BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Abril 21st, 2007:

Muiñada de Amendo

Muiñada de Amendo

Hoxe, 21 de abril, estiven na “Muiñada de Amendo”. Trátase dunha festa popular organizada pola Asociación Cultural Altofalante nos muíños de Amendo (situados no Parque Natural en Vixán, Carreira) que pretende recuperar unha tradición moi importante: a “muiñada”, antiga xuntanza festiva de mozos e mozas en torno ós muíños mentres se esperaba pola vez para moer.

Foi unha festa moi entrañable, a que asistiu numeroso público. Mesmo “A Galega” non quixo faltar á cita emitindo en directo dende alí. Empezou ás 11:30 horas e prolongouse ata ás 21:00 horas, con actividades diversas ao longo de todo día. Iniciouse con unha explicación sobre os muíños de Amendo e a posterior moenda, a que seguiu unha fornada con degustación de pan de millo. De seguido fíxose unha repoboación por rapaces e rapazas do espazo queimado nos incendios do pasado verán.

O xantar, para o que todos e todas levamos comida para compartir, estivo amenizado por gaiteiros e gaiteiras que estrearon a “Muiñada de Amendo” composta por Pepe Romero especialmente para o día de hoxe. A actuación dun contacontos e dunhas pandereteiras, xunto con xogos populares alí instalados para a ocasión contribuíron a que pasaramos unha velada moi agradable.

Dende o BNG respaldamos este modelo cultural que contribúe á recuperación e posta en valor do noso: do noso medio ambiente, do noso patrimonio, das nosas tradicións, da nosa cultura e da nosa historia.

Reunión coas asociacións de armadores

Orpal, arrastreiros, cerco e cooperativa

Onte, día 20, reunímonos no local de Cooperativa de Armadores de Ribeira cos representantes das asociacións de armadores. Asistiron representantes da propia Cooperativa, do cerco, do arrastre e do palangre. Acompañáronme a esta xuntanza o noso deputado, Bieito Lobeira, e o número dous da candidatura do BNG de Ribeira, Xosé Luís Groveiro.

Durante máis de dúas horas, e nun ambiente cordial, transmitíronos a súa preocupación pola situación xeral do porto e do sector, facendo fincapé nunha serie de problemas relativos ás duplas taxas nos portos, calendario de traballo no cerco, topes de capturas e baixos prezos.

Pola miña parte, informeille da importancia que para nós ten a potenciación dos nosos sectores productivos en xeral, e do pesqueiro en particular por ser estratéxico para a economía de Ribeira.

Coincidimos en que as melloras no porto deberan estar recollidas nun “Plan director” que a administración xa debera ter presentado e consensuado con todo o sector e manifesteille o noso apoio á construción dunha nova lonxa acorde ás necesidades do primeiro porto de baixura do Estado e de Europa, á dotación de máis puntos de atraque e á necesidade do campo de redes cuberto e outros servizos portuarios.

Tamén se interesaron por outros temas, como o “Polígono Industrial da Barbanza”, do que lle detallamos as súas características así como o estado actual do proxecto, que segue o seu ritmo e estarán iniciadas as obras a primeiros de ano.