BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Xuño, 2007:

Permuta de Fafián

No Pleno do día 26 de marzo aprobouse, cos votos en contra do BNG, a permuta dunha parcela municipal en Fafián, procedente do 10% do aproveitamento urbanístico da Unidade de Execución 12.1, que se recolle no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira, por unha toxeira na Fieiteira.

Características das parcelas:

FAFIÁN:
• Superficie: 700 m2
• Total aproveitamentos: 877,5 m2
 Residencial: 660 m2
Terciario: 147,5 m2
 Dotacional: 70 m2
• Pódense construír ata 8 vivendas: S+B+2P+BC
• Valoración que fai o Goberno do solar: 35.158 €
• O prezo de mercado do chan oscila entre 18.000 a 24.000 € por vivenda que se poida construír (8 neste caso).
• O prezo de mercado da parcela oscilaría entre os 150.000€ e os 200.000€, como mínimo.

FIEITEIRA:
• Superficie: 968 m2
• Clasificación: Equipamento.
• Valoración que fai o Goberno: 32.670 €

Nós non estamos de acordo con esa permuta porque consideramos que se está regalando o patrimonio público. Entendemos que a parcela municipal de Fafián está infravalorada. O seu prezo esta moito por debaixo do prezo de mercado. Por iso consideramos que, se o Goberno Municipal se quer desfacer dese solar, debería ser por medio de pública subasta da parcela, ou cando menos, solicitar un par de valoracións externas para ter datos obxectivos. Así llo fixemos saber en Pleno.

Recurso de Reposición

A vista de que non atenderon as nosas propostas decidimos presentar Recurso de Reposición contra o acordo plenario de 26 de marzo de 2007, polo que se aproba a permuta desta parcela situada en Fafián, atendendo aos seguintes criterios:

• Á valoración, moi por debaixo do valor real de mercado do ben. Ademais na valoración da mesma descóntanselle os custes de urbanización, cando, según a Lei do Solo, [Lei 9/2002 modificada pola Lei 15/2004 (BOE 21-1-2003)], art. 20, entre os deberes dos propietarios do chan urbano non consolidado, como é este, deixa claro que non é así.

• Os usos que se debe dar aos bens do patrimonio municipal, tal como se recolle no art. 177 da Lei do Solo. A construción de vivenda suxeitas a algún réxime de protección pública, dado o incremento do prezo da vivenda, tería que ser unha prioridade para o Goberno de Ribeira.

Preocúpannos este tipo de actuacións do Goberno do PP porque xa é a segunda de características similares. A anterior foi unha permuta dun solar de 411 m2 no centro de Ribeira (a carón da Igrexa) por outro tamén na Fieiteira de 1.300 m2, valorándoos de xeito similar. O terreo público da carón da igrexa é urbanizabel e a leira da Fieiteria só se pode dedicar a equipamentos, e, polo tanto, o seu valor no mercado é moito menor.

Recurso de Reposición:

2007-04-26recursoreposicionpremutafafian.doc

Nova:
Correo Galego
A Voz

Alegacións á EDAR

Situación da EDAR en Aguiño

O saneamento integral e unha vella reivindicación do BNG. O Goberno do PP leva anos vendéndonos unha gran depuradora en Aguiño. Coa chegada do novo goberno á Xunta pódese, por fin, empezar a dar pasos de cara a conseguir o saneamento integral do Concello: a Xunta aportará o financiamento e o Concello os terreos.

A estación depuradora de augas residuais (EDAR) que se pretende instalar en Aguiño ocupará un espazo de 25.000 m2 e terá capacidade para 80.000 habitantes equivalentes.

Está por ver se facer unha gran depuradora e trasladar alí as augas residuais de Oleiros, Palmeira, Ribeira, Castiñeiras, Carreira e Aguiño é a mellor solución. É unha mágoa que non se estudiara a posibilidade de facer pequenas depuradoras en cada parroquia. Acostuman a ser menos problemáticas e máis fáciles de controlar.

A ubicación que aparece no Anteproxecto tampouco é moi afortunada: en Pinisqueira (preto de vivendas e dunha area de lecer) a proposta do grupo de goberno, que tomou a decisión en solitario e de costas ao resto dos grupos, polo menos ao BNG, e tamén á cidadanía.

Así quedou patente na reunión celebrada o luns, día 11, na Casa do Mar de Aguiño. Máis dun cento de persoas alí reunidas dixeron carecer de información e mostráronse preocupadas pola ubicación da depuradora en Aguiño; afirmaron estar “queimadas” porque cando foi do traslado da fábrica de fariña tamén se lles dixo que non cheiraría e, según dixeron, determinados días e sobre todo polas noites os cheiros son insoportables.

Disto dedúcese que o Goberno Municipal non está facendo o control que debería desta fábrica, que sí ten sistemas para control dos cheiros, pero se non se usan non serven de nada.

Mostráronse incrédulos, seguramente pola mala experiencia que viven, cando lle dixemos que se teñen producido moitos avances e que unha depuradora de última tecnoloxía e con un adecuado mantemento, as molestias que deberían ocasionar terían que ser mínimas. Do mesmo xeito, cando funcionan mal producen moitos problemas.

A irresponsabilidade do goberno na aplicación da normativa vixente en materia de verquidos é a que está ocasionando esta alarma social; que se incrementa coa falla de información e de consenso á hora de localizar a EDAR. Se escoitaran outras opinións a estas alturas non teriamos que estar presentando alegacións e aforraríase tempo, traballo e cartos.

Ademais o goberno ten que acostumarse a contar co resto dos grupos e coa cidadanía, sobre todo para as cousas que inflúen de maneira tan decisiva nas súas vidas, como nesta ocasión na de Aguiño. En todo caso, nós si que nos comprometemos a facer un seguimento deste tema e a reunirnos cos veciños e veciñas de Aguiño para darlle a información que precisen, tantas veces como sexa necesario.

PLENO MUNICIPAL

As alegacións que se levaron ao Pleno e coas que nós concordamos, e mesmo propuxemos incluír tamén a da Ameixida que non estaba, son as seguintes:

1. Que na Ameixida, a ubicación prevista nesta zona se separe o máximo da casas, incorporándoo (o bombeo) na explanada portuaria.

2. Que en Castiñeiras, o bombeo que está previsto no paseo marítimo, se ubique na explanada portuaria.

3. Que en Listres, o bombeo e tanque de tormentas, debe respectar o entorno, e debe mellorarse coa construción de zonas verdes e instalacións deportivas.

4. Que a EDAR de Couso sexa trasladada a unha nova ubicación que se marca nun plano adxunto (ao Polígono de Couso, a carón dunha fábrica de fariña alí instalada).

Pero temos que manifestar que non estamos de acordo co procedemento seguido polo Goberno do PP:

 Con que non se estudiaran outras fórmulas para o saneamento integral (como por exemplo, facer pequenas depuradoras máis próximas aos núcleos).

 Con que se escollera esa primeira localización de Pinisqueira para a EDAR ao chou e ás nosas costas e dos veciños/as (e mesmo que logo dixeran que esa ubicación fora un acordo de todos os grupos, algo absolutamente falso).

 Con que se veña ao Pleno sen a proposta de alegación ou un borrador da mesma.

 Tamén nos parece unha falla de respecto que o Grupo de Goberno se tomara a licencia de adiantar na prensa o noso posicionamento no Pleno celebrado hoxe, antes de coñecelo.

Todas estas razóns nos parecen máis que suficientes para votar en contra. Pero por respecto aos veciños e veciñas e polo noso compromiso con eles/as, e só con eles/as, decidimos optar pola abstención. Votar a favor sería respaldar a nefasta actuación do Grupo de Goberno neste tema.

Memória:
memoriaedarribeira.doc
Plano:
planoedarribeira.pdf

Nova no Correo Galego

Reunión en Aguiño (EDAR)

2007-06-11-reunion-edar-aguino2.JPG 2007-06-11-reunion-edar-aguino.JPG 2007-06-11-reunion-edar-aguino3.JPG

Onte pola noite reunímonos na Casa do Mar de Aguiño con máis dun cento de persoas para falar da estación depuradora de augas residuais (EDAR) que se pretende ubicar alí, concretamente en Pinisqueira (a carón dun mirador e preto de vivendas).

No Pleno ordinario da Corporación Municipal de Ribeira, de 29 de xaneiro, acordarase por unanimidade ceder os terreos para a instalar a EDAR, pero sen indicar onde. A decisión de colocala en Pinisqueira tomouna o Goberno do PP en solitario, ou polo menos sen contar nin con nós, nin coa cidadanía de Aguiño. En base a esa decisión a Consellería de Medio Ambiente elaborou un anteproxecto que está a exposición pública dende o 24 de maio, fecha en que se publicou no DOG, e disponse dun mes para presentar alegacións.

Agora, despois das protestas da cidadanía e da recollida de sinaturas, o Goberno Municipal pretende presentar unha alegación para cambiar a ubicación da EDAR de Pinisqueira para o Polígono de Couso, preto de onde está unha empresa de fariña de peixe. Para iso, convocou un Pleno extraordinario para o vindeiro mércores, día 13 de xuño. Pero, novamente, sen contar coa cidadanía. Onte comprobamos que a xente non estaba informada. De feito a reunión organizada por nós onte é a primeira que se fixo para falar do tema.

A nós parécenos que este é un procedemento de actuación inadecuado por parte de quen nos goberna. O lóxico sería facer previamente un estudio técnico para buscar o mellor sistema (pensouse en pequenas depuradoras en cada parroquia?) e a mellor localización según criterios medioambientais, paisaxísticos, de afección ao medio… Hai que ter en conta que todo o contorno onde se pretende ubicar a estación depuradora é unha zona de lecer, de espazos protexidos, rica en produción marisqueira, con vivendas cerca e con un Aguiño en expansión. Polo tanto, buscar a situación máis acaida para a EDAR entendemos que require un estudo máis pormenorizado e, en todo caso, a súa localización debe facerse en base a criterios técnicos, non a criterios políticos ou simplemente ao chou. Ninguén discute que o saneamento integral é fundamental para o desenvolvemento sustentábel dun pobo. E, polo tanto, a depuración das augas residuais é necesaria para Ribeira. Pero haberá que buscar o mellor sistema e a mellor ubicación.

O seguinte que o nós faríamos sería informar á cidadanía. Explicarlle, en base aos estudios feitos, cal é o mellor sistema e a situación máis idónea. Se o Goberno informara debidamente e se comprometera a facer un mantemento correcto da EDAR para evitar molestias á poboación, a xente entenderíao perfectamente e poderíase chegar a un consenso.

É neste momento, despois de acadado o consenso, cando se porían a dispor da Consellería de Medio Ambiente os terreos necesarios, nunca antes. Así, dende logo, é como nós o vemos e como o faríamos. A cidadanía quer que se conte con ela, sobre todo para as cousas que inflúen de maneira decisiva nas súas vidas. En todo caso, nós si que nos comprometemos a facer un seguimento deste tema e a reunirnos cos veciños de Aguiño para darlle a información que precisen.

DOG:
2007-06-06-depuradora-aguino.pdf

Poñendo en valor o noso medio rural

Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza

O Consello da Xunta aproba por vez primeira o Plan de Defensa contra Incendios de Galiza (PLADIGA).

Tal e como se recolle na Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aprobada recentemente no Parlamento, a Consellaría do Medio Rural elaborou este plan co obxecto de conseguir, a medio prazo, unha organización máis eficaz e profesionalizada no marco da loita contra o lume. Con respecto ao Plan Infoga, o PLADIGA incorpora unha serie de novidades: a contratación directa por parte da Xunta de todo operativo contra incendios e a súa organización baixo un único mando; a posta en marcha de novas actuacións preventivas; o incremento da formación dos efectivos humanos e unha mellor dotación de material técnico; a integración da sociedade civil, propietarios forestais, comunidades de montes e cooperativas agrarias na loita contra o lume; o cálculo do índice diario de risco (IRDI) con diversos graos de perigo e a aplicación de catro protocolos de alerta en función deses niveis.

Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza

No documento anexo podes consultar a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza:

leiprevenciondefensaincendios.pdf

Banco de Terras de Galiza

O obxectivo da Consellaría do Medio Rural é que o Banco de Terras estea plenamente operativo a partir do un de setembro e que, a finais de ano, se actúe en arredor de 10.000 hectáreas de superficie agraria útil en varias zonas piloto, seleccionadas en función da demanda de terra por parte dos produtores. Durante os próximos meses levarase a cabo unha importante labor informativa co fin de que a cidadanía coñeza o funcionamento deste instrumento público encargado de xestionar o arrendamento de terras agrarias e de garantirlle a súa devolución ao propietario en perfecto estado (unha vez remate o período de alugueiro) e o cobro dunha renda.

Lei de Conservación da Superficie Agraria Útil e do Banco de Terras de Galiza

Podes descargar unha presentación en formato pdf:
bancoterras.pdf

No documento anexo podes consultar a Lei de conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galiza.

leibancodeterras.pdf

Municipais 2007 en imaxes

Durante esta campaña foron moitas as persoas que estiveron traballando intensamente: pegando carteis, colocando bandeirolas e pancartas, repartindo publicidade, pasando megafonía e tamén organizando e asistindo a reunións e dando mitins.

Como premio a ese bo traballo, e tamén ao realizado nos anos anteriores, arrouparonnos centos e centos de persoas no importante número de reunións, visitas diversas e mitins que demos, e foron miles as que nos respaldaron co seu voto: 3.634, o maior número na historia do BNG de Ribeira.

Vai para todos e todas este pequeno agasallo: ainda que non están tod@s os que son, si son tod@s os que estan.

Graciñas e una aperta ;-)

Os mariñeiros embarcados seguen sen poder votar

O Goberno Central non garante ao BNG que os mariñeiros embarcados poidan votar nas próximas eleccións xerais

Paréceme tremendamente preocupante que na era das novas tecnoloxías se lle impida o exercicio dos seus dereitos a un importante número de cidadáns de Ribeira, da Barbanza e do País. Sen embargo, así é; na práctica, a máis de 10.000 residentes galegos, entre mariñeiros embarcados na flota de altura e gran altura, traballadores da mariña mercante e persoal da Armada, élles negado o exercicio do dereito ao voto.

Francisco Jorquera, senador do BNG, denuncia que “non se trata dun problema técnico, senón de falta de vontade política dos sucesivos Gobernos centrais”.

Jorquera indicou que “noutros casos especiais, como no das tropas españolas despregadas en Afganistán, ou no seu día en Iraque, o Goberno sí que habilitou medidas para que puideran exercer o dereito a voto” polo que subliñou que “non estamos ante un problema de complexidade técnica, senón de falta de vontade política”.

Tamén lembrou a este respeito, que “en países como Suecia, cunha flota máis pequena, si se habilitaron medidas para que os seus cidadáns embarcados poidan exercer o dereito a voto”.

Máis información

A Consellería de Innovación e Industria traerá o gas a Ribeira

No BNG traballamos dende todos os ambitos para o desenvolvemento e a mellora da calidade de vida da cidadanía de Ribeira, da Barbanza e do País. Con esta actuación, poderá ter acceso ás vantaxes e á comodidade do gas natural.

Innovación e Industria e Gas Galicia destinan preto de 19 millóns de euros para subministrar gas natural a 25 novos municipios entre os que estarán os da Barbanza: Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

A Consellaría de Innovación e Industria e Gas Galicia presentaron a IV Fase de Gasificación da comunidade.

O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, e o presidente de Gas Galicia, Antoni Peris, presentaron onte, día 6 de xuño, o convenio de colaboración asinado pola Consellaría e a empresa co fin de desenvolver a cuarta fase do plan de gasificación de Galiza. Este convenio de colaboración enmárcase nas bases da Estratexia Energos II da Consellaría de Innovación e Industria, que ten por obxectivo ampliar e mellorar as infraestruturas da rede gasista no noso país para garantir a subministración de gas natural naqueles concellos cuxo potencial de desenvolvemento se considera prioritario na actualidade.

Os investimentos necesarios, que ascenden a 18.794.000 euros, permitirán levar o subministro de gas natural aos municipios coruñeses da Pobra do Caramiñal, Ares, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Boiro, Cerceda, Mugardos, Rianxo, Ribeira e Sada; así como aos termos pontevedreses da Guarda, Bueu, Miño, O Grove, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra do Sanxenxo e Tomiño. Tamén está previsto levar o subministro aos principais núcleos de poboación da Mariña lucense como son Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove.

Na cuarta fase do plan de gasificación de Galicia, que se desenvolverá durante os próximos 4 anos, construiranse preto de 100 quilómetros de redes e ramais de distribución industrial e doméstico-comercial, que permitirán levar o gas natural a 25 novas localidades da comunidade, creando 39.947 puntos de conexión, así como a distribución de gas aos polígonos industriais de Penapurreira, nas Pontes, O Acevedo, en Cerceda, e O Pousadoiro, en Vilagarcía de Arousa.

A chegada do gas natural a estes 25 concellos é o resultado da colaboración entre o Goberno galego e a empresa distribuidora para o desenvolvemento e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía, que poderá ter acceso ás vantaxes e á comodidade do gas natural.

Máis información:
2007-06-06-gas-na-barbanza.pdf

As permutas voluntarias de fincas rústicas exentas de impostos

Domi con Conselleiro de Medio Rural

Entra en vigor o decreto para que as permutas voluntarias de fincas rústicas en Galiza queden exentas de impostos.

Esta normativa permitiralles aos titulares das parcelas beneficiarse da exención do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, presentando as súas solicitudes no prazo dun mes a partir da sinatura da escritura pública da permuta. Mediante este decreto, a Consellaría do Medio Rural pretende favorecer a reordenación das terras agrarias co fin de facilitarlles aos seus titulares o incremento da superficie útil para o seu mellor aproveitamento agrogandeiro e forestal.

DOG 6 de xuño de 2007:
2007-06-06-permutas-voluntarias-mrural.pdf

Estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ribeira

No DOG de 24 de maio publicouse a Resolución de 18 de maio pola que se somete a información pública o anteproxecto correspondente ao contrato de concesión da obra pública de colectores xerais e da estacion depuradora de augas residuais de Ribeira.

No Pleno ordinario da Corporación Municipal de Ribeira de 29 de xaneiro acordarase por unanimidade ceder os terros para a instalar a EDAR, pero sen indicar onde. O Grupo de Goberno, sen contar co resto dos grupos pretendía colocar a estación depuradora nun lugar pouco acaído de Couso (a carón dun mirador e preto de vivendas). Ahora (despois das protestas da cidadanía e da recollida de sinaturas) será preciso presentar unha alegación para demandar o seu traslado a outro punto de Couso que ocasione menos molestias á cidadanía (preto de onde está unha empresa de fariña de peixe). O vindeiro día 13 de xuño, ás 13,45 horas, nun Pleno extraordinario da Corporación tratarase, entre outros asuntos, este tema.

DOG:
2007-06-06-depuradora-aguino.pdf

Polígono Empresarial da Barbanza: proposta de ordenación

Localización Polígono da BarbanzaProposta de Ordenación Polígono da Barbanza

Máis información. Resumo do estudo de viabilidade do parque empresarial da Barbanza:

poligonoempresarialbarbanza.pdf

Na Prensa:
Diario da Arousa
A Voz:
Unhas setenta empresas demandan chan no macropolígono comarcal
Vivenda prevé iniciar as obras do parque barbancés a principios do próximo ano
O investimento en infraestruturas rolda os trinta millóns
Expectativas