BNG-Ribeira

Blog do BNG de Ribeira.

Abril, 2007:

I carreira campo a través do Corgo: a carreira en defensa da paisaxe

Carreira do Corgo en defensa da paisaxe

Máis de 200 deportistas na saídaOrganizando Xabi Fran, Xosé Antón de Manoel

Na meta Na meta No podiumMoncho e Domi

Hoxe achegueime ata Teira, a carón de Corrubedo. Alí púxose a saída e a meta desta carreira polo Corgo na que participaron máis de douscentos deportistas. A dureza dos sete quilómetros de percorrido compensárona coa visión dunha paraxe espectacular das poucas que quedan virxes no noso concello.

Paga a pena apoiar este tipo de iniciativas que ademais de promover a práctica deportiva, reclama a protección do noso territorio. A organización correu a cargo das asociacións culturais Altofalante e Pau da Luz, co apoio da Plataforma Medioambiental de Corrubedo. Agardamos que se repita o vindeiro ano e que durante moitos se manteña esa fermosa paisaxe.

Galicia Hoxe:
Corrubedo lanza un SOS polo territorio
Carreira ecoloxista a carón do mar de Corrubedo a prol da natureza de toda Galicia

As candidatas do BNG

Candidatas BNG Municipais 07

O BNG presenta un total de 64 candidatas nas vindeiras eleccións municipais de maio. É a organización política que presenta máis mulleres como cabeza de lista nas súas candidaturas. Esta aposta pola igualdade do BNG en todo o país e maior, se cabe, na Barbanza onde tres das súas catro candidaturas están encabezadas por mulleres: ademais de Ribeira, Pobra e Rianxo.

Lembrar tamén que en Ribeira a candidatura é paritaria e cremalleira de principio a fin.

Reportaxe na Voz: Máis candidatas que nunca

Visita ao Hospital da Barbanza

Visita ao Hopital da Barbanza

O venres, 27 de abril, achegámonos ao Hospital da Barbanza para reunirnos con representantes do Comité de Empresa. Acompañounos Carlos Aymerich, voceiro do Grupo Parlamentar do BNG.

Teño que destacar aquí o importante traballo feito polo BNG na demanda de melloras para ese hospital: reunímonos en varias ocasións co Comité de Empresa, presentamos iniciativas nos concellos da Barbanza e no Parlamento Galego e fixemos un importante traballo social de recollida de apoios en forma de postal en toda a comarca. Aínda queda moito por facer, pero que se vaian dando pasos para a súa integración no SERGAS é un avance moi importante porque ademais de melloras laborais para o persoal, traerá consigo melloras asistenciais para toda a cidadanía.

Con todo é necesario un esforzo por parte da Consellería para axilizar prazos na realización de determinadas obras de infraestructura, como a colocación do aire acondicionado e a construción do heliporto que debería estar xa feito dende o 2006. Esta é unha demora aínda máis preocupante neste momento, si cabe, pois co peche da vía rápida, o traslado de pacientes graves ten que facerse pola estrada comarcal.

O Comité de Empresa considera prioritario neste momento o incremento do número de camas. Tamén é necesaria unha UCI ou sala de reanimación ben dotada.

Nova na Voz

Xuntanza en Palmeira

O pasado venres, día 27, achegámonos ata a Casa do Mar de Palmeira para reunirnos con un grupo de veciños e veciñas interesados en facer aportacións para que as teñamos en conta na nosa proposta de goberno. Durante máis e hora e media conversamos das necesidades de Palmeira e das propostas que o BNG ten para esta parroquia e para Ribeira no seu conxunto.

Xuntanza en Oleiros

Xuntanza en Oleiros

O xoves, 26 de abril, reunímonos cos veciños e veciñas de Oleiros. Durante dúas horas medio cento de persoas quixeron deixar constancia das múltiples carencias desta parroquia. Aínda hai vivendas que non teñen auga corrente e ningunha conta con saneamento. Tamén denunciaron o mal estado das pistas, a falta de beirarrúas, a carencia de puntos de luz e mesmo o mal mantemento do alumeado con lámpadas fundidas dende fai tempo.

A necesidade de mellorar o precario servizo de transporte, de canalizar as pluviais en algúns lugares, como na estrada de Moldes, por exemplo, de controlar a velocidade dos automóbiles na estrada xeral, ou de dotar de pistas polideportivas e dunha casa de cultura á parroquia foron algunhas das súas demandas.

Pola nosa parte, manifestamos o noso compromiso coa parroquia, para solventar dende o goberno municipal todas estas eivas, facendo especial fincapé en sentar as bases para ir abordando paulatinamente o saneamento da parroquia.

Coa directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira

Coa Asociación de Empresarios de Ribeira
Coa Asociación de Empresarios de Ribeira

Onte, 25 de abril, acompañada do Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, e de varios integrantes da candidatura: Xosé Luís Groveiro, Ana Álvarez e Anxeles Glez., reunímonos coa directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira.

Escoitamos as principais demandas do sector empresarial referidas principalmente á carencia de chan industrial que temos en Ribeira. Queixaronse da falla de información que o concello ofrece ás empresas e negocios á hora da apertura; apuntaron deficiencias na falla de aparcamentos, de iluminación nas vías públicas, de vixilancia nocturna, falta de sumidoiros en naves preto de Xarás, cheiros pestilentes na mesma zona ou a moi deficiente sinal de TV. Non faltaron os múltiples problemas urbanísticos que os empresarios consideran urxente solucionar.

Durante dúas horas falamos destas e doutras cuestións e das propostas que nos temos para darlle solución aos problemas plantexados. Así no tocante ó chan industrial adiantámoslle as últimas novidades. A previsión é que o expediente urbanístico esté aprobado no primeiro semestre do ano que vén e que en breve se abrirá un prazo de solicitude provisional de chan para as empresas interesadas. As solicitudes presentadas determinarán se o polígono se leva a cabo en unha ou dúas fases.

O polígono contará con naves modulares en réxime de aluguer, con opción de compra, construídas pola Consellería de Vivenda e Solo o que as fará moito máis asequibles aos pequenos empresarios e a mocidade emprendedora.

Aproveitamos para detallar algunhas das principais medidas a tomar tan pronto cheguemos ao goberno, basicamente serían:

Demandar melloras portuarias, reestructurar e potenciar a Axencia de Desenvolvemento Local para introducir elementos de información, asesoramento, orientación e dinamización da actividade empresarial, que aforrara esforzos e gastos, sen incorrer en competencias desleais. Implantar aparcamentos disuasorios nas entradas a Ribeira e un Plan de mellora do transporte público para facilitar a circulación e, polo tanto, a actividade comercial. Introducir melloras na peonalización aumentando as zonas verdes e as beirarrúas. Xestionar a construción dun novo Mercado Municipal, unha auténtica Estación de Autobuses e Matadoiro, así como un plan de implantación en Ribeira de banda ampla e de recepción de TV.

No Centro Recreativo de Artes

No Centro Recreativo de Artes

Onte, 24 de abril, estivemos no Centro Recreativo de Artes. Xosé Luís Groveiro, o número 2 da candidatura do BNG de Ribeira e o noso candidato por Artes, comentou algunhas das propostas para a parroquia. O Polígono Industrial da Barbanza, a mellora do transporte público, da escola pública, a situación do polideportivo, o campo de fútbol, o saneamento ou a recuperación do río de Artes foron algunhas das cuestións das que se falou.

Ademais, as persoas asistentes, tanto representantes de colectivos diversos como a título particular, interesáronse polas subvencións para a limpeza dos montes (o Concello non asinou o convenio coa Consellería de Medio Rural), manifestáronse preocupados polo incremento do catastro, e pola situación urbanística e insistiron na necesidade de adaptar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á Lei do Solo.

Tamén consideraron necesario arranxar as pistas e mellorar algúns entornos. O achegamento das novas tecnoloxías á parroquia e o gas natural tamén o consideraron moi importante para o seu desenvolvemento das empresas alí instalados.

Rematamos manifestando o noso compromiso para traballar dende o Goberno do Concello para acadar para a parroquia todas estas melloras importantes e necesarias, contando sempre coa participación e o apoio de veciños e veciñas.

Muiñada de Amendo

Muiñada de Amendo

Hoxe, 21 de abril, estiven na “Muiñada de Amendo”. Trátase dunha festa popular organizada pola Asociación Cultural Altofalante nos muíños de Amendo (situados no Parque Natural en Vixán, Carreira) que pretende recuperar unha tradición moi importante: a “muiñada”, antiga xuntanza festiva de mozos e mozas en torno ós muíños mentres se esperaba pola vez para moer.

Foi unha festa moi entrañable, a que asistiu numeroso público. Mesmo “A Galega” non quixo faltar á cita emitindo en directo dende alí. Empezou ás 11:30 horas e prolongouse ata ás 21:00 horas, con actividades diversas ao longo de todo día. Iniciouse con unha explicación sobre os muíños de Amendo e a posterior moenda, a que seguiu unha fornada con degustación de pan de millo. De seguido fíxose unha repoboación por rapaces e rapazas do espazo queimado nos incendios do pasado verán.

O xantar, para o que todos e todas levamos comida para compartir, estivo amenizado por gaiteiros e gaiteiras que estrearon a “Muiñada de Amendo” composta por Pepe Romero especialmente para o día de hoxe. A actuación dun contacontos e dunhas pandereteiras, xunto con xogos populares alí instalados para a ocasión contribuíron a que pasaramos unha velada moi agradable.

Dende o BNG respaldamos este modelo cultural que contribúe á recuperación e posta en valor do noso: do noso medio ambiente, do noso patrimonio, das nosas tradicións, da nosa cultura e da nosa historia.

Reunión coas asociacións de armadores

Orpal, arrastreiros, cerco e cooperativa

Onte, día 20, reunímonos no local de Cooperativa de Armadores de Ribeira cos representantes das asociacións de armadores. Asistiron representantes da propia Cooperativa, do cerco, do arrastre e do palangre. Acompañáronme a esta xuntanza o noso deputado, Bieito Lobeira, e o número dous da candidatura do BNG de Ribeira, Xosé Luís Groveiro.

Durante máis de dúas horas, e nun ambiente cordial, transmitíronos a súa preocupación pola situación xeral do porto e do sector, facendo fincapé nunha serie de problemas relativos ás duplas taxas nos portos, calendario de traballo no cerco, topes de capturas e baixos prezos.

Pola miña parte, informeille da importancia que para nós ten a potenciación dos nosos sectores productivos en xeral, e do pesqueiro en particular por ser estratéxico para a economía de Ribeira.

Coincidimos en que as melloras no porto deberan estar recollidas nun “Plan director” que a administración xa debera ter presentado e consensuado con todo o sector e manifesteille o noso apoio á construción dunha nova lonxa acorde ás necesidades do primeiro porto de baixura do Estado e de Europa, á dotación de máis puntos de atraque e á necesidade do campo de redes cuberto e outros servizos portuarios.

Tamén se interesaron por outros temas, como o “Polígono Industrial da Barbanza”, do que lle detallamos as súas características así como o estado actual do proxecto, que segue o seu ritmo e estarán iniciadas as obras a primeiros de ano.

Presentación deste blog

Presentación do blog

Onte, 19 de abril, presentamos diante dos medios de comunicación este blog, que pretende ser unha canle máis de comunicación coa cidadanía. Acompañounos a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela.

Nós somos conscientes da importancia das novas tecnoloxías no desenvolvemento do concello e do país para non perder o tren do noso futuro. Por iso, un goberno municipal do BNG en Ribeira vai a facer unha firme aposta neste eido.

A dotación de infraestructuras para achegar a banda ampla a todos os núcleos será unha prioridade para nós. Do mesmo xeito crearanse espazos públicos de acceso a internet vía inalámbrica (WIFI ou WIMAX) que permita a conexión gratuíta á cidadanía (bibliotecas, casas de cultura, algún parque público, etc). Así mesmo, a creación dun portal web con un amplo número de servizos que achegue a información municipal á cidadanía e mesmo permita a realización de trámites burocráticos diversos, serán, entre outras, algunhas das nosas actuacións.

Pola súa banda, a directora xeral deu cumprida información das importantes iniciativas que en materia de apoio ás novas tecnoloxías se están levando a cabo dende a Consellería de Innovación e Industria.