
O venres, 27 de abril, achegámonos ao Hospital da Barbanza para reunirnos con representantes do Comité de Empresa. Acompañounos Carlos Aymerich, voceiro do Grupo Parlamentar do BNG.
Teño que destacar aquí o importante traballo feito polo BNG na demanda de melloras para ese hospital: reunímonos en varias ocasións co Comité de Empresa, presentamos iniciativas nos concellos da Barbanza e no Parlamento Galego e fixemos un importante traballo social de recollida de apoios en forma de postal en toda a comarca. Aínda queda moito por facer, pero que se vaian dando pasos para a súa integración no SERGAS é un avance moi importante porque ademais de melloras laborais para o persoal, traerá consigo melloras asistenciais para toda a cidadanía.
Con todo é necesario un esforzo por parte da Consellería para axilizar prazos na realización de determinadas obras de infraestructura, como a colocación do aire acondicionado e a construción do heliporto que debería estar xa feito dende o 2006. Esta é unha demora aínda máis preocupante neste momento, si cabe, pois co peche da vía rápida, o traslado de pacientes graves ten que facerse pola estrada comarcal.
O Comité de Empresa considera prioritario neste momento o incremento do número de camas. Tamén é necesaria unha UCI ou sala de reanimación ben dotada.





