a menos de 400 metros do monte.

O concello de Ribeira foi o único de toda a Comarca que se negou a asinar o Convenio coa Consellería do Medio Rural, a pesares de ser un dos concellos que os técnicos da FEGAMP inclúen na relación de concellos que conteñen zonas de especial risco, o que levou consigo a perda dunha subvención de contía considerable ademais de que unha gran parte dos asentamentos deste Concello queden sen protección fronte ós incendios.

Tanto o decreto como a Lei 3/2007 recollen que lle corresponde ós concellos o elaborar e aprobar os Plans de Prevención e Defensa contra os incendios forestais, e integralos nos plans de emerxencia municipais. Así mesmo din que a elaboración, execución e actualización deste planeamento ten caracter obrigatorio.

Moción:
2007-07-01conveniomediorural.doc

Beirarrúas e regulación do tráfico en Oleiros

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Francisco Ayaso, ven de presentar unha iniciativa demandando a regulación do tráfico na estrada C-550 en Oleiros e que se rematen as beirarrúas por ámbolos dous lados.

Esta estrada ao seu paso pola parroquia de Oleiros, concretamente desde Salmón á Gándara, é unha vía moi concorrida onde os vehículos sobrepasan excesivamente os límites de velocidade. Debido a que atravesa estes núcleos de poboación o risco de accidentes por atropelo é moi alto.

Na Gándara hai unha asociación de discapacitados e un colexio que ten uns 300 alumnos, e principalmente en horas punta os transeúntes teñen que cruzar a calzada polos pasos de peóns que a maioría dos vehículos non respectan.

A falta de beirarrúas nalgúns tramos obriga ós viandantes a pasar pola calzada, tanto para levar ós nenos e nenas ao colexio, para ir ó Hospital da Barbanza ou mesmo para desprazarse pola parroquia.

Consideramos imprescindibles esta actuacións nesta vía pois, como todos sabemos, nestes últimos anos houbo múltiples accidentes mortais e atropelos.

Moción:
2007-09-14regulaciontraficobeirarruas.doc

Pedimos contas sobre a situación do alumeado público

En representación do BNG de Ribeira, veño de presentar unha iniciativa que se debaterá no Pleno ordinario do vindeiro luns, día 24 de setembro, demandando que o Grupo de Goberno abra unha exhaustiva investigación interna para esclarecer as causas do tráxico suceso acontecido o pasado Entroido, que se depuren as pertinentes responsabilidades e se adopten as medidas oportunas para que non volva a acontecer algo semellante.

O pasado martes, día 20 de febreiro ás 4 da madrugada, produciuse un grave accidente no que un mozo faleceu por electrocución, según se recolle no informe da autopsia. Isto aconteceu ao lado dunha carpa provisional, instalada por unha empresa contratada polo Concello de Ribeira, na rúa Portugal, diante do auditorio e a carón dunhas farolas do alumeado público.

Estes feitos agrávanse máis, se cabe, porque existen indicios solventes de que a instalación do alumeado público xa dera sinais de mal funcionamento, pois existen denuncias previas de descargas eléctricas presentadas diante da Policía Local xa dende decembro pasado.

É notoria a alarma existente entre a cidadanía dada a incerteza que este grave suceso xerou. Polo tanto, resulta realmente preocupante que, pasado xa un tempo prudencial, non se deran explicacións por parte do Grupo de Goberno e, nomeadamente, do Alcalde nin a cidadanía, nin a Corporación Municipal, nin tan sequera aos seus voceiros, a respecto das causas deste dramático acontecemento, das posibles neglixencias que o ocasionaron e das actuacións que del deberan derivarse.

Consideramos, pois, que xa é hora de que o Alcalde de contas á cidadanía de todo o acontecido.

Moción:
2007-07-14-alumeado-publico.doc

Vivenda aposta polo Parque Empresarial da Barbanza

Localización Polígono da BarbanzaProposta de Ordenación Polígono da Barbanza

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO APOSTA POLO PARQUE EMPRESARIAL DA BARBANZA PARA DAR RESPOSTA Á DEMANDA DE SOLO PRODUTIVO DESTA COMARCA E A SÚA ÁREA DE INFLUENCIA

O director xeral do IGVS explicou o mércores, día 19, pola tarde no Parlamento que a localización deste parque responde ao estudo de solo nos concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Noia, Porto do Son, Lousame e Outes

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, aposta pola creación do Parque Empresarial da Barbanza para dar resposta á demanda de solo produtivo das empresas interesadas en instalarse nesta comarca e a súa área de influencia. Este parque, que contará cunha superficie de 1 millón de metros cadrados, está localizado entre os concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal e pensado para dar servizo tamén aos concellos de Noia, Porto do Son, Lousame e Outes.

Así o explicou o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Daniel Pino, esta tarde na Comisión 2ª do Parlamento galego. O director xeral engadiu que, ademais do Parque Empresarial do Barbanza, a Consellería está a desenvolver nesta área económica, a traveso da sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) participada pola Consellería nun 15%, o Parque Empresarial de Rianxo, de 260.000 metros cadrados e o Parque Empresarial de Muros con 181.400 metros cadrados. Mentres que Xestur A Coruña está a acometer a 2ª fase do Parque Empresarial de Espiñeira no Concello de Boiro, que terá en total 367.300 metros cadrados.

Daniel Pino explicou que a Consellería de Vivenda e Solo aposta pola creación de parques empresariais ben dimensionados e localizados nas grandes zonas económicas do país, ao contrario do que pasaba coa anterior Administración, que desenvolveu pequenos parques espallados polo territorio. É o caso do Parque Empresarial de Porto do Son, inviable pola súa raquítica dimensión e pola aparición de restos arqueolóxicos.

A Consellería de Vivenda e Solo estudou un ámbito de 6 millóns de metros cadrados antes de decidir a localización do futuro Parque Empresarial do Barbanza. Neste estudo tivéronse en conta aspectos como as comunicacións e servizos da zona, o impacto medioambiental, o custe económico da actuación e a demanda de solo empresarial.

Neste senso, o Estudo da Demanda e oferta de solos empresariais de Galicia, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela, revela que coa oferta de parques empresariais que está prevista na comarca do Barbanza a Consellería dará resposta á demanda de solo produtivo desta zona. A demanda prevista de aquí a 2015 será de 992.000 metros cadrados mentres que a oferta efectiva será de 1,5 millóns de metros cadrados.

Interesámonos polo estado dunha motobomba

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Luís Teira, interesouse polo estado dunha motobomba contra incendios municipal, ao haber varias semanas que non está aparcada no seu lugar habitual a carón da base de Protección Civil nas imediacións da Casa do Concello.

Dase a circunstancia de que este camión é o que ten guindastre elevador, de indubidable utilidade tanto para incendios como para a colocación de pancartas, etc.

Sabendo pois que estamos en época de risco de incendios forestais, consideramos que a nomeada motobomba debería estar completamente operativa na base para poder intervir de xeito inmediato no caso de incendio.

Iniciativa municipal:
2007-08-02preguntamotobomba.pdf

Regulamento de participación cidadá

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Luís Teira, levará ao vindeiro Pleno unha moción para que se constitúa unha comisión de traballo con representantes de todos os partidos políticos da corporación coa finalidade de elaborar un regulamento de participación cidadá.

No programa de goberno co que nos presentamos ás eleccións municipais 2007, comprometémonos a institucionalizar no concello a participación cidadá mediante normas e órganos que faciliten esa participación nos asuntos municipais, a través de entidades representativas.

Afortalar o movemento social organizado, aumentar a consciencia e a corresponsabilidade da sociedade na toma de decisións e facer transparente a xestión municipal, son os obxectivos a acadar.

Por esa razón, consideramos moi importante que se poñan en marcha algúns instrumentos de participación cidadá entre os que se atopa o Regulamento de Participación Cidadá que recolla os dereitos, organismos e mecanismos de acceso e participación cidadá na vida municipal. Ao noso entender, este Regulamento ten que incluír tamén fórmulas de participación da cidadanía nas sesións plenarias. Así mesmo, consideramos que deberá especificar os mecanismos para a participación da cidadanía na elaboración dos Orzamentos Municipais.

Moción:
2007-07-20regulamentoparticipacioncidada.pdf

Nova na Voz:
Os nacionalistas ribeirenses reclaman un regulamento de participación cidadá