BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Agosto, 2007:

Melloras no complexo deportivo da Fieiteira

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Luís Teira, ven de solicitar diversas melloras no complexo deportivo da Fieiteira.

Como é sabido, construíuse un campo de herba artificial e un novo vaso de piscina. Obras sen dúbida necesarias dada a alta demanda de usuarios/as e equipos que practican tanto competicións federadas como de usuarios/as que practican deporte por libre. Ambos equipamentos están finalizadas dende hai moito tempo, sen que ata o momento se puxeran a disposición dos usuarios/as.

Por outra banda, no caso do campo de fútbol o peche perimetral, por un lado, está sen facer á espera de que se realicen unhas futuras obras de ampliación do complexo deportivo. Sen embargo e pensando que en breve esta instalación deberá estar á disposición dos e das deportistas, a ausencia deste peche lateral pode resultar perigoso, xa que hai un desnivel do terreo considerable.

Máis información:
2007-08-27_solicitude_arranxo_fieiteira.pdf

Nova na Voz:
Os nacionalistas solicitan a posta en marcha das novas instalacións da Fieiteira

Intelectuais e artistas pola defensa de Corrubedo

PRIMEIRA ENTREGA
http://altermundo.org/portal/content/blogcategory/116/230/lang,gl_ES/
Se queres contribuír neste berro de país envía o teu texto a: corrubedo@altermundo.org

Os fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo facemos un chamamento desesperado para liberar a nosa costa virxe das poutas das transnacionais fabricantes do peixe. Velaquí as verbas do país:

––––––––––

ABRAZAR O MAR EN CORRUBEDO

Abrazar o mar en Corrubedo.

Que non haxa listas de espera cando o que queremos é salvar o océano.

Que non teñamos un accidente mortal o día que collemos as vacacións.

O faro de Corrubedo sabe de memoria todos os nomes dos barcos.

Non lle poñas un candado á miña bicicleta. Eramos mellores cando eramos analfabetos?

A sociedade está cambiando. Non me leves á forza ao dentista. “Ollos verdes son traidores, azuis son mentireiros, negros e acastañados son firmes e verdadeiros”. Os peixes deben medrar e voar na auga. Podemos ir nun autobús moi vello e moi lento a Corrubedo, contando chistes co conductor. Podemos ser modernos aínda que non teñamos o coche máis caro, máis agresivo e máis contaminante do mercado. Un cantante de folk quere levarme de paseo polos cantís de Corrubedo. “Amar ou non amar: that´s the cuestion”. É misteriosa A MORTE, e son misteriosos os pallasos. Saben falar inglés os nenos de Corrubedo? Non subas tan alto que podes caer e matarte. Levan tanga as mulleres de Corrubedo? Non me desenchufes a televisión cando estou vendo o telediario. As películas en branco e negro cánsanme os ollos. Quen inventou o arco iris? NON FALES CON DESCOÑECIDOS. Na Xunta de Galicia respetan a paisaxe?

O mar que máis amas é o mar que levas dentro da gorxa…

Un mar de patacas… Un mar de herba…

Lupe Gómez

––––––––––

A terra para quen a traballa, non si? Pois o mar e o litoral, tamén: son da xente do mar, e non dos fabricantes de peixe; son dos cidadáns, e non do kapital depredador. Defendamos o patrimonio natural, cultural e comunal en Corrubedo. Xuntos todos e todas. Adiante.

Xosé Manuel Beiras

––––––––––

Quero manifestar-vos a minha solidariedade com esta nova loita. Que rechamante é que num momento no que cada vez resulta mais clara a conciência no que atinge aos efeitos devastadores das mudanças climáticas, as grandes transnacionais acelerem as suas agressôes contra o planeta! Nâo devemos esquecer que o seu principal projecto hoje é sem mais a obtençâo do maior benefício no menor tempo imaginável. Como nâo podemos esquecer que elas sâo, infelizmente, as que ditam boa parte das regras de jogo como a complacência, em tantos lugares, dos poderes políticos. Nessas condiçôes, nada mais urgente que argalhar loitas que, como a vossa, nascem de abaixo.

Carlos Taibo, Madrid

––––––––––

O MELLOR DE NOS

O mellor de nos é a terra que nos acolle, feita das cinzas dos que nos precederan; as ondas que baten na beiramar, de onde os nosos antepasados partiran e ás veces regresaran; a brisa que agarima o rostro traendo noticia e saúdo doutras xeografías; a area das dunas chegada do deserto, que non é senón un mar virado do revés; o asubío do vento entre as carballeiras que fai voar as follas para que soñemos en viaxes e distancias. O mellor de nós é querérmonos e querer a quen nos quere. Quen non quere para os seus o mellor de si?

Xavier Queipo, Bruxelas, 16 de Agosto 2007

––––––––––

Un parágrafo por Corrubedo. Pois non. Sintoo. Un parágrafo pola vida. Un parágrafo polo mar limpo, os cons senlleiros e os peixes das pedras, iso si. Outro parágrafo polas pola escuma das ondas, o balbordo do mar e a ardora nas noites de luar, tamén. Un parágrafo máis polas areas que zoan cancións cando as pisas cos teus pés nuos e que son inconfundibles con outras cancións que aínda quedan na area doutras praias próximas e lonxanas, alleas e de nós, pois tamén. Asi pois, un parágrafo pola liña das cancións salvadas dos naufráxios en todalas praias do mundo con areas cantarinas e brancas, si. Establezamos xa que logo as liñas das cancións. Sabemos que hoxe a canción da vida empeza en Corrubedo. Un parágrafo, pois, pra que non morra alí mesmo. Nunca. Por iso, un parágrafo non, unha canción. A do mar que vai e ven e nace sempre en Corrubedo.

Alfredo Conde

––––––––––

No cabo do Mundo, na capital do altermundo, no imenso areal de Corrubedo, a dignidade da xente non está en venda.

Antón Mascato

––––––––––

Señores e señoras dos negocios: xa temos as nosas costas abondo masacradas por culpa de vostedes. Leven as súas insaciabeis ansias de multiplicar os capitais alá onde a perda non sexa tan inmensa.

Anxo Tarrío

––––––––––

Contade coa miña defensa da fermosa paisaxe natural de Corrubedo fronte á expoliación que se trata de facer nela. Cunha apreta.

Xoán Bernárdez Vilar

––––––––––

Dende a cima do Galiñeiro que preside o noso Val Miñor queremos seguir ollando o Corrubedo verde.

Carlos Méixome Quinteiro. Director do Instituto de Estudos Miñoranos

––––––––––

OS HABITANTES DA NACIÓN NON DEBEMOS SER CÓMPLICES NIN QUEREMOS SER VÍTIMAS DA AGRESIVA USURA MULTINACIONAL. LIBEREMOS A TERRA E O MAR DE CORRUBEDO DE TODA AMEAZA COA FORZA INSUBORNÁBEL DA VONTADE CIVIL E POPULAR.

Xosé María Álvarez Cáccamo

––––––––––

Corrubedo, o berro dos que, sen saudosismos nin folclorismos, queren que siga vivo ese privilexiado lugar co seu cabo, coas súas brancas praias e coas súas garimosas enseadas, coa súa cultura mariñeira tradicional e co seu diferenciado xeito de estar no mundo, neste mundo globalizado e uniformizador”.

Unha aperta… e avante!

Francisco Fernández Rei

––––––––––

Hai camiños que son pasarelas transparentes que nos levan a un certo lugar. Hai pasarelas prateadas que nos transportan a outro mundo. Este, que entre as nosas mans aínda non deixamos morrer. Onde o silencio se fai un paraíso de area. Onde o vento vive do mar e o ruído do mundo se fai tan pequeno. Onde aínda entre as herbas medradas podemos lembrar a vida que soñamos. A xema do deserto faise xardín nas nosas costas.

Sempre queda unha pasarela tatuada na pel desa praia, que nos conduce a algo. Unha senda finísima camiño á esperanza. Brilla de emoción sobre as mesmas areas que están contendo os nosos pasos. As pegadas infinitas sobre os séculos da area. E o seu alento de pátina. O seu fulgor.

Hai estradas de luz que atravesan as ideas e nos achegan ao outro lado. Hai translúcidas pontes que nos poñen en contacto cun anaco de mundo polo que habemos loitar. Delicadas, coraxosas. Pasarelas que levan ao cabo e nunca se perden. Corredores de lúa cara ao cabo do amor.

Yolanda Castaño

––––––––––

É urxente cambia-lo paradigma, para podermos chamar as cousas polo seu (verdadeiro) nome. A producción industrial de peixe faise en granxas (como a de polos, porcos, avestruces… que sei eu). E para se integrar nos actuais sistemas de producción-comercialización da industria alimentaria a dimensión do cacharro ten que ser potente. A industria medra, logo a paisaxe sobra. O que sobra pode ser ocupado, reconstruido e contaminado. Pero se a única razón (o valor) para o uso industrial da costa é a proximidade da auga do mar, non sería máis doado contratar un deses promotores que andan soltos polo país e que invente unha nova “marinadorcidadevacacións” con varios pisos de balnearios e servizos na superficia e moitas prantas de piscifactorías soterradas? Digo. Por rendabilizar.

Xabier Viana Tomé. Guionista tv

––––––––––

Dende o cabo conquistado de Cap Roig (Girona), salvemos corrubedo!!

Miguel García

––––––––––

Amigos da Plataforma pola defensa de Corrubedo: Unha aperta pola voso traballo; quero que saibades que dende A PENEIRA estamos convosco. Seguide informándonos e nós informaremos ó mundo. Saúdos.

Guillermo Rodríguez-Director

ARTIGOS LONGOS:

O cabo verde de Corrubedo, por Miguel Anxo Fernán Vello

Do Courel a Corrubedo II. Da acuicultura á fabricación de peixe, por Xosé Manuel Beiras

Do Courel a Corrubedo I. A terra e o home, por Xosé Manuel Beiras

Un parágrafo por Corrubedo, por Plataforma M. De Corrubedo

Corrubedo: conserva e serás castigado, por Manoel Santos

Un desatino rotundo, por Ignacio González Martínez

Reunida a mesa de negociación pola piscifactoría de Seráns

No Concello de Porto do Son reuníronse os distintos representantes dos sectores afectados pola ampliación da piscifactoría de Seráns. Ademais do alcalde, asistiron en representación da Pataforma pola Defensa do Litoral de Seráns, Dolores Romero, e o avogado Ramón Sabín; José Juan Sanmartín e José Soutullo, socios da firma Sisol Acuicultura, propietaria da granxa de cría e engorde de peixes planos emprazada en devandito lugar; e o técnico Juan Otero, en representación da Consellería de Pesca.

Nova na Voz:
O alcalde sonense convocou a mesa de negociación sobre o plan acuícola de Seráns

A Conselleira escolle aos noruegueses antes cós galegos

Nota de prensa da Plataforma de Corrubedo:

“A Plataforma de Corrubedo critica que a conselleira non visite os espazos da costa que pretende esnaquizar coas súas fábricas de peixe e, pola contra, se faga amiga dos donos das transnacionais norueguesas. Por outra banda, a Plataforma, xunto con outras do país e mais a organización ambientalista Adega, presentará as súas alegacións ao Plan acuícola o vindeiro 29 de agosto en Santiago.

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo quere manifestar a súa sorpresa e indignación pola xira economicista que realizou a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, a terras norueguesas a mediados de mes para, entre outras actividades, “visitar instalacións de varias empresas norueguesas dedicadas á acuicultura e ao procesado de certas especies pesqueiras”.

A Conselleira confirma pois as afirmacións da Plataforma, que considera que o Plan Acuícola fíxose de costas á xente e negociouse directamente coas empresas, repartindose a costa galega, que non é dela, como se fora unha torta. Foi o deputado do PsdeG-PSOE o que escribiu no seu blog (http://www.jmlage.net/blog/) “o plan estase elaborando coa colaboración das principais empresas galegas do sector e unha das dificultades céntrase en poder atender as demandas do sector acuícola”. Queda claro. Nós somos merda.

Sen ánimo de criticar as estratexias económicas da Consellería de Pesca, pois lexítimo e humano é que cadaquén quera deixar a “súa grande obra” para o ben da grandeza do país –como Fraga fixo con Gaiás–,a Plataforma séntese ultraxada e ninguneada, pois para Carmen Gallego semella máis importante “quedar ben” e “facer negocios” coas transnacionais que fabrican peixe do país nórdico que atender as demandas das veciñas e dos veciños da costa nosa.

A Plataforma afirma que a Consellería de Pesca en ningún momento se dirixiu aos movementos veciñais de Corrubedo para interesarse polo seu rexeitamento ao Plan Acuícola, parido polo PP e agora revisado e empeorado se cadra, cando menos no que se refire a Corrubedo, polo goberno actual. Dubidamos que Carmen Gallego teña nunca pasado por Corrubedo, cando menos pola zona da Laxe Brava e O Corgo, onde unilateralmente pretende expropiar 308.000 metros, todo un cabo de terra liberada e conservada secularmente polos seus habitantes, polo pobo, para entregarlla a unha transnacional do peixe. Privatizar o que non é de un pode parecer doado. Xogar coa terra que pertence a todo un pobo tamén. Mais aseguramos que non imos ceder ás pretensións tendenciosas nin da Consellería de Pesca nin dos poderes económicos que nos queren roubar o que máis queremos.

RODA DE PRENSA O DÍA 29

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo participará nunha entrega masiva de alegacións, por parte dos movementos sociais e ambientalistas galegos, no rexistro da Consellería de Pesca en Compostela o vindeiro 29 de agosto ás 10:00 horas da mañá. A Plataforma entregará tamén máis de 3.000 sinaturas que, recolleitas na contorna de Corrubedo, apoian o seu rexeitamento á fábrica de peixes en Corrubedo.

Posteriormente, terá lugar ás 12:00 horas da mañá, no Club Internacional de Prensa, unha Roda de Prensa, nun acto no que intervirán Fins Eirexas –de Adega–, Manoel Santos –da Plataforma Medioambiental de Corrubedo– e Xosé Manuel Casais –da Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas. Enderezo: Avenida de A Coruña, 6 baixo // 15706 Santiago de Compostela”

Asina: Manoel Santos, presidente da Plataforma Medioambiental de Corrubedo
corrubedo@altermundo.org corrubedo@altermundo.org
Tel: 686 021 933

CAMPAÑA INTELECTUAIS E ARTISTAS POLA DEFENSA DE CORRUBEDO

EDAR: preto de 500 persoas abarrotaron a lonxa

O Secretario Xeral de Adega informou aos veciños/as Abarrote na lonxa de Aguiño

O venres, día 17 de agosto, a lonxa de Aguiño acolleu unha xornada informativa a que acudiron preto de 500 persoas, atendendo a convocatoria da Comisión de veciños de Aguiño. Á reunión acudiu Daniel Vispo, Secretario Xeral de Adega, que estivo acompañado na mesa por representantes da Comisión.

A esta reunión acudiu unha ampla representación do BNG. A comisión de veciños esta tramitando a súa legalización para constituírse na Asociación Sagres. Durante a xornada unhas duascentas persoas formalizaron a súa adhesión á entidade.

Nova na Voz

Corrubedo fai un chamamento aos intelectuais e artistas do país

CHAMAMENTO DA PLATAFORMA MEDIOAMBIENTAL DE CORRUBEDO AOS E ÁS INTELECTUAIS E ARTISTAS DO PAÍS

“Benqueridos e benqueridas amigos e amigas,

Os fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo facemos un chamamento desesperado para liberar a nosa costa das poutas das transnacionais fabricantes do peixe. Fixémolo hai anos para preservar os nosos montes de area, as nosas dunas. Fixémolo tamén para rematar –e abofé que rematamos– cos vertidos incontrolados e contaminantes dunha conserveira e fixémolo incluso o ano pasado para liberarnos da primeira ameaza das macropiscifactorías en zona protexida, na alma acantilada do país noso. E facémolo de novo, hoxe e agora que pretenden castigar á nosa costa, a mesma que nós, fillos e fillas do cabo, fillos e fillas de Galiza, conservamos dende sempre sen unha soa agresión nin urbanística nin industrial. Unha piscifactoría, fábrica de peixes ao cabo, de 308.000 metros cadrados en territorio virxe é o noso premio por conservar, o castigo a ese cabo do mundo ao que só chegan os salseiros do mar. Corrubedo é aínda Terra Liberada. É xusto que á nosa terra liberada, ao noso litoral incólume, veña agora o poder dunha empresa para exercer o castigo da destrución?

Dende aquí, dende o cabo liberado de Corrubedo, pedimos a intelectuais e artistas o seu apoio, a penas un parágrafo asinado que poidamos empregar para continuar coa nosa presión mediática e social –pois é o único que entenden–, sen ningunha pretensión nin política nin doutro tipo, tan só polo amor á terra. Sondes intelectuais, artistas, actores e actrices, pintores e pintoras, escritores e escritoras…, e o voso traballo, para ben ou para mal, é ou será ao cabo patrimonio de todos e todas as galegas. É por iso que levades nos miolos unha arma invencíbel, as verbas da terra nosa. Tan só é iso o que vos pedimos, un compromiso máis.

Se concordades coa nosa defensa da terra, podedes enviar a vosa mensaxe respostando a esta mesma (corrubedo@altermundo.org). As vosas verbas serán empregadas como arma pola Plataforma Medioambiental de Corrubedo, que as publicará en internet (www.altermundo.org) a partir da vindeira semana, e as remitirá puntualmente á prensa. Un miúdo esforzo por unha causa grande como o mar de Corrubedo!

CORRUBEDO, TERRA LIBERADA!


Máis información da desfeita futura: http://altermundo.org
Asina: Manoel Santos, da Plataforma Medioambiental de Corrubedo (Tel. 686021933)”

Nova en Galicia Hoxe
Nova na Voz

Melloras en Badourrio

O BNG de Ribeira, por medio do seu concelleiro, Luís Teira, ven de solicitar as seguintes actuacións en Bandourrio:

1º A mellora do servizo de limpeza na rúa Manzanares, utilizando periodicamente algún producto non contaminante que permita a limpeza da pedra do pavimento.

2º A mellora da limpeza no Parque Pedra Pateira e a mellora do coidado do parque por parte dos servizos de xardinería municipal.

3º A actuación integral da rúa Perú que acondicione o firme da estrada e mellore a limpeza da mesma e o acondicionamento da escaleira que vai da rúa Manzanares á rúa Perú.

Solicitude:
2007-08-09mellorasbandourrio.pdf

Nova no Diario de Arousa

Abarrotada a Casa do Mar de Corrubedo

A Casa do Mar quedouse pequena para acoller o gran número de persoas que se deron cita o pasado sábado en Corrubedo. Á xornada informativa, organizada pola Plataforma Medioambiental de Corrubedo, acudimos unha representación do BNG de Ribeira, para amosarlle todo o noso apoio á plataforma e a todas as persoas afectadas. Xa manifestamos publicamente o noso desacordo coa instación desta macropiscifactoría no entorno máis virxe da nosa costa.

Lembrar que a Consellería de Pesca fai no noso entorno, a escasa distancia, unha desproporcionada reserva de terreo para piscifactorías: 55.000 metros cadrados en Couso + 308.000 no Corgo + 115.000 en Seráns. Isto parécenos inadmisíbel porque vai a representar un forte impacto medioambiental, económico e social na zona.

Resaltar a presenza no acto de Xosé Manuel Beiras Torrado, que fixo unha pausa no seu descanso para interesarse polo tema. Tampouco faltaron a cita representantes da Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns, así como unha representación dos propietarios que se opoñen a expropiación dos seus terreos.

Nota de Adega

Nova na Voz:
Vecinos de Corrubedo reúnen dous mil firmas contra a piscifactoría

Os ecoloxistas de Adega fan fincapé na contaminación que xerará a granxa de peixes

Nova en Vieiros:
Corrubedo reaxe en defensa da súa costa

Nova relacionada en Galicia Hoxe:
Lage bota balóns fóra só un ano despois de dicir que Corrubedo nunca tería unha piscifactoría

Pesca insiste en destruír Corrubedo

Nova relacionada en Vieiros:
Corrubedo mobilízase contra un novo parque acuícola na zona do Corgo

Complexo húmido de Corrubedo

Denominación baixo a que se inclúen os sistemas dunares e lagoas asociadas de Corrubedo e Basoñas e a illa de Sálvora. Destaca o sistema dunar de Corrubedo que, ademais do seu gran interese xeomorfolóxico, conta coa presencia de vexetación dunar en bo estado de conservación e aves acuáticas invernantes.

􀂃 Superficie: 9.263 Ha
􀂃 Altitude media: 14 m
􀂃 Rexión bioclimática: Atlántica
􀂃 Concellos:
PORTO DO SON
RIBEIRA
􀂃 Data: 2001.

Mapas de Rede Natura 2000

Declaración da Plataforma Medioambiental de Corrubedo

Segundo a Xunta o LIC do Complexo Húmido de Corrubedo (9.312 has.), que abrangue dende o Castro de Baroña (Porto do Son) até a Illa de Sálvora (Ribeira) será o primeiro espazo da rede Natura 2000 cun Plan de Ordenación de Recursos Naturais, que teoricamente se está xa a redactar, pois foi licitado en decembro de 2006. No entanto, a Consellería de Medio Ambiente aínda non sabe que superficie forma parte do LIC, pois vén de facer publica a súa intención de amplialo metendo todo o cabo Corrubedo e a punta Laxe Brava. Mentres para a Consellería de Medio Ambiente o LIC de Corrubedo será o exemplo a seguir en toda a Rede Natura, para a de Pesca é bo sitio para instalar 3 macropiscifactorías que farán –e nalgúns casos xa fan– vertidos altamente contaminantes nas augas do mar. Ou mal exemplo, ou mal sitio.

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo esixe un Plan de Ordenación e un de Uso e Xestión que permita aos veciños e veciñas convivir con tan senlleiro espazo protexido con plans de promoción económica sustentábeis, relacionados co medio ambiente, que redunden no benestar veciñal. Só deste xeito poderemos conservar o noso, facendo que a xente vexa na protección da natureza un recurso de futuro, e non unha simple declaración sen sentido.

Declaración completa:
declaracionplataformacorrubedo.doc