O BNG presentou unha iniciativa municipal pola que lle solicita ao Goberno do PP que contrate, por procedemento de urxencia, a unha empresa competente do sector das telecomunicacións para a realización dun estudo da cobertura de Televisión Dixital Terrestre no concello de Ribeira e que proceda, ca máxima urxencia, á instalación dos equipamentos necesarios para garantir a súa recepción con calidade en todo o termo municipal de Ribeira

Desde que o R.D. 944/2005 do Ministerio de Industria pon en marcha o Plan Técnico para a Televisión Dixital Terrestre, o BNG ten reclamado ao Concello de Ribeira en numerosas ocasións a toma de medidas que permitisen a adaptación do noso concello ao novo sistema de Tv e rematasen, ao mesmo tempo, coa máis que deficiente recepción do sinal que sofren moitos veciños e veciñas de numerosos lugares do concello entre os que se encontran as parroquias de Oleiros, Olveira, Artes e outros no propio centro urbano de Ribeira.

Pese a que o Propio R.D. 944/2005 confire parte de responsabilidade aos concello no desenvolvemento do Plan Técnico, e que a Xunta de Galicia ofrece desde o ano 2006 axudas a fondo perdido aos concellos para a realización de estudos técnicos e para a adquisición de equipamentos para a implantación de cobertura de TDT nos seus ámbitos xeográficos, o Goberno Municipal de Ribeira tense negado teimuda e reiteradamente a solicitalas tal e como desde o BNG lle temos demandado. Outros concellos veciños, como Boiro, Muros ou Rianxo, si o teñen feito.

A aplicación dos prazos previstos para a implantación da TDT está levando estes días ao apagado ou desconexión das emisións analóxicas de moitas canles de TV que, aínda que con deficiencias, chegaban aos lugares antes indicados. A consecuencia é que moitos fogares ribeirenses contemplan como desaparece parte da súa escasa e deficiente oferta televisiva véndose obrigados a solicitar servizos técnicos que tampouco lle poden ofrecer solución.

A pouco máis dun mes para o apagón total resulta previsible que moitos fogares do noso concello ficarán definitivamente sen sinal de Tv o que, por tratarse dun “servizo público esencial”, constituiría para eles unha grave discriminación da que o Goberno Municipal sería responsable.

Iniciativa municipal:
2010-02-03sinaltdt.pdf

Nova na Voz:
O BNG de Ribeira insta ao goberno a encargar un estudo sobre a cobertura da TDT

Nova no Diario de Arousa:
o-bng-responsabiliza-ao-concello-da-mala-cobertura-de-tdt.pdf

O BNG reclama a mellora do servizo de seguridade da cidadanía, incrementando a dotación de máis efectivos da policía local

Como vimos denunciando, coa aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que nos vai a custar 1 millón de € máis a todas e todos os ribeirenses, o goberno do PP deteriora o servizo de seguridade da cidadanía. Iso é así por dúas razóns:

1ª.-Non se recolle a dipoñibilidade horaria que viñan prestando os axentes de 12 días ao ano. A eliminación desta dispoñibilidade, sen ningunha outra alternativa, vai a dificultar cubrir baixas e servizos especiais, mermando incluso o propio servizo que se presta día a día, especialmente pola noite.

2ª.-Na propia Relación de Postos de Traballo so se contempla a dotación de 32 membros, lonxe dos 50 que recomenda a normativa vixente para un concello de 28.000 habitantes, tendo en conta, ademais, que Ribeira é unha cidade de servizos con unha poboación flotante diaria moi superior. Aumentando de maneira considerábel na tempada estival.

Atopámonos agora con un grave problema, pois a día de hoxe tan só contamos con 21 axentes cubrindo un servizo para o que deberíamos contar con máis de 50. Lembremos que este é un servizo que se presta 24 horas ao día, todos os días do ano, con unha complexidade funcional moi variada: dende o control da movida nocturna, ate conflitos veciñais, concentracións, manifestacións, accidentes, etc.

Neste momento a única maneira de cubrir baixas e servizos especiais é con horas extra, que o goberno do PP non está autorizando, agás en fin de semana, que autoriza unha patrulla a maiores da que hai, claramente insuficiente, ao noso entender.

Lamentabelmente, os roubos a particulares e negocios están aí. Polo tanto a grandes males, grandes remedios. O goberno do PP ten que facer un esforzo para dotar de máis persoal a este corpo.

Con esta demanda non queremos crear alarma social, máis ben todo o contrario, reclamamos unha solución para un problema real que está preocupando seriamente á cidadanía.

Sabemos que os axentes están estudando un cambio no horario das quendas. Pero o goberno, amosando unha gran irresponsabilidade, non está facendo nada para achegarse á dotación de máis axentes que se recolle na Relación de Postos de Traballo, recen aprobada polo Partido Popular en solitario.

Policía Nacional

Somos conscientes de que a seguridade da cidadanía non depende só da policía Local. Pero o goberno do PP tampouco están facendo nada para reclamar a dotación de máis efectivos da Policía Nacional, nin como goberno nin na condición de Senador do propio Alcalde.

Preocúpanos que o goberno local cargue toda a responsabilidade dun adecuado funcionamento do servizo na Policía Local tan só cambiando o horario das quendas. Agardamos, pois, que tomen debida nota das nosas propostas e doten ao servizo de máis policías.

O BNG presentou, no Pleno do pasado luns 25 de xaneiro, unha Moción co obxectivo de instar á Xunta a inmediata construción do Centro de Saúde mental da Barbanza que integraría a Unidade de Atención á Drogodependencias de Ribeira (UAD)

O PP evidenciou a súa falla de interese pola posta en marcha deste importante servizo, posicionándose en contra da demanda, pese a saber que foi cancelada a contrución deste Centro, o que supón un feito gravísimo no eido da atención socio-sanitaria da Barbanza

A obra que foi licitada polo anterior goberno da Xunta nunha resolución con data 2 de marzo de 2009, foi adxudicada de maneira definitiva en resolución de 5 de agosto á empresa “Construcciones en Piedras Sigrás, S.L.”, cun orzamento de 986.574 euros, tendo como prazo de execución 13,5 meses. Polo tanto, debería estar en fase avanzada de construción e rematada no mes de maio de 2010.

Sen embargo a estas alturas aínda non empezaron as obras. Ao interesarnos pola razón do retraso comprobamos que a Xunta do PP non ten intención de construír este Centro. O goberno do PP de Ribeira alega agora que se as obras non se iniciaron é porque os terreos onde debería ser construído dito centro son da Comunidade de montes de Oleiros. Cabe lembrar a este respecto que o Alcalde manifestou publicamente en sesión plenaria en varias ocasións que “hai terreos”. Aínda así, no pleno do luns, a Sra. Crujeiras tivo a desfachatez de botarlle a culpa á directiva da comunidade xa “que non o levaron á asemblea”.

Consultada a directiva da comunidade de montes, foi contundente ao respecto: a día de hoxe o goberno do PP non solicitou á esta comunidade a cesión dos devanditos terreos. A principios de verán do 2009 uns obreiros realizaron unhas catas para iniciar a construción. A directiva dos comuneiros ao comprobar que estaban fora do deslinde da cesión dos terreos puxéronse en contacto coa Consellaría de Sanidade, enviándolle un escrito adxuntando o plano da delimitación da cesión. A mediados de agosto o presidente dos Comuneiros acude a unha reunión no Hospital da Barbanza (a que asistiron dous membros da Consellaría de Sanidade, o director do Hospital, a portavoz do PP de Ribeira, Herminia Pouso) na que este advirte de que non existe ningún tipo de solicitude formal de cesión dos devanditos terreos. O goberno do PP comprométese a iniciar canto antes os trámites desta cesión. Cinco meses despois segue sen formularse petición algunha. Dende o noso punto de vista, con este tipo de actuacións, o goberno do PP amosa, unha vez máis, a deixadez e o desgoberno deste concello.

Situación da UAD

Ao BNG preocúpalle especialmente a situación da UAD e do seu persoal. O edificio que alberga actualmente a UAD debería ser reformado polo que o traslado da mesma beneficiaría tanto ao propio servizo da unidade (que merecen unhas instalacións acordes coa excelente labor que realizan), como á cidadanía, xa que se podería remodelar dito edificio para outros usos (educativos, sociais, etc…).

Con respecto aos traballadores e traballadoras desta unidade estes non foron incluídos na relación de Postos de Traballo, aprobada recentemente polo goberno do PP, e a pesar de realizar alegacións para ser incluídos/as, todas elas foron desestimadas.

Preguntámonos, pois: que vai a suceder coa UAD e cos seus traballadores/as? Van a ser integrados no SERGAS? Estas mesmas preguntas que o propio goberno municipal xa se facía en novembro de 2008 (cando se presentou unha moción nos mesmos termos que a presente), non foron quen de responderllas ao BNG o pasado luns.

Cancelar esta obra supón un feito gravísimo no eido da atención socio-sanitaria da nosa comarca.

Iniciativa municipal:
2010-01-15mocion_centro_saude_mental_barbanza.pdf

Mobilización en defensa dos servizos sociais públicos do 30 de xaneiro

Máis de 60 entidades sociais e concellos de Galicia, entre os que se atopan concellos pequenos como: A Bola, Poboa de Brollón; concellos medianos como: Carballiño ou Monforte e Concellos grandes como Vigo ou Vilagarcía, e entidades como os Colexios Profesionais de Psicolog@s e Educador@S Sociais de Galicia e diversas entidades sectoriais do ámbito da Inclusión Social, da promoción da autonomia persoal, das drogodependencias, etc., tales como: a Fundación Érguete-Integración, Alcer, Plataforma polo Emprego, Plans Comunitarios dos Barrios de Vite ou Teis, e máis dun cento de cidadáns e cidadás, maioritariamente técnicos e profesionais dos servizos de benestar social presentaron publicamente a Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais.

No transcurso do acto tivo lugar a presentación do Manifesto en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais que, consensuado entre as entidades antes mencionadas, propón a posta en marcha de actuacións orientadas a fortalecer o actual sistema galego de servizos sociais, no marco da Lei de Servizos Sociais de Galicia aprobada no ano 2008.

A Plataforma está aberta á participación de todas as entidades e persoas interesadas e preocupadas por esta cuestión. Pretende impedir a posta en marcha de actuacións políticas dirixidas á privatización e mercantilización de servizos sociais públicos esenciais, o que suporía ademáis unha perda na calidade e extensión dos mesmos, e atentaría contra os dereitos recoñecidos na Lei de Servizos Sociais para o conxunto dos galegos e galegas.

As persoas e entidades interesadas en participar nesta Iniciativa poden facelo a través do correo electrónico: defensa.servizossociais.publicos@gmail.com

Máis información:
manifesto-en-defensa-dos-servizos-sociais-publicos.pdf

O Grupo Municipal do BNG en primeiro plano

O BNG tamén conseguiu arrincarlle ao goberno do PP o compromiso de que a súa xestión sería participada polos mozos e mozas

A Casa da Xuventude recibiu unha subvención de Vicepresidencia do anterior goberno da Xunta, gobernada polo BNG, de 360.000€ e outra do Proder de 500.000€. Ámbalas dúas tiveron que ser prorrogadas en varias ocasións por incapacidade do goberno do PP para rematar as obras dentro dos prazos previstos.

Logo do debate no pasado Pleno, do día 25 de xaneiro, da moción presentada polo BNG de Ribeira, na que instábamos a que o goberno local puxese a disposición da cidadanía a Casa da Xuventude e a Casa de Dona Adela, o goberno local fixou a data deste venres 29 de xaneiro como data de inauguración da Casa da Xuventude.

O BNG puxo en evidencia a deixadez do goberno de Torres Colomer sobre esta infraestrutura, que custou máis de 860.000 euros, xa que, a parte das fendas que ten a Casa da Xuventude e polas que se filtra auga, a empresa suministradora de electricidade cortou a luz de obra e polo tanto apagáronse as bombas de achique. Isto provocou unha inundación, chegando a 80 centímetros de altura, na que se deteriorou: pladur, radiadores, mobiliario, etc.

Dende o BNG levamos reclamando, dende hai décadadas, a posta en marcha dunha casa na que os mozos e mozas de Ribeira poidan desenvolver as súas actividades. Os nacionalistas sempre mantivemos que o modelo organizativo desta instalación debe ser participado moi directamente pola xuventude. Xa que a rapazada tena que sentir como un lugar propio e polo tanto ten que decidir sobre o seu uso e xestión.

O BNG tamén conseguiu quitarlle o compromiso ao goberno do PP de que si sería participada a súa xestión polos mozos e mozas. Según afirmou o representante do goberno local, se lle vai preguntar á mocidade sobre que contidos e servizos debe ter, cuestión esta que non tiveron en conta para deseñar o proxecto.

No Pleno do pasado luns, día 25 de xaneiro, debateuse unha iniciativa do BNG na que se lle reclamaba ao Goberno do PP a realización das xestións oportunas diante da Consellería de Industria para que inste a Unión Fenosa a executar a obra de Carballo-Sobrido por vía de urxencia dado que xa rematou o prazo para realizar a obra.

Tamén demandamos que por parte do concello se facilite a dotación do terreos para a colocación do transformador nos Muíños.

A pesar da evidente necesidade de mellorar as liñas electricas de Oleiros, o Goberno PP rexeitou en Pleno facer ningún tipo de xestión ao respecto.

Co goberno do BNG na Xunta déronselle solucións a moitos dos problemas de subministro de electricidade en todo o Concello e tamén na parroquia de Oleiros con diferentes obras, algunhas delas xa rematadas. Outras, inexplicablemente, seguen a sufrir atrancos e aínda nin se empezaron como é o caso da obra de Os Muíños, paralizada pola ubicación do transformador, e a de Carballo-Sobrido que tiña que estar rematada como moito no mes de setembro.

Isto ocasiona que os veciños e veciñas dalgúns lugares da parroquia de Oleiros leven varios anos queixándose porque non teñen o suministro de enerxía eléctrica necesaria. Nalgúns casos é tan deficiente que cando se encende algún aparato como pode ser a prancha, o forno, unha lavadora, etc., a tensión baixa de forma alarmante, tendo que chegar ó extremo de apagar algúns elementos para que poidan funcionar outros. Ao mesmo tempo hai veciños que non puideron contratar a antiga tarifa nocturna para poder dispor de calefacción, porque os instaladores desaconsellan a súa instalación polas deficiencias comprobadas no subministro de enerxía eléctrica.

Fixéronse diferentes xestións telefónicas e reclamacións por parte dos veciños e veciñas de Oleiros tanto diante da empresa subministradora Unión Fenosa como da Consellería de Industria. Tamén se informa destas deficiencias ao Goberno Municipal do PP de Ribeira en comunicacións feitas desde o ano 2001.

Diante da falta de interese do Goberno Municipal, o Grupo Municipal do BNG informou á Consellería de Industria da Xunta de Galiza, naquel momento gobernada polo BNG, das deficiencias do subministro eléctrico en varias parroquias do Concello de Ribeira, entre elas Oleiros, unha das que presentan máis deficiencias. Aínda que as actuación da Consellaría de Industria foron moi importantes, seguen quedando algúnhas zonas da parroquia con deficiencias no suministro electrico por atrancos diversos, como é o caso da obra dos Muiños e a de Carballo-Sobrido que xa debería estar rematada en setembro. O traballo feito polo BNG dende o Goberno da Xunta terá agora continuidade dende a oposición reclamando diante do goberno do PP de Ribeira e da Xunta as melloras que tanto a cidadanía de Oleiros como a do conxunto de todo Ribeira necesita.

Iniciativa municipal:
2009-11-20linas-electricas-oleiros.pdf

No Pleno Ordinario do Concello de Ribeira do vindeiro luns, día 25 de xaneiro, debateranse un importante número de iniciativas presentadas polo BNG: 6 mocións e numerosas solicitudes. Cabe indicar que, por unha cuestión organizativa, está limitado o número de mocións a presentar por cada grupo municipal. En concreto ao BNG correspóndenos un máximo de 6. Lembramos que os plenos son públicos e poden asistir todas aquelas persoas que o desexen.

Preme enriba da iniciativa para obter máis información sobre a mesma.

As mocións son en relación cos seguintes temas:

1.- Melloras nas liñas electricas de Oleiros
2.- Posta en funcionamento do museo Casa de Dona Adela e da Casa da Xuventude
3.- Servizo de seguridade da cidadanía
4.- Construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental da Barbanza
5.- Ordenanza reguladora da limpeza de terreos e solares en chan urbano e de núcleo rural
6.- Dotación de celadores no Hospital da Barbanza

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que reclama a urxente posta en funcionamento da coñecida popularmente como Casa de Dona Adela, na que o goberno do PP ten anunciado, e mesmo publicitado en folletos, a dotación dun museo.

Tamén solicita información a cerca das causas da tardanza na posta en marcha das nomeadas instalacións, así como das actividades que se van a desenvolver neste espazo público.

O concello de Ribeira ten numerosas obras executadas, pendentes de poñer a disposición da cidadanía. A pesar da carencia que ten o noso concello de espazos públicos e mesmo do importante custo económico que supón a realización das mesmas, incomprensiblemente moito tempo despois de rematadas aínda non se pode disfrutar da súa utilización.

Antecedentes:

A Casa de Doña Adela é un claro exemplo de desleixo do goberno local. Esta edificación, emprazada no número 19 da Rúa de Galicia, é un ben inmoble catalogado como de grao I no PXOM de Ribeira. A lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia indica no artigo 75.3, en relación cos inmobles catalogados que “o planeamento deberá prever as medidas necesarias para a protección, conservación, recuperación e aproveitamento social e cultural dos bens incluídos no catálogo.”

No PXOM de Ribeira, en referencia ao patrimonio cultural, no artigo 167: recollese que “a protección destes edificios, conxuntos e elementos vai encamiñada a súa conservación, rehabilitación e posta en valor aceptando a realización de determinadas obras en función das características do obxecto protexido.”

Aínda así, fixeron falta moitas mobilizacións da cidadanía e moitas iniciativas do BNG, tanto diante do goberno do PP de Ribeira como diante da Delegación da Consellaría de Cultura, para paralizar primeiro o expediente iniciado co obxecto de declarar o inmoble en estado de ruína (Decreto de Alcaldía de data 23-04-2004 o que implicaría o seu derrubo), e logo a súa adquisición para o patrimonio público e a posterior rehabilitación. Evitouse, grazas ao esforzo colectivo, a especulación urbanística logrando á necesaria protección e conservación do noso patrimonio.

6 anos despois, segue pechada a cal e canto

Con todo, preto de 6 anos despois de iniciado o proceso, e coas obras de rehabilitación xa rematadas dende hai meses este espazo, que o goberno do PP xa publicita nos seu folletos como un museo, segue pechado a cal e canto, pese a que Ribeira non conta con ningún museo público.

O BNG leva insistindo na necesidade de pór en marcha este equipamento cultural tan necesario para o noso concello así como saber cales van ser os contidos que lle van dar sentido ao mesmo. Sen dúbida o Concello de Ribeira debe ter moitas pezas doadas por persoas e institucións con valor artístico e patrimonial. Pezas estas que deben de estar a exposición pública. Indicar que na parroquia de Artes existe un museo etnográfico, posto en marcha pola veciñanza da parroquia, que ben podería cumprir esta labor de albergar pezas de interese que ten o noso concello.

O BNG de Ribeira propón que este museo municipal sexa a sede dun museo do mar, e máis especificamente un museo para a nosa embarcación tradicional máis senlleira: a dorna. Un mar que é a base da nosa economía e fonte espiritual do que somos. Que menos que contemos cun museo dedicado a el! Un museo que sexa diferente, uniforme en canto a temática, único en canto a contido (non existe ningún museo específico da Dorna), que forme parte do noso (Ribeira é mar). Este museo podería recoller todo o patrimonio material (distintos tipos de dornas, artes de pesca, etc.), o inmaterial (léxico, costumes, etc) e o lúdico (a Festa da Dorna leva máis de 60 anos formando parte do nós colectivo).

Dende o BNG de Ribeira queremos saber porque un investimento de 405.965, 92 €uros, que se investiron na rehabilitación do inmoble, aínda non está dispoñible para a cidadanía. Demandamos saber que contidos vai ter este equipamento e propoñemos a creación do Museo da Dorna nese espazo.

O BNG ven de presentar unha iniciativa municipal pola que demanda que o Pleno da Corporación Municipal de Ribeira inste á Consellería de Sanidade á creación, coa maior urxencia posible, da categoría de Celador no Hospital Comarcal da Barbanza cun número de postos acorde ao tamaño do Cadro de Persoal e á poboación que atende.


A posta en marcha do Hospital Comarcal do Barbanza, en outubro de 1997, como Fundación Pública ao marxe do Servizo Galego de Saúde consentiu, entre outras deficiencias, a súa posta en funcionamento sen as preceptivas prazas de Celador coas que si contan todos os hospitais do SERGAS.


O descontento cidadán co funcionamento do hospital e as sucesivas reivindicacións e mobilizacións, nas que o BNG defendeu activamente a integración deste Hospital no SERGAS, provocaron importantes melloras entre as que destaca a aprobación do decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral das fundacións públicas. Esta integración e homologación do persoal do Hospital do Barbanza co do Servizo Galego de Saúde debe supoñer a creación da categoría de celador no noso hospital poñendo así fin a unha discriminación do seu persoal que ate o momento ten que realizar funcións que non lle corresponden o que supón unha diminución da calidade no servizo e na atención que prestan aos pacientes.


É demanda unánime de todos os usuarios e usuarias do Hospital da Barbanza a mellora da atención sanitaria que presta á poboación e, neste sentido, temos que coincidir coas xa longas reivindicacións do cadro de traballadores e do Comité de Empresa deste Hospital que teñen demostrado a inxusta discriminación que sofren a respecto doutros Hospitais que, tendo sido fundacións tamén no seu momento, a día de hoxe contan xa ca categoría de Celador no seu cadro de persoal, como é o caso do Hospital do Salnés, similar en poboación atendida ao do Barbanza.

Iniciativa municipal:
2010-01-16_celadores_hospital_barbanza.pdf

Máis información:
Solicitamos celadores/as para o Hospital da Barbanza

Nova no Canal Rías Baixas:
O BNG denuncia falla de celadores no Hospital da Barbanza