BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xullo, 2007:

Mellora da recollida do lixo

Nos orzamentos do Concello de Ribeira do 2007 o contrato de recollida de lixo, experimentou un escandaloso incremento de preto de 300 mil € (50 millóns das antigas pesetas), ascendendo o importe total desta partida a 1.460.000€.

A subida de prezos debería ir obrigatoriamente acompañada dun mellor servizo. Sen embargo, hai rúas en Ribeira, como por exemplo a rúa da Canteira, onde só existe un único contedor para recoller residuos orgánicos, de todo insuficiente para a cantidade de xente que vive na zona. Nesta mesma rúa constátase a ausencia de contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros, vidro e papel o que impide que a veciñanza poida practicar unha selección de residuos activa para a súa posterior reciclaxe.

Tamén é importante a limpeza destes contedores para evitar cheiros indesexables, situación esta que se agrava cos calores do verán. A deficiente limpeza dos contedores dáse, entre outros sitios, no Parque García Baión.

O BNG, por medio do noso concelleiro Luís Teira, ven de presentar unha iniciativa solicitando diversas melloras.

2007-07-06-solicitudecontenedoreslimpezacanteiraegarciabaion.doc

Regulación de tráfico no cruce do Vilar

É por todos sabido o elevado número de vehículos que transitan a diario polo “Cruce do Vilar”; camións cara ó polígono de Couso, tráfico a Aguiño, a Carreira, O Vilar,... Este volume de vehículos vese considerablemente incrementado na época estival, co movemento cara as praias da zona. Os accidentes que se veñen rexistrando neste cruce nos últimos anos aumentaron considerablemente.

O BNG, por medio da concelleira Anxeles González Crujeiras, ven de presentar unha iniciativa para que se regule o tráfico neste cruce.

Máis información:
regulaciontraficocrucevilar.pdf

Entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente

Entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente pola EDAR de Ribeira

O pasado venres, día 13 de xullo, unha delegación do Concello de Ribeira, formada polo Alcalde e as Voceiras e Voceiros dos distintos Grupos Municipais, entre as que eu me atopaba como Voceira do Grupo Municipal do BNG, reuniuse co Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o socialista Manuel Vázquez Fernández para tratar un único tema: a EDAR de Ribeira, que se pretende ubicar en Aguiño, máis concretamente en Pinisqueira, algo que está a ser moi contestado pola cidadanía desta parroquia; á xuntanza tamén acudiron o titular da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Joaquín Lucas Buergo del Río e o Director Xeral de Augas de Galiza, José Luís Romero Valeiras.

A reunión iniciouse con unha exposición por parte do Conselleiro das razóns que levaron á Consellería a construción de 21 EDARS en todo o país, entre as que se atopa a de Ribeira. Tamén relatou os antecedentes que motivaron á Consellería a ubicar a EDAR de Ribeira en Pinisqueira no anteproxecto que elaboraron. O Conselleiro manifestou que o proceso se iniciou por Augas de Galicia despois do envío, por parte do Concello de Ribeira, do acordo da Xunta de Goberno Local, de data 9 de febreiro de 2006, no que o Goberno do PP tomou a decisión de que a EDAR se situara en Pinisqueira. Este é un dato que descoñecíamos, xa que por un lado, o Alcalde nunca nos deu esta información, e por outro, hai que dicir que as actas da Xunta de Goberno levan máis dun ano de retraso, co cal aínda non puidemos ter acceso a elas. En todo caso, queda demostrado que o Goberno do PP de Ribeira mentía cando dicía que a decisión de ubicar esta depuradora en Pinisqueira fora un acordo de todos os grupos políticos.

A respecto do cambio de ubicación que agora se solicita, de Pinisqueira a carón de Conresa, en Couso, o Conselleiro pideulle ao Director Xeral de Augas de Galicia que fixera un informe para ver a súa viabilidade.

O Conselleiro, a petición miña, tamén fixo referencia as alegacións presentadas polo BNG, Adega e uns 700 veciños e veciñas de Aguiño, no que se solicitaba que o anteproxecto sexa sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental, así como unha depuradora específica para o Polígono de Xarás, que vai a representar preto do 50% da carga contaminante que a EDAR terá que depurar, e tamén estudar se en lugar dunha única depuradora pode ser ambiental e socialmente máis viable a construción de depuradoras máis pequenas.

A este respecto, o Conselleiro dixo que non contemplaban a diversificación, polo tanto, aínda que estudarían todas as alegacións presentadas, tampouco quería dar falsas esperanzas. A Consellería, según dixo, considera inviable economicamente a construción de pequenas depuradoras, polo tanto, eles apostan pola construción dunha única depuradora.

O Director Xeral de Augas de Galicia, pola súa banda, indicou que non era obrigatorio o estudo de impacto ambiental, a pesar de que si o contempla a normativa vixente. En todo caso, resulta difícil de entender que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, non someta o anteproxecto dunha macro depuradora destas características (80.000 habitantes equivalentes) ao trámite de avaliación ambiental, sobre todo tendo en conta o entorno privilexiado ambientalmente onde vai as ser ubicada: fronte ao único Parque Nacional galego, o das Illas Atlanticas, a carón dun Parque Natural e da Rede Natura 2000; sen esquencer a riqueza pesqueira e marisqueira deste entorno que da de comer a moitas familias.

Que nun horizonte de 25 anos se pretenda bombear ata alí un caudal correspondente as augas do Polígono de Xaras de 40.448 habitantes equivalentes, en vez de facer unha depuradora específica para o polígono, parécenos un auténtico despropósito e consideramos que é garantía de problema seguro.

Aínda que a Consellería di que non contemplan a construción dunha depuradora para o Polígono de Xarás, na práctica si lla vai a facer en Couso, xa que ten que facer unha depuradora o dobre de grande; a isto haberá que engadirlle os problemas que vai a traer o traslado desta carga contaminante ata alí e mesmo a súa depuración conxunta coas augas residuais urbanas. Para máis, a cidadanía no seu conxunto teremos que financiar os custos da depuración dunha contaminación procedente da actividade empresarial, en contra do principio de “quen contamina paga”, que hoxe está a guiar toda a política de responsabilidade ambiental.

Dende o BNG de Ribeira consideramos que despois de tantos anos demandando o saneamento integral do noso Concello, os e as ribeirenses no seu conxunto temos dereito ao mellor saneamento posible. Aínda que é de agradecer o esforzo económico que vai a facer a Consellería de Medio Ambiente (23 millóns de €), consideramos que o anteproxecto que presenta, proposto polo Goberno do PP de Ribeira, é francamente mellorábel. Agardamos, pois, que dende esta Consellería teñan a sensibilidade suficiente, e tomen en consideración as alegacións presentadas, tanto polo BNG de Ribeira como polos veciños e veciñas e por Adega.

Nova na Voz: Medio Ambiente descarta a construción dunha depuradora no polígono de Xarás

Veciños de Aguiño discrepan coa decisión de deixar Xarás sen depuradora

Plataforma pola Defensa do Entorno Natural de Seráns

CONSTITUIDA A PLATAFORMA POLA DEFENSA DO ENTORNO NATURAL DE SERÁNS.
NOTA DE PRENSA DA PLATAFORMA:
“CONTRA A AMPLIACION DA PISCIFACTORIA DE SERÁNS

2007-07-12-reunion-piscifactoria-serans.jpg

A asociación de veciños de Tahume (San Pedro de Muro) reuniuse o pasado día 12 na casa da cultura de Novas en asemblea extraordinaria para debater a ampliación da piscifactoría NASTOS, ubicada na praia dos Regos en Seráns, que se recolle no Plan Sectorial de Acuicultura de Galicia coma parque número 8: Sera.

Á asemblea, que contou con asistencia masiva, acudiron en calidade de convidados representantes da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, así como o Patrón Maior da Confraría de Aguiño.

Os asistentes mostraron a súa desconformidade con esta ampliación e decidiron constituír a Plataforma para a Defensa do Entorno Natural de Seráns co obxectivo de preservar a zona no seu estado actual.

Esta plataforma traballará para redactar as alegacións pertinentes pero ao mesmo tempo non desbotan mobilizacións se non se escoitan as súas pretensións.

En Seráns a 12 de Xullo de 2007”

Nova na Voz:
Os veciños loitarán para evitar a ampliación da granxa de Seráns
A Confraría de Aguiño pode perder unha zona rica en percebe

Proporcionalidade municipal

Lonxe de polemizar, mais ben co ánimo de ofrecer unha visión diferente a aparecida nalgúns xornais, quixera facer algúns apuntamentos sobre o desenrolo do Pleno do Concello de Ribeira do pasado 11 de xullo.

Á espera do traballo que realicen as diferentes persoas asignadas ás diferentes áreas de goberno municipal para poderen ser obxecto de crítica, xa se pode anunciar que se “apuntan maneiras”. A decisión do grupo de goberno de manter invariable o número de representantes (2) do BNG nas comisións informativas é un intento de anular os resultados electorais (o BNG pasou de 4 a 6 concelleiros). O PP, que pasou de 13 a 11 concelleiros, tamén mantén o número de representantes (5).

O novo goberno impuxo esta medida pese a que o Regulamento Orgánico do Concello di claramente que “a composición destas comisións respectará en todo caso o principio de representación proporcional”. A peregrina xustificación do Alcalde de que as comisións de 11 membros “non serían operativas” (por que as de 11 non e as de 9 si?) parece insuficiente para incumprir a Lei de funcionamento das entidades locais da que deriva o noso Regulamento Municipal, pero máis chamativa é a explicación dada pola portavoz do PP no sentido de que “a proporcionalidade non ten que ser matemática”. É que existe outra proporcionalidade que non sexa a que é precisamente un dos conceptos matemáticos máis comunmente coñecidos? Que diga esto a que vai ser responsable da Facenda do Concello de Ribeira é preocupante. Que o Alcalde a ampare aínda o é máis. A non ser que sexa un invento interesado (o máis probable) para prexudicar ó BNG e entón sería so inxusto e ilegal, pero non preocupante. Xa estamos acostumados.

Xosé Luís Groveiro González
Concelleiro do BNG de Ribeira

Pleno na Voz

Pleno na Voz

Pleno na Voz

Transporte ao Vilar

O pasado 26 de febreiro o Pleno do Concello de Ribeira aprobou unha iniciativa do BNG pola que o Goberno Municipal se comprometía a xestionar unha liña de transporte público a O Vilar por Gude, Artes. Chegada a temporada de praia, e polo tanto de máxima necesidade deste servizo, o BNG, por medio do seu concelleiro Xosé Luís Groveiro, ven de presentar unha iniciativa reclamando o cumprimento daquel acordo.

2007-07-12-transportegudevilar.doc

Nova no Diario de Arousa

NoiteBús na Barbanza e en todas as parroquias

O concello de Ribeira, ten unha poboación nova moi numerosa e dinámica que nas noites da fin de semana e en épocas de vacacións, como esta, se desplaza as zonas de ocio nocturno da nosa cidade e dos concellos do noso entorno.

Sen dúbida unha boa forma de que a nosa mocidade evite accidentes de tráfico é usando o transporte público nas noites de ocio.

De xeito experimental o NoiteBús, foi un servizo que estivo funcionando con grande demanda, pola mocidade ribeirense e a de toda a comarca da Barbanza.

O BNG de Ribeira, por medio do concelleiro Luís Teira, ven de presentar unha iniciativa pola que

SOLICITAMOS:

1º Que o concello de Ribeira se acolla a liña de subvencións para a implantación do NoiteBús segundo reflicte a orde do 22 de maio de 2007.

2º Que o concello de Ribeira cree dentro desta convocatoria de subvencións, unha liña circular que percorra as 9 parroquias de Ribeira, con suficientes frecuencias, para posibilitar que a mocidade que queira pasar as noites de ocio no noso concello non teña que usar o seu coche.

3º Que se manteña a liña de NoiteBús Ribeira-Padrón que facilite o desplazamento da xuventude ribeirense e que permita que mozos e mozas desta comarca poidan vir a Ribeira.

4º Que se cree a liña de NoiteBús Ribeira-Noia que igualmente facilite o desplazamento da xuventude ribeirense e que permita que mozos e mozas poidan vir a Ribeira.

Novo verquido na Ría da Arousa a carón da decantadora do Touro

vertido-020707-002.jpg
mortandade-touro-sub-030707-020.jpg mortandade-touro-sub-030707-016.jpg mortandade-touro-sub-030707-014.jpg

mortandade-touro-sub-030707-012.jpg mortandade-touro-sub-030707-011.jpg mortandade-touro-sub-030707-001.jpg

Lamentablemente, os verquidos no peirao de Ribeira e na Ría da Arousa son unha penosa constante que dende o BNG vinos denunciando sistematicamente tanto no Concello como ante o Parlamento do Estado, sen que ata o momento se adoptaran as medidas necesarias para erradicalos. A orixe dos verquidos é diversa: unhas veces proceden da limpeza de sentinas de barcos, outras do saneamento, da propia decantadora do Touro ou de verquidos ilegais a ríos e regatos.

A pasada semana a Confraría de Pescadores de Ribeira denunciou a gran mortaldade de bivalvos na zona de Touro, próxima á saída da tubeira ou emisario submarino procedente da decantadora do Touro.

Feita unha mostraxe exhaustiva para coñecer o estado do fondo, por parte dos técnicos da confraría, atopáronse zonas con maior mortaldade cunha irisación de cor azulada ou gris. A extensión afectada pode ser duns 500 m2, na que morreron aproximadamente 1.000 Kg. de bivalvos: ameixa babosa e rubia, reló, zamburiña e vieira; tamén se atoparon cangrexos, estrelas, ourizos e incluso chocos. Todo apunta a que este estrago, que afectou a todos os seres vivos da zona, puido ser causado por un verquido que tiña algún composto químico.

O Grupo Municipal do BNG ven de presentar unha iniciativa pola que

SOLICITA:

1. Que, por parte do Goberno Municipal, se exerza un maior control e se adopten as medidas oportunas para erradicar os verquidos ilegais procedentes do saneamento e da decantadora do Touro.

2. Que se realicen as pertinentes investigacións para que este tipo de actuacións, claramente prohibidas, non queden impunes, demandando dos responsábeis danos e prexuízos, se procede.

Quen contamina paga, por José Manuel Pena

O Conselleiro de Medio Rural na Barbanza

Conselleriro de Medio Rural

Suárez Canal anuncia na Barbanza un plan experimental de identificación do gando cabalar para complementar a ordenación de usos do monte comunal

O conselleiro do Medio Rural realizou unha visita ao distrito do Barbanza, onde avanzou que o seu departamento traballa na elaboración dun decreto que pretende identificar os cabalos que pastorean en montes galegos, co obxectivo de mellorar os aproveitamentos gandeiros e forestais e de incrementar o control sanitario das explotacións equinas. Este decreto vai favorecer tamén a sinerxía entre os sectores equino e forestal.

Máis información…

A Xunta de Voceir@s tratou o Plan Galego de Acuicultura

Na Xunta de Voceir@s do Concello de Ribeira celebrada o venres, día 6 de xullo, démoslle a coñecer ao resto dos grupos políticos o posicionamento do BNG, no que afecta ao noso Concello, a respecto do Plan Galego de Acuicultura da Consellería de Pesca, que dirixe a socialista Carmen Gallego.

En principio, hai vontade por parte de todos os Grupos Municipais para chegar a un consenso á hora de presentar alegacións.

De todas maneiras preocúpannos as declaracións feitas polo portavoz de Pesca do grupo parlamentario do PPdeG, José Manuel Balseiro, recollidas nun medio de comunicación: O Partido Popular apoia “sacrificar un pouco” a Rede Natura.

Agardamos que este posicionamento do PPdeG non sexa tido en conta polo Goberno Municipal do PP de Ribeira e se traballe de xeito conxunto a nivel municipal para preservar as zonas vírxenes que quedan do noso concello.

Nova na Voz