Agosto, 2007:
Auga para Oleiros e Olveira
No Pleno Municipal do pasado mes de maio do 2006 aprobouse por unanimidade unha proposta do BNG instando ao Goberno Municipal a axilizar a execución das obras de acometida de auga ás parroquias de Oleiros e Olveira. Naquela iniciativa incluíase o incremento de persoal e medios por parte da empresa adxudicataria en caso de ser preciso.
Pasado máis dun ano e a vista de que moitas vivendas ainda non dispoñen de auga, o BNG, por medio do concelleiro Francisco Ayaso, presentou unha moción que se debateu no Pleno ordinario do pasado luns, dia 30 de xullo.
Hai que destacar que apesar do incumprimento do acordo plenario por parte do Grupo de Goberno, o PP votou en contra da nosa iniciativa.
Xornada informativa da Plataforma de Corrubedo
POR QUE REXEITAMOS A FÁBRICA DE PEIXES NO CORGO-LAXE BRAVA?
POR QUE REXEITAMOS O PLAN ACUÍCOLA?
DATA: Sábado 4 de agosto, ás 20:00 horas
LUGAR: CASA DO MAR, Porto de Corrubedo
INTERVIRÁN:
Manoel Santos, voceiro da Plataforma de Corrubedo (presentación)
X. Ignacio González, biólogo e guía intérprete
Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA
A Plataforma Medioambiental de Corrubedo organiza unha xornada informativa dirixida aos veciños e veciñas do cabo e a todos os amantes da natureza nosa, que terá como tema central a nosa oposición ao Plan Acuícola da Xunta e especialmente ao emprazamento dunha macrofábrica de peixes no Corgo-Laxe Brava, en Teira (Corrubedo).
O dito Plan da Consellería de Pesca pretende expropiar 308.000 metros cadrados dunha zona virxe, a rentes do LIC Complexo Húmido de Corrubedo (Natura 2000) e sorprendentemente se contrapón ao plan de ampliación da Rede Natura 2000 da Consellería de Medio Ambiente, demostrándose unha grave e absurda descoordinación no goberno.
Na xornada intervirá o biólogo, X. Ignacio González, experto na zona e que ten varios estudos científicos sobre os valores naturais de Corrubedo, moitos incluídos como hábitats prioritarios na Directiva Hábitat da Unión Europea e básicos para o mantemento da pesca artesanal como recurso. X. Ignacio falaranos da importancia natural do lugar e dos efectos negativos que suporía a instalación da macropiscifactoría dende o punto de vista dun experto en interpretación da paisaxe e a educación ambiental.
Asemade, o Secretario Executivo de ADEGA, Fins Eirexas, exporá a visión que a Asociación Ecoloxista ten do Plan Acuícola, a súa clara inxustiza social que supón, ao ceder a unha empresa o que os veciños e veciñas conservaron dende sempre, e a súa gravísima incompatibilidade co desenvolvemento sustentábel en Corrubedo por afectar a unha zona Natura 2000 e por verter milleiros de metros cúbicos de refugallos contaminantes a ela. Fins Eirexas tratará tamén de repostar ás preguntas dos veciños e veciñas no referente aos beneficios ambientais e sociais que podería ter a conservación da zona como espazo protexido no seu conxunto se na Xunta tomaran en serio as leis de conservación.
A Plataforma de Seráns esta en conversas con científicos
Responsables da Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns anunciaron onte que están en conversacións con científicos da Universidade da Coruña co propósito de pedirlles a súa colaboración a fin de tratar de impedir que a ampliación da piscifactoría situada na costa de San Pedro de Muro chegue a bo porto.
Nova na Voz:
A plataforma de Seráns contacta con científicos para tratar de evitar a ampliación da granxa
Aguiño continua o seu calendario de mobilizacións
A Comisión Veciñal de Aguiño manifestouse satisfeita polo acordo unánime acadado pola Corporación Municipal o pasado luns ante a iniciativa do BNG a respecto da EDAR de Ribeira. Aínda así, decidiu continuar co seu calendario de mobilizacións ata que a Consellería de Medio Ambiente se pronuncie a este respecto.
Por esta razón, onte concentráronse diante do Concello máis dun cento de persoas e continuaron a entrega de sinaturas comezada o pasado luns. En total presentáronse unhas mil cincocentas, aproximadamente. Varios representantes do BNG estivemos alí apoiando as súas reivindicacións.
Nova na Voz:
Vecinos de Aguiño mobilízanse contra o plan de depuración
Nova no Diario de Arousa:
Veciños de Aguiño solicitan con 1.500 sinaturas que se alonxe a EDAR e se estudie o seu impacto ambiental





