BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Abril, 2007:

Reunión coa AA.VV. Abesadas e Cubeliños

Reunión coa AAVV Abesadas

Onte, 18 de abril, reunímonos coa AA.VV. de Abesadas e Cubeliños na nosa Sede. Están moi preocupados pola situación xeral da urbanización: a falla de limpeza, a necesidade de regular o tráfico, e de regular o aparcamento, a falla de zonas verdes ou a mala sinal de televisión son algunhas das carencias que denuncian.

Este é un barrio novo que debería ser exemplo e modelo da Ribeira do século XXI: amplas avenidas, zonas verdes, parques infantís, espacios de ocio, etc. Lamentablemente nada máis lonxe da realidade. O barrio de Abesadas e Cubeliños necesita unha actuación integral antes de que sexa demasiado tarde. O BNG teno demandado mediante denuncia pública e iniciativas municipais, apoiando as reivindicacións da cidadanía. Ese é o noso compromiso con eles e seguirao sendo dende o Goberno Municipal do BNG a partir de maio.

A presentación do mellor equipo


Parte do equipo

Equipo completo

Este sábado, día 14, presentamos ao extraordinario equipo que me acompaña neste reto no que dende o BNG aspiramos a liderar o cambio que seguro que se vai dar en Ribeira no vindeiro mes de maio.

Trátase dunha candidatura paritaria, cremalleira de principio a fin, formada por 14 mulleres e 14 homes con moitas gañas de traballar por Ribeira e para que Ribeira avance. É, sen dubida, un equipo preparado, competente, coñecedor da nosa realidade, con representantes de todas as parroquias nos primeiros postos. Mesmo non quixemos que faltara representación da Ribeira da diáspora.

Estou segura de que con este equipo acadaremos a confianza da xente de Ribeira. A cidadanía vai a darnos o seu apoio para liderar o cambio que se ten que producir o 27 de maio. Como diría Castelao: “Nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”.

Mira en “O mellor equipo” a lista completa.

Nova na Voz

Visita ao Centro Empresarial da Construcción do Barbanza

Coa directora xeral e a directiva do CECB

Onte reunímonos coa directiva do Centro Empresarial da Construcción do Barbanza que, como é costume, recibiunos con moito agarimo. Acompañounos na visita a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Consellería de Vivenda e Solo da Xunta, Encarna Otero. Polo BNG de Ribeira estiveron tamén a concelleira, Ana Álvarez, o Responsábel de Organización, Xosé Luís Groveiro, e o Responsábel Local, Xosé Alberte Lorenzo.

Despois de darnos a benvida e de pedirnos que asináramos no Libro de Honra, explicámoslle que a reunión fora solicitada por nós para recoller as súas propostas e telas en conta a hora de elaborar o noso proxecto de goberno. Así mesmo fixémoslle entrega dun dossier do Plan de Vivenda 2005-2007.

A reunión transcorreu de forma agradable e distendida durante as dúas horas de duración, na que aproveitamos para informar das políticas en materia de vivenda e urbanismo da Consellería de Vivenda e Solo e das que levaremos a cabo en Ribeira cando gobernemos a partir de maio, en coordinación coa mesma, facendo especial fincapé na vivenda de promoción pública.

Pola súa banda, transmitíronnos as súas inquedanzas e tamén interesantes aportacións para incluír no noso programa. Así mesmo, demandaron a nosa mediación diante da Consellería de Innovación e Industria para uns proxectos que queren levar a cabo, tendentes a mellorar a profesionalidade do sector, mediante a obtención dun Selo de Calidade, por un lado, e a construción da nova Sede do Centro e aulas de formación, polo outro.

Nova na Voz
Nova no Diario de Arousa

Visita ao Centro do Maior de Ribeira

Visita ao Centro do Maior de Ribeira
Visita ao Centro do Maior de Ribeira

Hoxe fun a visitar o Centro do Maior de Ribeira acompañando ó director xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Bieito Seara. Tamén estiveron a concelleira Ana Álvarez, e o responsabel de organización do BNG, Xosé Luís Groveiro.

Estaban todas e todos os residentes moi animados facendo actividades diversas. Logo a directora do centro enseñounos as instalacións. Esta residencia leva 5 anos funcionando. É pública dependente de Vicepresidencia da Xunta de Galicia, pero xestionada por unha empresa privada.

Aínda que é necesario ter un número de prazas suficientes de residencias, dende o BNG consideramos que é moi importante potenciar medidas de apoio socio-comunitario que faciliten a permanencia no seu medio das persoas maiores. É, pois, urxente a dotación de centros de día, un dos cales porá en marcha Vicepresidencia en breve en Ribeira.

Outras medidas que o BNG porá en marcha dende o Goberno de Ribeira serán a subvención do transporte público para pensionistas ou a redución de taxas cando formen unidade familiar.

Noticia na Voz

Vivendas de promoción pública


A cidadanía contempla con impotencia como, de súpeto, a vivenda no noso Concello adquire prezos desorbitados e inasequíbeis para moitos sectores sociais aos que os seus precarios salarios malamente lle dan para chegar a fin de mes.

O dereito a unha vivenda digna transfórmase nunha mera declaración de intencións, imposíbel de converterse en realidade para moitas persoas do noso concello. Os nosos gobernantes non poden mirar para outro lado mentres botamos fóra a moitas persoas, especialmente mozos e mozas, que teñen que ir a outros concellos para conquerir unha vivenda. O legado do PP neste eido é claro: unha vintena de vivendas inacabadas en preto de vinte anos de goberno.

Lembremos que son os concellos quen teñen a obriga, por lei, de ofertar os terreos necesarios para a construción de vivendas de promoción pública. É a Xunta a encargada da súa construción. A actual Conselleira, a nacionalista Tereixa Táboas, xa manifestou a súa decidida intención de incrementar este tipo de vivendas, mais estas non se poden construír no aire. É unha oportunidade que dende Ribeira non podemos desperdiciar.

O 10% do aproveitamento urbanístico que as empresas promotoras deben ceder ao concello as actuacións en solos urbanos non consolidados, debera ir destinado prioritariamente a vivendas de promoción pública. Con este tipo de vivenda contribuímos tamén ao desenvolvemento económico local, a reducir o prezo das edificacións e a facer asequíbel a súa adquisición por parte de moitos sectores sociais, nomeadamente a mocidade, que ven desesperadamente como o auxe construtivo no seu concello faise de costas á súa realidade.

Velaí o noso compromiso: un Goberno Nacionalista no Concello de Ribeira, terá entre as súas prioridades poñer a disposición da Consellería de Vivenda e Solo os terreos necesarios para construír o maior número posíbel de vivendas de promoción pública. Contribuiremos deste xeito a facer realidade os soños de moitas persoas.

Temos unha débeda con eles


Moito se ten avanzado na integración social das persoas discapacitadas por parte da sociedade en xeral e dos poderes públicos en particular.

Na actualidade xa non se considera un simple asunto de amable caridade: hoxe é claramente unha cuestión de xustiza democrática que ninguén cuestiona.

Pero faltan aínda moitos, pode que demasiados, pasos concretos que andar para que a integración social destes colectivos sexa dunha vez por todas un feito. Fan falla aínda moitas iniciativas reais para que as persoas discapacitadas disfruten realmente das mesmas oportunidades que as demais.

Ámbitos como o da educación, o da formación laboral, o do acceso a un posto de traballo, o da igualdade de oportunidades, en xeral, melloraron un chisco nos últimos anos fundamentalmente grazas ao traballo realizado polas asociacións de afectados. Pero queda moito por facer.

Desde o BNG non nos arreda esta cuestión, para nós é prioritaria e urxente. Por iso, desde a nosa posición demos e daremos os pasos precisos, en colaboración cos afectados, para que as iniciativas que a Vicepresidencia da Xunta e a Deputación de A Coruña teñen en marcha no noso concello sexan pronto unha realidade.

Porén, tamén desde o concello temos moito que facer. Como administración máis achegada á cidadanía, o goberno municipal do BNG será a institución máis sensible ás súas necesidades máis urxentes, e máis xustas.

É necesario un cambio

O vindeiro mes de maio celebraranse eleccións municipais; temos polo tanto o dereito, máis tamén a responsabilidade de escoller aos gobernantes do noso pobo. A decisión que tomemos vai a ser vital. Podemos apostar pola continuidade ou polo cambio de rumbo na política local.

Persoalmente considero que é o momento dun cambio que nós estamos en condicións de liderar. O traballo feito e o noso mellor aval, pero tamén o equipo extraordinario que me acompaña neste reto así como un programa solvente e de futuro co que abordaremos os principais problemas estructurais de Ribeira. Ademais o noso exercicio da labor política estará presidido pola honestidade, a humildade, a participación da cidadanía, fundamental para nós na acción de goberno, pero tamén pola firmeza na toma de decisións o respecto institucional tanto ao resto dos grupos municipais como ás distintas institucións.

Ese é o meu compromiso para que a Ribeira centenaria sexa vangarda de modernidade, de desenvolvemento, de participación cidadá, de calidade de vida e do benestar que a cidadanía se merece.